Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

"Vive Québec Livre!"

O xeneral De Gaulle, ao ver no curso dunha viaxe ao Canadá como unha multitude entusiasmada lle dedicaba víctores e facía ondexar bandeiras tricolores, prorrompeu, a final do seu discurso nun improvisado e vehemente berro : "Vive Québec livre!" A resoante saída de protocolo e célebre violanción de todas as regras da diplomacia por parte do presidente francés ocasionou un incremento moi considerábel da corrente independentista dos francófonos canadianos. Acordeime daquel episodio ao ver nos media o novo rei de España mesturando inglés con castelán nunha visita a San Agustín, vila que se encontra dentro dos antigos territorios españois de Florida, hoxe nos EE.UU.

España carece de títulos xurídicos e de dereitos morais sobre Florida, pois, tras esta península ser conquistada polo xeneral Edwards, Madrid cobrou diñeiro pola súa cesión aos EE.UU.. Nada semellante ao acontecido en Puerto Rico. Tal illa foi parte de España até 1898. Daquela non se alzara en armas contra Madrid, pero os EE.UU. invadiron Puerto Rico, xunto con Cuba, Filipinas, a illa de Guam e outras menores. Hoxe Puerto Rico é unha colonia dos EE.UU. que mantén valentemente a súa identidade nacional e, principalmente, a lingua e a cultura propia sen axuda ningunha nin alento solidario do actual goberno de España. Franco repartiu por Puerto Rico grande cantidade de becas de estudos do Instituto de Cultura Hispánica e o "puertorriqueño" constituía un tipo característico do costumismo universitario compostelano que nos coñecemos.

Os españois, hoxe, malversaron neciamente a súa política de "hispanidad" en tanto que a Commonwealth británica non perde coesión e a francofonía e a lusofonía seguen a ser parte central das políticas exteriores de Francia e de Portugal, respectivamente. O insulto permanente da prensa gubernamental española e Psoe contra Maduro, Morales, Correa, sería inconcebíbel na Grande Bretaña, Francia ou Portugal, que tratan de forma especial os países que foron nun tempo colonias suas.

Tivo moita graza o rei de España pasando nun discurso en San Agustín (Florida) do inglés ao castelán. Na realidade o interesante sería que Felipe VI se presentase en San Juan de Puerto Rico e lle berrase ao pobo arruínado de daquela illa: "¡Viva Puerto Rico Libre!". Aínda que o chatasen de imitador do presidente De Gaulle.

A política exterior dos antigos imperios coloniais soe tender á boa relación cos antigos dominados. E excepción é España: viron vostedes moitos xestos españois favorabeis a República Saharaui ou á independencia de Puerto Rico? Eu non. Despois de asinar en París a cesión incondicional de Puerto Rico aos EEUU, cos restantes territorios españois, Montero Ríos, en 1898 envergoñado e furioso, esgallou a pluma contra á mesa de mármore da conferencia. Xa o teño contados moitas veces, e seguirei facéndoo.

Compartir el artículo

stats