É na parroquia viguesa de Candeán onde se atopa o barrio de A Torre, topónimo que referencia nese lugar a presenza dun castelo. Efectivamente, obsérvanse restos da fortaleza sobre un pequeno promontorio rocoso: trátase dunha forma pechada de planta elíptica, duns 40x20 m. de loxitude e uns 4 m. de altura. Cara ao centro do outeiro existe, ademais, unha estrutura de sección cuadrangular de perpiaños. O exceso de vexetación fai imposible podermos aportar máis datos ao respecto.

Nos anos 70 do pasado século, o coñecido investigador da arte románica Hipólito de Sá Bravo escribiu nas páxinas de El Pueblo Gallego e La Hoja del Lunes varios artigos nos que indagou arredor da enigmática e descoñecida Torre dos Mouros. Porén, xa con anterioridade a esa data, en 1930, unha noticia anónima en FARO DE VIGO falaba da excursión realizada a este enclave polos arqueólogos Mergelina, Filgueira Valverde e González García- Paz. A visita efectuárase con motivo de valorar o potencial deste e mais doutros xacementos descubertos daquela nas terras do Fragaso.

Hipólito de Sá, con base nuns documentos por el mesmo estudados, sostivo que a fortaleza de Candeán pertenceu no século XVIIII aos Sanxoanistas da Encomenda de Beade, establecida en Castrelos a fins do século XII; o encargado da súa vixilancia, ou tenencieiro, era en 1780 Alberto Pereira de Castro, veciño de Sárdoma. Igualmente, manifesta de Sá que o torreón foi erguido sobre una planicie castrexa; na visita que el mismo efectou en 1976, conxuntamente con Manuel Costas Duarte, puido observar alicerces, lenzos de muros defensivos e unha entrada ao recinto, ademais de foxos e dun túnel con saída para casos de emerxencia: " Que a torre de Candeán, mencionada nunha acta matrimonial de Alberto Pereira de Castro, sexa a mesma que estivo no lugar de A Torre, e cuxos restos aínda se poden ver, paréceme que está fóra de toda dúbida.

Non creo que houbese máis torres semellantes en terras de Candeán", finaliza de Sá os seus escritos. Canto ás Torres de Padín, asentou esta curiosa fortificación sobre un castro que cronoloxicamente abarcou un amplo período: desde fins da Idade do Bronce deica a Idade do Ferro, na súa fase inicial e media (xa que logo, non sufriu romanización). Polo seu excelente dominio sobre a ría de Vigo e mais a liña de costa, no período medieval foi construída no cume unha torre de vixilancia de tipo cuadrangular, rodeada dunha cerca defensiva.

A primeira noticia documental sobre as Torres de Padín, en Teis, poida que se remonte a mediados do século XIII, cando se cita a existencia dunha fortaleza dentro desta parroquia viguesa no testamento do arcebispo compostelán Johán Airas. Talvez o recinto foi derrubado parcialmente durante a Segunda Guerra Irmandiña ( 1465- 1469) e xa de forma definitiva no derradeiro cuarto do século XV, a consecuencia das loitas entre o conde de Camiña e mais o seu detestado inimigo, o tamén arcebispo de Compostela, Alonso de Fonseca.

Na estima de Xosé Suárez Otero -do Museo das Peregrinacións- o torreón puido pertencer á casa dos Valadares, xenealoxía con importantes posesións no Fragoso. Erroneamente, algún investigador situou, non obstante a fortaleza de Teis no coto do monte de A Guía. Na actualidade, parte dos perpiaños que configuraban a torre medieval -algúns con signos lapidarios- andan desperdigados sobre o lugar onde se alzara a mesma. O montículo aparece agora seccionado pola metade logo dos destarramentos iniciados en 1989: obra que se puido, desde logo, evitar de certo.

Outros restos

Existiron tamén en Vigo a torre de Busteu -primitivo asento do pazo de San Tomé do Freixeiro-, a torre dos Tavares de Tabora, en Castrelos, orixe do pazo Quiñones de León; a torre dos Valadares e mais o castelo do Monte Alba: este, situado no lugar onde agora se empraza a capela de Nosa Señora do Alba. Con todo, segundo X.Mª Álvarez Blázquez, o castelo medieval máis relevante que se ergueu en Vigo foi o chamado castelo do Penso, entre o actual Concello e mais a Colexiata, nunha zona denominada A Ladeira.

A fortaleza do Penso tivo especial relevancia nas contendas feudais que mantivo Pedro Álvarez de Soutomaior contra a familia dos Pazos de Probén. O arcebispo Alonso de Fonseca fixo doazón do lugar e"pedras do caselo" a Diego Pazos de Probén para que este erguese unha simple torre defensiva -denominada máis tarde, e popularmente," A Pulguiña. Porén o arquitecto vigués Jaime Garrido Rodríguez demostrou nun estudo publicado en Glaucopsis, nº 13 que semellante"edificacion medieval" non vén ser senón a silueta do primeiro rañacaeos construído en Vigo, por volta dos anos 50 do século XIX.

O topónimo " A Pulguiña" daba nome, en realidade, a un dos baluartes encaixado nun lezo da muralla, entre a porta do Sol e a do Pracer. Non é de extrañar que esta especie de cubo -cunha altura duns 10 m- sfose clasificado como"castelo" polo propio Concello, sendo derrubado cara a 1875. En fin; cousas da historia, cos seus acertos, falsidades e erros.