Esta semana coñecimos noticias que poden arruinar o futuro do transporte de ría. A empresa Mar de Ons anunciou que a partir do primeiro de decembro suspenderá o funcionamento de todos os servizos entre Moaña-Vigo (e viceversa) durante as fins de semana e os días festivos. Estes primeiros recortes, segundo fontes da propia empresa, se fose necesario para asegurar a súa viabilidade, abrirían a posibilidade de suspender no futuro as liñas deficitarias, como o servizo diario entre Moaña e Vigo, ou mesmo chegar a reducir os que se manteñen con Cangas. Unha noticia transcendente (e moi negativa) para os once mil usuarios mensuais, a maior parte moañeses, que utilizan este servizo marítimo (case centenario) para desprazarse a Vigo a traballar ou para ir a Povisa, onde está para eles o hospital de cabeceira asignado polo SERGAS.

A perda destes servizos é a primeira consecuencia da entrada en vigor (hai poucos meses) da "Lei do transporte en augas interiores", que liberalizou o servizo, acatando así a sentenza de 2006 do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TUE) que considerou ilegal a Lei 4/1999 pola que se declaraba servizo público de titularidade da Xunta de Galicia o transporte público na ría viguesa, incluíndo as liñas regulares de Vigo con Cangas e Moaña (valoradas como deficitarias) e as viaxes de tempada ao parque natural das Illas Cíes. Froito da lei de 1999 foi a concesión de todos estes servizos, en réxime de monopolio, durante un período de vinte anos, prorrogable a outros dez máis, a un único operador (Naviera Mar de Ons), en detrimento do que ata entón os viña prestando (Vapores de Pasaje). Esta sentenza da TUE, fundamentada en que esta concesión a Mar de Ons constituía unha "clara violación do regulamento europeo sobre a libre prestación de servizos de transporte marítimo dentro dos estados membros" (o que para algúns xuristas podería constituír unha invasión das competencias exclusivas de Galicia neste eido), obrigou a Xunta (para frear sancións millonarias da UE) a abrir un proceso de transición dende un sistema concesional a outro de liberalización. E nesas estamos.

A liberalización da peaxe de Rande, a apertura do chamado popularmente "corredor do Morrazo", a escasa conectividade co transporte urbano vigués e o aumento das tarifas (mesmo a dos denominados "billetes económicos" de primeiras horas da mañá) provocou nos últimos anos unha diminución do número de usuarios (así e todo unha cifra que se achega ao millón cada ano) e unha clara deterioración da calidade do servizo das liñas regulares. Se a isto lle engadimos a redución do número de viaxeiros a Cíes (motivado polas necesarias restricións do aforo diario de Cíes, tras a súa declaración como parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas) e a implantación, este verán, dos primeiros servizos "charter" ás illas (como primeiro efecto do proceso de liberalización), podemos comprender que as perspectivas do futuro deste servizo son pouco alentadoras para a que foi concesionaria.

No entanto, o transporte marítimo na ría de Viga debería ser considerado como unha peza principal nunha futura estratexia global da planificación pública da mobilidade dentro da área metropolitana viguesa. Un funcionamento óptimo das liñas regulares marítimas con Cangas e Moaña (e mesmo con outros puntos da ría) axudaría a reducir o número de vehículos que entran na cidade (desconxestionando Rande) e as súas necesidades de estacionamento. Xustamente, a política contraria da que se ven acometendo na actualidade, onde se prioriza o uso do vehículo privado (ampliación dos carrís de Rande) e o aumento do número de prazas de aparcamento no centro (o novo estacionamento soterrado de Policarpo Sanz saturará até límites insoportables a mobilidade tanto nos accesos dende a autoestrada como nas vías centrais da cidade). Para iso sería imprescindible que o futuro plan de transporte metropolitano apostase de forma enérxica pola calidade e rendabilidade social deste servizo, asegurando conexións suficientes e un billete único intermodal de transporte (como xa existe na Baía de Cádiz) que permitise as coincidencias en frecuencias e horarios dos barcos coa dos autobuses de Vitrasa e, nun futuro, coa liña dun metro lixeiro (ou tranvía) que unise, por Beiramar, Teis con Coia. Por aí pasa, inevitablemente, o futuro do transporte de ría. Mentres isto non se produce, a Consellaría de Política Territorial ten a obriga de defender os dereitos dos usuarios e facer o imposible por evitar a supresión dos servizos que unilateralmente pretende acometer Mar de Ons. Non é xusto que os cidadáns do Morrazo sexan os que paguen tantos erros cometidos na última década no regulamento deste servizo, vital para eles, polas diversas administracións da Xunta de Galicia.

bretemas@gmail.com