Sucedeu no Parlamento británico. Foi durante un dos discursos de Churchill cando unha deputada da oposición pediu a palabra. Sabido é o pouco que a Churchill lle gustaban as interrupcións dos seus discursos, pero a palabra foille dada á deputada que en ton alto afirmou:

-Señor Ministro, se a Vosa Excelencia fose o meu marido, eu poríalle veleno no café.

Churchill, con calma, quitando os lentes, baixando o ton e agardando o silencio case absoluto, sentenciou:

-E se eu fose o seu marido tomaría ese café.

A Winston Churchill atribúenselle innumerables "citas gloriosas do parlamentarismo moderno", moitas delas incertas, pero esta está no diario de sesións. De igual forma figuran nel, no de Galicia, as pronunciadas a pasada semana polo deputado Román Rodríguez, lalinense e viceportavoz popular no Pazo do Hórreo, para explicar a non construción da coñecida como Sogama do Sur, no Irixo. Fixo de "chico de los recados" do conselleiro, para por en escea e certificar a morte da planta de residuos. Alguén lle serviu un café envelenado e el quixo compartilo cos cidadáns; iso si, botoulle unha presa de azucre para facelo máis dixerible, púxolle algún adorno á cunca e mesmo utilizou unha culleriña de vaselina para evitar facer demasiado ruído ou producir dor. A idea foi do propio grupo popular, un esperpento indigno da cámara: levar a aprobación unha iniciativa para instar ó Goberno a dar por morto o proxecto da planta do Irixo, cando o proxecto nin sequera era do Goberno, senón dunha empresa privada que supostamente xestionaría asuntos e cartos públicos, iso si, sen que tivese mediado concurso público ningún nin nada que se lle parecese. En breve vaise falar no Parlamento da Iniciativa Lexislativa Popular contra a incineración, e o grupo popular ten que xustificarse para as posturas en contra que vai tomar. - esta foi unha etapa nese camiño!

De todas as explicacións, innecesarias e de puro sainete, dadas polo viceportavoz só unha responde á realidade: a planta de xestión de residuos prevista para o sur de Galicia non se fixo simplemente porque Estela Eólica, como moitas outras beneficiarias do concurso eólico, non quixo executar o plan industrial asociado; neste caso, a construción dunha planta de tratamento de lixo para o sur de Galicia no Irixo. Todo o demais son medias verdades que, pronunciadas na solemnidade parlamentaria, non se converten en verdade e soan só a "desculpas de mal pagador" e a van intento por lle dar unha pátina de transparencia a unha iniciativa de cuestionable legalidade.

A única realidade é que a Consellería de Medio Ambiente, no canto de tramitar esta instalación "con luz e taquígrafos", mediante un concurso claro e transparente, quixo colar pola porta de atrás unha solución "á carta" e, de camiño, dotarse dun medio para desconxestionar a actual planta de Sogama e deixar solucionado o problema da xestión de residuos para a próxima década; outra cousa é o debate sobre o modelo e os sistemas de reciclaxe e valoración. Buscouse para iso a complicidade da Consellería de Industria e o aldraxado e inconcluso Plan Eólico. - así lles foi!

En clave local e comarcal moitos quixeron apuntarse o tanto de que non se executase o proxecto, coma se tivesen algún mérito niso. O único que "salvou", se é que había algo do que salvarse, as comarcas de Deza e Arenteiro da citada planta foi a incapacidade financeira (e técnica) de Estela Eólica para facer fronte ó proxecto.

P.D.: Por certo, este final xa o anticipamos nesta mesma sección na primavera de 2012, pois desde maio xa se coñecía na Xunta a renuncia de Estela Eólica, renuncia que logo ratificarían en Lalín en setembro o conselleiro de Medio Ambiente e o alcalde Crespo. Pero isto xa foi escenografía pura.