"Cando o coñece, saúdao como parente"

Cunqueiro presentouse na casa de Valle Inclán en Santiago en 1935 e díxolle que sabía máis latín ca el, relata o seu fillo

 06:30  
Enviar
Imprimir
Aumentar el texto
Reducir el texto
O escritor natural de Mondoñedo  e finado en Vigo, en 1981.
O escritor natural de Mondoñedo e finado en Vigo, en 1981. 

Trala publicación en FARO DE VIGO dun traballo inédito no que se amosa xenealóxicamente o vínculo de sangue existente entre os dous literatos galegos Ramón María del Valle-Inclán e Álvaro Cunqueiro, algúns estudosos testemuñan en fontes documentais referencias ao parentesco. Os expertos vigueses (Grato Amor e José Sánchez de la Rocha) situárono nun sétimo grado, a través da familia viguesa Colwell Lira. De seguido, o propio fillo de Cunqueiro achega unha publicación (que saiu ao prelo na revista Cuadrante) na que repara tamén na linaxe común: "Don Ramón María del Valle-Inclán na vida de Álvaro Cunqueiro"

CÉSAR CUNQUEIRO "Teño que agradecer a don Francisco Armesto Faginas, periodista, escritor e biógrafo de Alvaro Cunqueiro, a entrega de artigos periodísticos nos que Cunqueiro aludiu ou escribiu sobre Valle-Inclán, e ao fraternal amigo da familia, don Francisco Fernández del Riego, as longas conversacións nas que debullou as súas lembranzas dos anos trinta en Santiago de Compostela. Sen eles estas modestas notas non terían sido posibeis [...]"
Don Ramón chegou no ano 1935 a Santiago de Compostela ferido fatalmente da enfermidade da que morrería no ano 36. Cunqueiro, e debo a información ao querido amigo, desgraciadamente xa finado, don Dionisio Gamallo Fierros, coñeceu persoalmente a Valle-Inclán no ano 35 cando en unión de Dionisio se presentou no domicilio de don Ramón: saudouno coma parente. Efectivamente este parentesco existe. A avoa paterna de Alvaro Cunqueiro, dona Carmen Montenegro Borcino, era curmá da nai de don Ramón, que se apelidaba Peña Montenegro, Cunqueiro publicara xa toda a súa obra poética anterior á Guerra Civil e era entón un mozo de vintecatro anos que estudiaba Filosofía e Letras en Santiago de Compostela.
Nesa visita don Ramón estaba a ler nunha edición bilingüe (das que se traducen palabra por palabra) a Guerra das Galias de Xulio César e seguía nun mapa os movementos das lexións e das tribus galas. Cunqueiro, impetuosamente, espetoulle a don Ramón: "Yo sé mucho más latín que usted y no necesito versiones bilingües": E sorprendente que don Ramón , que tiña un carácter irascíbel, non reaccionara e, cando marchou Cunqueiro, preguntoulle a Dionisio: "¿Quién es ese mozo impertinente que dice ser mi pariente? ¿Cree usted que sabe más latín que yo?" Dionisio respostoulle que el cría que sabía menos ca don Ramón e algo máis que o propio Dionisio. De todos xeitos, engadiu, saberíase pronto pois íase examinar con Moralejo de latín. O exame deu un resultado negativo sobre as capacidades latinas de Cunqueiro xa que suspendeu, e Moralejo díxolle que un poeta coma el tiña que ter una boa formación nos clásicos latinos.
Penso que non houbo outra relación persoal con Valle-Inclán. Este, que sufrirá ataques dos radicais das "Irmandades da Fala" por non escribir en galego, e polo seu propio estado de saúde, non tiña maior interese en coñecer aos xoves escritores galegos, e estes admirábano a distancia pola súa obra e pola lenda da súa personalidade.
Don Ramón tiña coma acompañante pola Ferradura de Compostela ao pintor Maside e ao médico e futuro ensaísta, García Sabell, quen o tería coñecido, no sanatorio de Villar Iglesias, onde fora tratado da súa doenza.
A tertulia de don Ramón no café Derby non estaba composta por escritores ou intelectuais, senón por profesionais entre os cales, don Ramón despregaba toda a súa maxia verbal. Por exemplo, na dita tertulia atopábase don Fernando Barros, en quen don Ramón tiña enorme confianza, ata o punto que se dicía que tiña no seu poder un orixinal inédito: o doutor Devesa, a quen coñecín con posterioridade en Santiago; o avogado don Santiso Girón e o veterinario Villar Petit [...] Os xoves escritores e artistas admirábano, como digo, a distancia e, nas súas propias tertulias no Derby e no Español, prestaban tamén atención á tertulia próxima de don Ramón.
[...] A atención que prestaban os mozos galeguistas á tertulia de don Ramón podemos vela tamén nun artigo publicado por Alvaro Cunqueiro en febreiro de 1980 na revista Sábado Gráfico. Escribe Cunqueiro que nun café compostelán falaba don Ramón, no derradeiro ano da súa vida, máis aínda vivo o xenio e o enxeño, de Afganistán e dos cans afgáns. "Todo eso lo he inventado yo, hace veinte años" e describiu o país, Kabul e os cans de alá con inusitada precisión, anque probabelmente, engade Cunqueiro, nunca tivese lido unha xeografía nen unha historia de Afganistán, nin ellase xamais un can Afgán; e segue dicindo que durante unha longa hora falou don Ramón das mañás azuis de inverno, alá na vecindade do teito do mundo, e dos solpoes vermellos do verán que avermellaban por varias semanas os rostros dos naturais.
Lembro agora unha nota manuscrita que se desprendeu un día como folla de outono dun exemplar da primeira edición de Mar ao Norte. Nesa nota dicía Cunqueiro: "Este mar lo he inventado yo" e engadía una data precisa.
Nun artigo publicado no Faro de Vigo o 6 de decembro de 1952 escribe Cunqueiro sobre un encontró con don Ramón María del Valle-Inclán, encontro que evidentemente non foi máis que literario. "Yo cruzaba bajo el sol, rapazuelo aún, aquella plaza del mercado yendo hacia la casa de mi tía abuela Concha Montenegro, donde una tarde, que se aposentó en mi imaginación para siempre, me encontré en la suave penumbra de la sala a mi señor tío don Ramón María del Valle-Inclán con la gran barba de plata dormida, como una mañana en el remando de su pecho. Me hizo acercarme a él y posó su mano sobre mi cabeza mientras contaba, no recuerdo qué historia familiar: Una mano como una pluma de aun ave tibia y sonora": E remataba cunha interrogación nikeana: "¿Llegaré yo a escribir algún día algo que conceda algún significado a aquella noble e incomparable mano sobre mi testa moza?" A beleza do texto no agacha o carácter puramente literario do encontró con don Ramón [...]

COMPARTIR
 
LA TIERRA DESDE LA ISS
+ VER GALERÍA
 
TAL DÍA COMO HOY SE PUBLICABA EN FARO...
+ VER GALERÍA
  CONÓZCANOS:  CONTACTO |  FARO DE VIGO |  LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES |  CLUB FARO DE VIGO     PUBLICIDAD:  TARIFAS |  CONTRATAR  
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad 2009