A Semana da Muller en Moaña contou onte co cinema como protagonista coa proxección, no salón de plenos, da curtametraxe "Visións", dirixida por Andrea Zapata entre outras mulleres galegas.

O evento contou coa intervención previa da propia directora. "Visións" é unha película colaborativa con temática de xénero elaborada por un total de 10 cineastas galegas.

Pero a semana ten un dos seus puntos álxidos esta tarde, a partires das 18.00 horas, cun broche de ouro no local da Asociación de Mulleres de Moaña. Trátase dunha nova edición da "Festa da Muller" que contará con música e teatro como protagonistas.

Está prevista a actuación do grupo de pandereteiras "Ardora", do propio colectivo organizador. Despois Ana Blanco e Dora porán en escena pezas de teatro. A música voltará co grupo de pandereteiras "Na Abada", do mestre gaiteiro Xavier Blanco. O Coro Chorima porá fin ás actuacións.

Os asistentes rematarán a festa compartindo uns pinchos e gozando da música ata que chegue a noite.