A canteira en recuperación de Vilafría en O Porriño prepara unha nova edición do Sons da Canteira este sábado 28 onde tocarán, entre outros, Verto, Teresa Ferreiro e Boyanka Kostova. Estes últimos –que tamén estarán no Revenidas en setembro– veñen de asinar un tema en colaboración con Dios ke te crew (DKTC): “O.G.”, Orixinal Galego, que é un adianto do novo disco dos de Ordes ao que seguirá un segundo hit que, á súa vez, anunciará o novo álbum dos compostelanos Boyanka.

Chicho, o 50% destes últimos, explica que se coñeceron “a raíz de que nos convidaran para tocar en dous festivais que montan eles de graffitis e artes urbanas, o Rexenera Fest en Carballo e Desordes Creativas en Ordes. Caémonos ben e quedamos en facer algo xuntos algún día”.

Finalmente, compuxeron dúas colaboracións. A seguinte será “Ácido úrico”, que irá no novo disco que Boyanka Kostova sacará tralo verán e para o que realizaron un vídeo que será continuación do anterior, “OG”.

Dios ke te crew. DKTC

Conta Chicho que os temas do novo álbum xa están gravados e que tamén incluirán outras colaboracións das que non pode dicir nada, como tampouco pode dicir ren do título.

Respecto do seu primeiro concerto no Sons da Canteira, sinala o músico que “pinta ben a cousa. Preparamos un conglomerado das cancións que máis nos gustan do que fixemos ata agora intercaladas con algunhas do disco que vén e con remisturas dalgúns temas con novas ideas”.

Boyanka están considerados os pais do trap en galego e o seu tema “Muinheira de interior” –unha peza con melodías tradicionais levada ao terreno do trap e da música urbana– fíxose viral en Galicia no YouTube cun coidadísimo vídeo rodado a pé de praia no Concello de Xove. “Esta canción para nós é un orgullo, cala socialmente, é unha canción recurrida nas festas e a xente cando sona emociónase. Para nós, é incrible. Nós tamén vivimos iso como público cando escoitabamos temazos de Dios ke te crew ou Malandrómeda. Mola ver que iso pasa cunha canción nosa”, confesa Chicho.

Recoñece Chicho que non hai moito trap en galego pero “si hai xente interesante como O Portugués (de O Salnés). Molaría que houbera máis xente” interesada en escoitar esta música.

Preguntámoslle tamén polo tema “Abel the knight”, composto na honra de Abel Caballero. Chicho lamenta que o rexidor vigués non se puxera en contacto con eles por esta canción cuxo vídeo foi gravado no Nadal prepandemia, cheo de luces e aparicións de Abel e o dinoseto: “Estamos abiertos a contrataciones en Castrelos 2024. Podería ser o titular da entrevista.Tamén para a inauguración do alumeado. Abel Caballero é Abel Caballero, unha persoa así merece unha canción”.