Entrevista | Miguel Santalices Presidente do Parlamento de Galicia

“Rueda sorprendeume para ben, deuse a coñecer e asumiu a defensa de Galicia”

“Esta será a derradeira ocasión na que tome posesión como presidente do Parlamento”

“Espero unha lexislatura na que os deputados teñan bastante sentidiño”

Santalices, onte no seu despacho do Parlamento galego, en Santiago.

Santalices, onte no seu despacho do Parlamento galego, en Santiago. / Xoán Álvarez

Daniel Domínguez

Daniel Domínguez

Miguel Santalices soprou as velas do seu 69 aniversario o pasado domingo e un día despois foi nomeado por cuarta ocasión presidente do Parlamento galego, cargo ao que chegou en xaneiro de 2016 tras ocupar case todos os postos nun hemiciclo no que debutou como deputado do PP en 1997.

Esta será, di, a súa derradeira lexislatura, a primeira posFeijóo e a a primeira con Alfonso Rueda de presidente tras encabezar a lista dos populares. “Sorprendeume”, recoñece.

–Parabéns polo aniversario, en primeiro lugar...

–Grazas. O domingo foi un día completo. Coñeceuse a composición da mesa do Parlamento e que repetía como presidente e gañou o Celta.

–Anunciou que esta sería a súa derradeira lexislatura. Por que?

–Hai que contar as cousas con absoluta normalidade. Dixen que creo que será a derradeira ocasión na que tome posesión como presidente do Parlamento. É lóxico.

–Vai esgotar a lexislatura?

–Todo vai depender de como esteamos todos de saúde, nunha lexislatura hai moitas circunstancias. A idea é que teño moitas cousas que facer, como o tema do Panteón dos Galegos Ilustres [a Cámara asumirá a súa xestión] e as obras de acceso ao Parlamento para garantir o acceso de calquera persoa con problemas de mobilidade.

–É deputado desde 1997. Comparte iso de que a política perdeu nivel?

–Non. Antes había outro xeito de debater e de estar no Parlamento, pero iso non impide que os debates se fagan logo de estudar moito os temas por parte dos deputados. Sempre observo solidez nos argumentos dos deputados.

–Viviu vostede momentos moi críticos, como o desmaio de Fraga, os golpes de Beiras no estrado de Feijóo, a irrupción de afectados polas preferentes e ata algún infarto... Cal foi a situación máis tensa e a máis reconfortante para vostede?

–Comparto con vostede que eses que cita estiveron marcados pola tensión. O mareo de Fraga condicionounos a todos e indudidablemente cando lle diagnostiquei un infarto a un deputado tamén, que prefiro que non cite o seu nome. E momentos, agradables sempre os hai. Desfrutei co consenso sobre a lei de dignidade dos enfermos terminais e cando me elixiron presidente, claro.

–No 2016 díxome nunha entrevista que o PP non tiña a ninguén “agás Feijóo” capaz de manter a Xunta. Parece que si o houbo, vendo os resultados de Rueda.

–En primeiro lugar, naquel momento había medo a que Feijóo fose para Madrid nunha situación que non era controlada. Efectivamente, dixen entón que nos colocaban nun problema, pero agora a sucesión fíxose de maneira magnificamente ordenada. E en segundo, eu descubrín a un Rueda que antes non coñecía porque estaba nun papel máis secundario. Agora coñecín a un Rueda que xera gran empatía, que fixo esforzo de expoñerse de cara á sociedade para darse a coñecer, que ten soltura e mérito no debate parlamentario. Eu desde arriba [no hemiciclo] vexo que as respostas escríbeas el. Sorprendeume para ben e a cidadanía deulle o seu voto. Ademais, creo que asumiu un papel importantísimo na defensa de Galicia. Temos un presidente valente que dará a cara se ve que hai algunha situación de inxustiza para a nosa terra.

–A oposición critica que borre moitas expresións do Diario de Sesións. Vai manter esa actitude?

–Teño capacidade para discernir o que pode ser lesivo para unha persoa. Fun director dun psiquiátrico e teño debilidade contra as expresións que se vinculan coa saúde mental. Seguirei retirando ese tipo de expresións.

–Prevé unha lexislatura tranquila? As de 2012 e 2016 foron broncas.

–Creo que imos ter unha lexislatura na que teremos bastante sentidiño. Certo que algunha lexislatura foi máis convulsa que outras, pero nunca houbo unha gran trifulca.

“Hai un agravio comparativo, non está ben que o meu posto gañe máis que o presidente da Xunta”

–Vostede como presidente da Mesa, pero tamén o resto de integrantes, superan en salario ao presidente da Xunta. É xusto?

–É un tema recurrente. O traballo parlamentario está dignamente retribuído e o noso salario é público. Pero estou dacordo en que existe un agravio comparativo. Tendo a responsabilidade que el ten, non está ben que o presidente do Parlamento gañe máis que o presidente da Xunta. Son o primeiro en dicilo, ou que os membros da Mesa cobren máis que os conselleiros. Que facer? Iso é máis complexo porque falamos da primeira institución da comunidade.

–Que destacaría do Parlamento galego?

–Somos o único Parlamento de España que fala na súa lingua nai e non facemos guerra co idioma.

–E en Cataluña?

–Ciudadanos non usa o catalán.

–Non se sentiría cómodo entón coas manifestacións do PP en 2009 contra a suposta imposición do galego.

–Eu son galeguista convencido. Veño dunha familia galeguista e cristiá e meu pai era amigo de Otero Pedrayo. Entendo a lingua como riqueza.

–Sempre se declarou baltarista. Que pensa de como acabaron pai e fillo, antigos líderes do PP ourensán?

–Cando eu falo de baltarismo, falo dun xeito de facer política desde a cercanía, como tiña José Luis Baltar, de falar coa xente e preguntarlle pola súa saúde. Agora non é o mesmo. E o primeiro sae da política porque ten unha idade e José Manuel está nun posto importantísimo, como é senador por designación autonómica.

–Vostede tramitaría a lei de amnistía que se aprobou recentemente no Congreso?

–Eu non tomo decisións complexas sen que os letrados da Cámara me digan se é o camiño correcto. A amnistía é un tema de dubidosa legalidade, pero non sei que faría. Tería que falalo cos letrados da Cámara.

Suscríbete para seguir leyendo