Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

na latitude do deza

Fuenteovejuna, todos a una

Un sorprendente título para unha insólita situación, pero o caso da LAT O Irixo-Subestación de Lalín non é para menos, por causa dun aberrante trazado insidiosamente disposto para destrozar unha paisaxe de excepcional valía. Ao longo da nosa historia, incluída a local, teñen sucedido feitos controvertidos que nos poden servir de referencia comparativa, como se pode apreciar nos seguintes casos.

Caso 1. O mellor comediógrafo da literatura española (Século de Ouro), Lope de Vega, en base a un feito real sucedido en 1476 en Fuenteovejuna (Córdoba), escribiu unha sorprendente representación teatral, revolucionaria para a súa época. O comendador, personaxe de costumes medievais, exerce o abominable "dereito de pernada" e os habitantes de Fuenteovejuna consideran que ese abuso de poder é unha violación sexual, un atetado contra o honor dunha persoa e deciden eliminalo, por iso, entran na súa casa e mátano a pedradas. Os Reis Católicos envian pesquisidores e comeza un xuizo no que todos os habitantes se declaran culpables: "Fuenteovejuna, todos a una".

Caso 2. Na marxe esquerda do río Turubelo, parroquia de Guillar (Rodeiro), consérvanse restos dunha aldea desaparecida, de orixe medieval, denominada San Xoan de Turubelo á que está asociada unha interesante lenda que garda relación cun suceso hipotético. Esta é a lenda: "Hai moitos anos existía nese lugar unha aldea chamada San Xoán de Turubelo. Un día chegou alí un recaudador de impostos reclamando vellas débedas e os veciños da aldea colleron un cabreo tan grande que terminaron matándoo a golpes. Logo tiraron o cadáver a un pozo profundo. Ao enterarse do sucedido, o gobernador mandou a un capitán do exército cun destacamento para que esclarecera os feitos, pero os veciños negáronse a prestar declaración alegando que eles non debían nada. O capitán comunicoulle ao gobernador que os veciños negaban todo e non estaban dispostos a pagar os impostos reclamados e, este último, ordenou que arrasaran a aldea e mataran a todos os veciños. Desde aquel momento desapareceu para sempre San Xoan de Turubelo".

Caso 3. O día 5-11-1870 o comandante da Garda Civil de Lalín envía un oficio ao Gobernador Civil de Pontevedra denunciando o sucedido no lugar de Vilatuxe a finais de setembro. Aquel día, o denunciante, acompañado dunha parella de gardas civís e dun concelleiro de Lalín, comisionado para cobrar un novo imposto persoal nas parroquias de Doade, Lodeiro e Vilatuxe, presentáronse diante da igrexa, cando saían da misa (domingo) para reclamar o pago puntual dun imposto persoal ("capitación") creado en 1868 polo Goberno Provisional. Os veciños alí reunidos, máis de 200, amotináronse dicindo que non pagaban porque non lles daba a gana. O comandante tentou controlar o motín e deter ao principal instigador, pero iso dou lugar a un empeoramento da situación e tanto o comisionado, ao que lle tiraron varias pedradas, como a Garda Civil tiveron que escapar "ás carreiras" deste lugar. Quedou ben claro que os veciños de Vilatuxe non aceptaban este novo imposto, que se propuxo para substituir ao impopular e odiado imposto anterior de "consumos".

Caso 4. Actualmente Fenosa tenta pasar a LAT de 132 Kv O Irixo-Subestación de Lalín, polo medio dun singular bosque antigo, nas parroquias de Catasós-Moneixas, despois de darlle un carpetazo a máis de 100 alegacións en contra e amañar informes ambientais que foron aceptados por consellerías da Xunta de Galicia como verdadeiros. A cuestión plantexada como grave inxustiza, atentado contra o Medio Natural, imposición arbitraria, causante de agravios comparativos para o vecindario, trazado aberrante, manifestacións enganosas por parte da empresa, etc., todo iso non é máis ca un problema complexo que pode traer resultados similares aos anteriores se non hai outras solucións máis axeitadas e posibles (factibles). Se agora o problema é a salvación das fragas e estas non se salvan, o seguinte problema ten que ser Fenosa e o goberno da Xunta de Galicia, que non merece estar ao frente desta comunidade. Teremos que tomar o exemplo dos habitantes de Fuenteovejuna e loitar contra as imposicións como os veciños de San Xoan de Turubelo ou os de Vilatuxe. "Fuenteovejuna, todos a una".

Compartir el artículo

stats