Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Marcha, andadua, passo travado, nós

O cabalo, como cuadrúpede que é, move para se desprazar as extremidades cruzadas. Brazo dereito pata esquerda, brazo esquerdo pata dereita. Así no trote coma no galope coma no paso, que son aires naturais do cabalo. Supoño que serían os aires dos cabalos domesticados desde a prehistoria nas estepas de Asia, na Mesopotamia e no Val do Nilo polos homes que aprenderon o cabalo a obedecer tirando do carro. Imaxinen Aquiles no seu carro e véxan Assurbanipal e os Faraóns nos baixoreleves e pinturas.

Nos terreos e xeografías nos que non se podía facer a guerra nin viaxar en carro, e menos con rodas de radios, o cabalo era montado desde a noite dos tempos. O cabaleiro da prehistoria e de hoxe debe coñecer unha disciplina que chamamos, cunha obviedade grega, hípica. O cabaleiro debe saber mandarlle ao seu cabalo o paso, o trote e o galope, así como modular todos este aires innatos do animal. Pero en diversos lugares do planeta, os cabaleiros conseguiron inculcarlle aos seus belos e nobres animais un ar novo, de industria, artificial.

Este recibe moitos nomes: galego "marcha" e "andadura", portugués "marcha" e "passo travado", italiano "ambiatura", castelán "andadura", francés, "amblure". Foi unha forma de camiñar o bruto que chegou a ser moi popular.

A andadura consiste en ensinarlle ao cabalo a moverse botando sucesivamente o brazo e a pata de cada costado ao mesmo tempo. Foi tan a prestixiosa a andadura que no "Pilrinage de Charlemagne" (poema francés do século XIII), o emperador move sempre o seu cabalo "a une amblure". Os países xermánicos tamén tiveron predilección pola andadura e coñécese ainda este aire con palabras como töll ou semellantes.

E ben, desaparecidos os cabalos e as mulas como animais de viaxe e transporte, a utilidade da marcha ou andadura desapareceu, e esvanéceuse a súa memoria. Quedou en Colombia, co nome de "paso fino" e sobre todo en Islandia, onde o töll exercitado nos pequenos cabaliños indíxenas en forma de carreiras regulares, é deporte nacional. Até que reviviu en Galicia, onde sempre a andadura se conservara aínda que con dificultades.

De forma parecida nas provincias portuguesas do Minho e Tras os Montes. Ligado á recuperación do cabalo de Pura Raza Galega (PRG), existe felizmente un "Campionato Galego de Andadura" cuxo inspirador principal foi e é Joaquín G. Troncoso, dentro da Federación Hípica Galega que preside Carlos Domínguez. Joaquín é autor do libro Nós, andadura cuxa lectura lles recomendamos. Acaba de clausurarse en Covas (Ferrol) o Campíonato Galego de Andadura último.

Compartir el artículo

stats