Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Penélope 2.0

"Marea. gal"; "Pola Unión"; "Banquete de Conxo 2.0"; "Equo"; "Espazo Ecosocialista"; "Cerna", "Somos Maioría, "Grândola"... : certamente, a listaxe dista aínda de estar completa. Mais en calquera caso, e segundo algúns dos promotores da Gran Confluencia, unha das ideas-forza da mesma consiste sempre en que os partidos políticos han de conformar unha peza secundaria; polo contrario, veñen ser os cidadáns aqueles que deben levar a cabo a definitiva confección dunha candidatura unitaria que poida supoñer unha alternativa real ao bipartidismo en Galiza. Excelente. Excelente se non fose porque acontece que, se ben que todos os actores digan confiar en atinxir a referida unidade, ninguén foi capaz por agora de concretala nin, desde logo, poñer prazos para a consecución da mesma. O que é máis: hai incluso actores que non teñen claro que ese/esa que está ao lado resulte, cando a ocasión así o demande, saber actuar de veras sobre un escenario. A frase é de Xoán Bascuas, secretario xeral de CxG: "Todo o mundo quere fumar a pipa da paz, pero non todo o mundo quere tragar o fume."

"A historia nunca pode ser obxectiva", dicíame os pasados días un vello e bo amigo que escribe aquí ao lado, segundo viran Vdes. cara á esquerda. Acaso un tanto repelentemente da miña parte, fun e retruqueille: "E non será máis ben que a historia si que é obxectiva, e os que non deveñen obxectivos, son os historiadores?"

Os datos, eses si que son inamovibles: o 19 de outubro de 1997 tiveron lugar eleccións autonómicas no fogar de Breogán. O PP, liderado por Manuel Fraga Iribarne, obtivo nelas 832.000 votos e 42 escanos. A segunda forza veu ser o BNG, comandado por Xosé Manuel Beiras, con 395.000 votos e 18 actas de deputado. O PSdG-PSOE, ao mando de Abel Caballero, quedou en terceira posición: 310.000 votos e 15 deputados. Aquel "sorpasso" durou pouco; sen embargo, oito case anos máis tarde, nos comicios do 19 de xuño do 2005, a suma acadada por socialdemócratas (555.000 e 25 actas) e mais nacionalistas (311.000 e 13 deputados- superou esoutros 756.000, 37 escanos, que foi atinxir un PP que, por vez derradeira, presidía Fraga.

Comprendo ben que non é cousa de abrumalos a Vdes con números e máis números. Mais, para finalizar, lembrarlles que o 21 de outubro de 2012, o PP de Núñez Feijoo obtivo 661.000 votos -41 escanos- fronte aos 297.000 -18 actas- do PSdG-PSOE, os 200.000 de Anova-EU -9 deputados- e os 146.000 do BNG, con 7 actas no seu haber. Desde logo, fagan os, sempre moi amables, lectores todas as contas que procedan.

"Galiza sempre vota pola dereita; sen embargo, agora temos unha oportunidade histórica de conformar unha maioría que desbanque o PP", repenican as campás. Non dubida este modesto cronista da posibilidade dunha parte da aseveración. Con todo, non podo concordar nin que o país que habitamos se decidise sempre polas opcións situadas na dereita do espectro electoral nin moito menos aceptar que esteamos diante dunha primeira "oportunidade histórica" para afastar o PP do poder autonómico. Simplemente sucede que a historia desminte semellante ficción.

Reitero: fagan Vdes. mesmos as contas; repasen as hemerotecas. Así, e sen ir máis lonxe, comprobarán nelas como, por exemplo, o primeiro alcalde elixido democraticamente na cidade d´A Coruña desde 1936 formaba parte de Unidade Galega e atendía (e atende) por Domingos Merino. Accedeu ao cargo grazas ao pacto alcanzado entre UG (5 concelleiros), PSOE (6), BN-PG (2) e PCG (2): suma superior a esoutra dos 8 de UCD e os 4 acadados pola, antecesora do actual PP, Coalición Democrática. Traducido ao noso romance: chámese marea, pero chámese tamén galerna, nordesía, neobanquete, viva la gente...; leve a coleta morada ou amose o cránio rasurado, tal e como en etapas anteriores do noso devir, se algo semella evidente é que, ou ben continuamos a transitar polos roteiros do "laissez passer" -isto é, ese particular nihilismo enxebre no cal o supremo obxectivo tal parece que sexa ese mesmo de irmos morrendo amodo: os que poidan, na propiedade horizontal; o resto, apenas en horizontal e sen máis reviravoltas- ou, polo contrario, asistimos outra volta á coaligación das vontades socialdemócratas e nacionalistas. Pois ben; houbo unha ocasión -volvan os lectores a parágrafos atrás- na cal o nacionalismo unido contiña os alicerces do cocktail. E houbo outra máis aínda na que as instalacións de San Caetano contemplaron a presenza de conselleiros nacionalistas polos despachos e corredores. Curiosamente, non se coñece -non coñece este modesto cronista- demasiada literatura reflexiva sobre qué se fixo de todo aquilo. "Pende en que pende Penélope pensativa perde novelo nove novamente canto"; xa que logo: Penélope 2.0? Ubi sunt qui ante nos in hoc mundo fuere? A non ser, claro é, que algúns pretendan xogar a que antes de nós o rostro enteiro do mundo só se pintaba de cor gris.

Compartir el artículo

stats