Así reza o artigo 47 da Constitución española: "Todos os españois teñen dereito a gozar dunha vivenda digna e adecuada. Os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para facer efectivo este dereito, regulando a utilización do solo de acordo co interese xeral para impedir a especulación. A comunidade participará nas plusvalías que xere a acción urbanística dos entes públicos".

Acabamos de saber que no pasado ano 2013 houbo unha media de 184 desafiuzamentos por día. Isto dá un total de 67.160 execucións hipotecarias, ou o que é o mesmo, 67.160 familias que quedaron sen vivenda. 67.160 familias que se viron privadas dese dereito básico e esencial da nosa Constitución.

É unha utopía pensar que esas familias poderán, como tamén di a Constitución no punto 2 do artigo 53, solicitar a tutela dese dereito recoñecido ante os Tribunais ordinarios por un procedemento baseado nos principios de preferencia e sumariedade e, no seu caso, a través do recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional.

É unha utopía porque vivimos nun país onde os poderes públicos non só non promoven as condicións necesarias para facer efectivo ese dereito primordial, senón que son eles mesmos os que contraveñen a outra parte do artigo referente a impedir a especulación, pois son os propios poderes os que fomentan esa especulación e por outra parte, protexen os principais executores das hipotecas, os bancos.

A Constitución vese, dese xeito, desvirtuada dobremente, posto que non se cumpre a protección dos cidadáns a quen están consagrados os dereitos fundamentais e liberdades públicas recoñecidos no capítulo II da carta magna.

Así, a sociedade que tiña que beneficiarse desa política de promoción e protección non só non se ve beneficiada pola plusvalía que puidese xerar a acción urbanística dos entes públicos, senón que se ve prexudicada por un comportamento manifestamente antisocial dos poderes públicos, manexados por políticos corruptos ou como mínimo consentidores dese tipo de accións que derivan no fracaso da Constitución.

Evidentemente, non debemos botar as culpas ó poder en abstracto, senón a aqueles políticos que o detentan e non só non fan o posible para que as condicións económicas e sociais favorezan os seus cidadáns, senón que fan todo o contrario, porque como dicía o dramaturgo George Bernard Shaw, non é certo que o poder corrompa, senón que hai políticos que corrompen o poder.

Pero algo de responsabilidade seguramente teremos tamén os cidadáns, pois outra opinión, a do escritor Alberto Moravia, recalcaba que, curiosamente, os votantes nunca se senten responsables dos fracasos do goberno que votaron.

Nas mans de todos está aprender dos erros pasados, reflexionar e non volver caer neles, agora que se aproxima outra proba de lume.

*Escritor e presidente de Foro Forcarei.