Síguenos en redes sociales:

A derradeira reivindicación de SonDaRúa

O grupo de rap de Ponteareas despídese cun último tema e un concerto en Santiago | Boyanka Kostova presentan novo tema

'En pé', a derradeira canción de SonDaRúaFDV

E sete anos despois,SonDaRúa "soterra a semente". O grupo de hip-hop reivindicativo de Ponteareas despídese este venres co seu derradeiro concerto, na sala Capitol de Santiago. Hai uns día publicaron tamén un tema-epitafio, 'En pé'.

O trío anunciara a finais de setembro a súa separación, precedida dunha xira que remata este 14 de abril. Para esta última actuación esgotáronse as entradas hai semanas. "Já! e agora que o imos deixar / están poñendo temas nosos ata polo Luar / están chamando localitos que vaiamos tocar", describen no seu último tema.

SonDaRúa naceu en maio de 2016 e dende o principio apostaron por un rap de combate, inzado de crítica social e política. Vanse con moreas de actuacións por todo o país e un único disco de longa duración, Eterno combate, que lanzaron en 2020, cando comezou a pandemia da COVID.

No seu comunicado de despedida explicaban que a separación non é necesariamente un "até nunca", pero que nestes momentos non lles é posible mantener o funcionamento do grupo con lles gustaría.

"O tempo, a cabeza e o corazón dirán se algún día retomamos ou non o proxecto, mais actualmente decidimos botar freo", dicían, antes de prometer estar "sempre na loita, sempre nas trincheiras".

Boyanka Kostova

O adeus de SonDaRúa coincide co novo lanzamento de Boyanka Kostova, segundo adianto do seu próximo disco. A proposta do dúo santiagués, os pioneiros do trap en galego, está, a priori, nas antípodas da dos de Ponteareas, baseada no boom bap. Pero o certo é que nesta 'Feira das mentiras' o Cibrán e o Chicho achéganse ao hip-hop más clásico.

"Porque en Galicia nós somos a calidade / e Boyanka patrimonio cultural da humanidade",rapea o Cibrán, nunha letra que oscila entre a fachenda e a anguria existencial, nunha compostela de viaxe psicodélica. Mañá actúan en Pontevedra, na xornada 'Arte e parte'.

Pulsa para ver más contenido para ti