Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Coordinador da Organización de Productores de Leite

O sector lácteo ten futuro

O sector lácteo galego leva tempo converténdose nun problema recorrente, que estoupa periodicamente polas vilas (2009, 2012, 2015) cando os gandeiros esgotan a súa paciencia e conseguen coordinarse para reclamar masivamente un dereito básico como é poder vivir dignamente do seu traballo. Esta coordinación do sector produtor seguramente é a primeira parte do problema: a incapacidade do galego a cooperar, tanto para reducir os custes de produción compartindo medios, organizando terras, etc., como para poder dimensionar cooperativas que consigan participar en proxectos industriais engadindo valor ao seu produto (o 30% dos gandeiros non participa en ningunha asociación). Aínda así, conseguen ser competitivos e mellorar as súas explotacións a nivel europeo.

Os que non conseguen estar hoxe en día a nivel competitivo europeo son as industrias, durmindo nos loureiros, hai tempo cando gañaban cartos a moreas envasando leite en brik, pero coa apertura de mercados deixaron de ser rendibles e o único que conseguen é pasarlle a pelota á parte máis débil e menos organizada: o gandeiro.

Por outra banda, temos a distribución, inmersa nunha loita fraticida para facerse co mercado nun escenario claramente sobredimensionado nun país cun 25% de paro e axudados pola inconsiencia das administracións, que autorizan grandes áreas, pelexando polos ingresos impositivos e empeñados en arruinar aos comercios locais.

Por último, o cuarto participante é unha Administración sen interese en defender o progreso do país e concentrados unicamente polo cortopracismo en como gañar as próximas eleccións.

O sector lácteo en Galicia é moito máis que a supervivencia económica de preto de 10.000 familias, é a auténtica vertebración do tecido económico do país, cuns índices demográficos, sociais, ambientais, etc. que fan necesaria unha política activa para a súa defensa, inexistente ata o momento.

Un bo exemplo do que hai que facer pode ser Irlanda, país do comisario de agricultura, que propón unha reestructuración gratuíta do sector despois de que o país incrementase de forma eficaz un 20 % a produción ovina, un 20 % o vacún e un 50 % o leite, con políticas encamiñadas á exportación.

Nesta situación, os gandeiros conseguimos, este verán, impulsar un acordo en Madrid para dotar dun marco estable ás relacións gandeiro-industria-distribución. O acordo non conseguíu o consenso co sector produtor, xa que insistimos en que para que fose eficaz tiña que estar dotado dunha normativa que o fixera de obrigado cumprimento.

A Administración tiña moita présa en calmar aos gandeiros e anunciou un histórico triunfo a pesar do que estabamos a sinalar. Pasaron dous meses e por desgraza o tempo deunos a razón: A distribución subíu o prezo do leite nos lineais, pero non se trasladou nin un céntimo de euro ao eslabón máis perxudicado, que xa levaba meses cobrando por debaixo dos custes de produción.

Despois de que no último ano, e sobre todo nos últimos meses, houbera un abandono masivo de explotacións, polas perdas que supoñen para as familias galegas, e non só galegas senón do resto do Estado español e de toda a UE, que viven do vacún de leite por mor das actuais políticas, os gandeiros da Organización de Productores de Leche (OPL) reivindicamos en Compostela as propostas lanzadas diante da Comisión Europea, hai uns días pola European Milk Board (EMB) para sacar ao sector lácteo desta crise.

De entre elas destacamos: nun primeiro paso de crise, detectada cuns índices baseados nos costes de produción e os prezos do leite en po e manteiga, a intervención de mercados con medidas efectivas de retirada do mercado de leite en po, aumentando o seu prezo e fomentando os consumos; unha baixada voluntaria e incentivada da produción, con 0,10-0,15 euros, unha medida moi efectiva en sectores como a pesca, e unha baixada obrigatoria da produción, proporcional ós excedentes de cada país. Neste debería darse con excepción dos países que non teñen un excedente na súa produción, como é España.

Con este panorama, lonxe de ser catastrofistas, estamos seguros de que temos futuro, xa que temos produto de calidade recoñecida e caraterísticas edafoclimáticas para producir de maneira rendible e falta "nada máis" que unha concienzación de país e unhas decisións claras para defendelo.

Compartir el artículo

stats