A sala viguesa Ártika ofrece 42 espectáculos para festexar o seu décimo aniversario

Por este espazo cultural da rúa Beiramar pasarán 29 compañías coas súas propostas de danza e teatro infantil e de adultos desde o mes de setembro ata final de ano

Marcos Alonso, Jacobo Sutil, Fernanda Barrio e Gorka Gómez, onte, na presentación do programa. |   // FDV

Marcos Alonso, Jacobo Sutil, Fernanda Barrio e Gorka Gómez, onte, na presentación do programa. | // FDV / FdV

A sala Ártika festexará a súa primeira década en Vigo cun variado programa para o segundo semestre de ano que inclúe 29 compañías que porán en escena 42 representacións de teatro familiar e para adultos, así como espectáculos de danza. Esta programación foi presentada onte neste espazo da rúa Beiramar cun acto aberto ao público que contou coa presenza de Jacobo Sutil, director da Agadic, Gorka Gómez, concelleiro vigués de Cultura e os directores da sala Ártika, Fernanda Barrio e Marcos Alonso.

Este aniversario é, como remarcou Fernanda Barrio, “un valor engadido ao ser dez anos formando, programando, resistindo e, sobre todo, apostando pola cultura galega e internacional, que se consolida coas boas relacións xestadas durante os últimos anos co país veciño”.

Jacobo Sutil, director da Agadic, destacou unha vez máis o apoio estable que a Xunta de Galicia ven realizando á sala a través do sistema de subvencións, onde a comisión valorou moi positivamente a labor importante que dende a iniciativa privada se ven realizando, durante dez anos, destacando a profesionalidade, a comunicación e a oportunidade que se lle ven dando a moitas compañías galegas ofrecendo este espazo como lugar de estrea de moitas compañías novas e consagradas. Tamén destacou a labor continuada que se ven realizando para consolidar e atraer novos públicos ao teatro en Vigo, permitindo á xente achegarse ás diferentes manifestacións culturais que se programan na sala.

Esta nova tempada dará comezo o seis de setembro coa realización do circuíto Fegatea de teatro amador organizado pola compañía Fauna 113, creada na propia Sala Ártika.

Ese mesmo mes o XXII Circuíto de creación escénica contemporánea organizado pola Rede de Teatros Alternativos volve facer parada en Vigo. Un circuíto ideado co obxectivo de facilitar a xira de compañías polas salas alternativas asociadas, sendo Ártika o único espazo en Galicia que acolle este tipo de propostas escénicas. Achegará a proposta de danza familiar Blink Magic, da compañía murciana Blink Flash, e o espectáculo para público adulto Rumbo a Farout de Onírica Mecánica de Cataluña.

A cidade volverase a encher de gargalladas do 19 de outubro ao 17 de novembro co V Ciclo de comedia Comediártiko. Nesta ocasión o cartaz completo o forman os espectáculos Paella, da compañía Tarambana (Madrid), Neura, de De Ste Xeito Producións (Galicia), Charco a la vista, de Compañía Utopian (Euskadi), As que limpan, de A Panadaría (Galicia), e ¿Y ahora qué? dos andaluces Producciones Circulares.

Os máis pequenos da casa seguen tendo un espazo destacado na programación do segundo semestre do ano. O X Festival Pequeártiko de Nadal que terá lugar do 23 ao 31 de decembro e que conta cada vez cunha mellor acollida, tanto entre as compañías que presentan os seus espectáculos para participar nel como entre o público asistente.

Por último, cabe destacar a estrea do espectáculo da compañía Ártíka CIA Non pasarán que terá lugar no mes de novembro. A programación a completan as compañías galegas Redrum e Ibuprofeno teatro que se suman tamén cos espectáculos Pequeno poni e Smoke on the water. Provisional danza, premio nacional de danza en 2007, outorgado polo ministerio de Cultura na modalidade de creación, achegará en decembro o espectáculo Seguimos enteras.

A venta de entradas estaría dispoñible na propia web da sala Ártika, a partir do martes 11 de xuño.