Esta semana, con motivo da efeméride do 30 de xeneiro, Día Escolar da non violencia e pola Paz, os globos de cores reclamaron a cultura de paz nos patios dos nosos colexios e institutos. Unha celebración, comezada no Colexio Público García Barbón de Vigo no ano 1984 (en plena Guerra Armamentista) e impulsada polo inesquecible Xesús R. Jares, fundador do movemento de Educadores pola Paz en Galicia, que prendeu como lume esperanzado na sociedade escolar e abriu os camiños da paz no eido educativo galego.

Os actos alegóricos, como a solta de pombas ou globos, a confección de carteis pola paz, a redacción de manifestos, as cadeas humanas na rúa do Príncipe, a realización de programas de radio foron algunhas das actividades que se desenvolvían en Vigo, dende hai vinte e cinco anos, cada 30 de xaneiro e que agora son unha rutina didáctica que non falta en centro educativo ningún. Felizmente esta efeméride foi institucionalizada e, dende hai tempo, forma parte do calendario escolar de celebracións establecidas pola Consellaría de Educación. Como foron recoñecidos, tamén no currículum, tanto o desenvolvemento dunha cultura de paz, de cidadanía democrática e de defensa dos dereitos humanos, como a resolución pacífica dos conflitos dentro de cada aula e cada centro, primeiro, como contidos transversais das etapas obrigatorias e, dende hai dous cursos, como contidos principais da materia de Educación para a Cidadanía.

Magoadamente, tras vinte e cinco anos de educación pola paz nas nosas escolas e superada, aparentemente, a fractura bipolar que ameazaba cunha guerra nuclear, o mundo non é máis pacífico nin menos violento. Moi ao noso pesar, os conflitos bélicos, como os de Afganistán (onde participan as tropas españolas), Irak ou Palestina continúan e as "guerras ocultas" en máis de trinta puntos do planeta (sobre todo nese continente africano que se desangra) alimentan os beneficios da industria armamentista do primeiro mundo. Como non teñen mellor prognóstico a incapacidade endémica da ONU para impoñer a lexitimidade do dereito internacional na resolución dos conflitos internacionais ou a violencia e ameaza que supoñen para a convivencia democrática os fenómenos do terrorismo internacional, da pirataría, dos fanatismos políticos ou relixiosos de diversa índole, do narcotráfico e do control por parte das mafias das estruturas principais dalgúns estados.

A comezos desta segunda década do século XXI persiste a vulneración dos dereitos humanos en todos os continentes. Mesmo as dúas principais potencias do planeta, como ten denunciado Amnistía Internacional, continúan sen ratificar os dous principais tratados internacionais de dereitos humanos. Os Estados Unidos, presididos polo Premio Nobel da Paz 2009, o "Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais" e a China o "Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos", documentos asinados por ambos os dous nos anos noventa e que, porén, como non ratificaron non están obrigados a cumprir aínda as súas disposicións. Sen esquecer que a lexislación de asilo é cada vez máis restritiva na maior parte dos estados, a pena de morte non acaba de ser abolida, a tortura é unha práctica sistemática nalgúns países e a violencia machista contra as mulleres provoca en todo o mundo un número escalofriante de vítimas.

O maldesenvolvemento contemporáneo levou a que non diminuíse a desigualdade de renda entre os países "hiper ricos" e os máis pobres e aumentase en todo o planeta a inseguridade alimentaria e o número de pobres (para o Banco Mundial as persoas que non dispoñen de dous dólares diarios). A recente crise humanitaria, tras o terrible terremoto de Haití, lembrounos que nas últimas décadas medraron os desequilibrios entre o Norte e o Sur do planeta e, a pesar da esperanza que supón a emerxencia de novas potencias como a India ou o Brasil, o crecemento económico mundial da última década produciuse sen equidade ningunha e a costa da saúde ambiental dun planeta que semella ferido de morte polos efectos do cambio climatico. Como consecuencia destas desigualdades, incrementáronse as migracións en todo o planeta, o que nalgúns casos provoca respostas como a xenofobia, a marxinación e a exclusión e noutros mesmo a construción de muros para protexer os privilexios dunha minoría.

Dende a nosa aparente comodidade –que sabemos un chisco ameazada en momentos de crise económica como o que vivimos– non podemos poñérmonos a venda diante dos ollos. O mundo actual é profundamente inxusto e violento, moi afastado aínda dos ideais acuñados nas diversas declaracións dos dereitos da humanidade. Non esquezamos, pois, que educar nos camiños da paz é hoxe educar para que, polo menos, sexamos conscientes do mundo no que vivimos.

bretemas@gmail.com