SonDeSeu une ritmos canarios, galegos e lusos tradicionais no novo espectáculo

A actuación, marcada para mañá en Vigo e o 6 de xuño en Narón, convida ao canario Hirahi Afonso, o portugués Daniel Pereira, a galega SÉS e os 70 músicos da orquestra

A orquestra SonDeSeu, nunha actuación.

A orquestra SonDeSeu, nunha actuación. / FDV

Mar Mato

Mar Mato

A orquestra de música tradicional SonDeSeu presenta novo proxecto. Este venres, a partir das nove da noite, no Teatro Afundación de Vigo, amosarán “Entreterras”, con SÉS, Hirahi Afonso (Canarias) e Daniel Pereira (Portugal). As entradas están a piques de esgotarse.

Xaquín Xesteira –director da orquestra– explica que “é un espectáculo que une diferentes terras que temos algo en común. Hai unha liña imaxinaria que divide o territorio pero na música de transmisión oral está moi diluída. Temos moitas cousas en común na música de raíz. Isto vaise ver plasmado no concerto”.

O repertorio estará conformado por temas dos artistas convidados así como por cancións da orquestra. “A mestizase hai moitos anos que está feita. A música viaxou duns países, dunhas terras a outras”, sinala.

Xesteira engade que a xente que integra SonDeSeu está chea de ilusión “traballando arreo para ter todo preparado para este venres en Vigo e para o 2 de xuño en Narón. Nos ensaios xa vemos que esa fusión de músicas pode producir unha emoción que ata o momento non se vira”.

En canto á orixe da iniciativa, apunta o músico que continúa o espectáculo anterior, “Arraianos” (2018), no que tiveran convidados procedentes das terras limítrofes con Galicia.

“Agora quixemos ampliar un pouco e mover este proxecto por vilas ou cidades grandes contando cos nosos convidados. SÉS é supercoñecida aquí en Galicia pero os outros dous non tanto pero si nos seus territorios”, explica Xaquín.

Xaquín Xesteira, director de Sondeseu.

Xaquín Xesteira, director de Sondeseu. / Ricardo Grobas

O fin era procurar algo novidoso. Por iso, estará no palco Hirahi, un tocador virtuoso do timple, un instrumento canario como unha guitarra pequena. No caso de Pereira, o público poderá ademais oír a súa voz e o cavaquinho, instrumento portugués de catro cordas. A elección de SÉS veu dada porque querían ir alén da música tradicional galega.

Desta volta, SonDeSeu –ademais– vai saír fóra do seu estilo pero sen perder o marco tradicional. “Imos amoldarnos ao estilo de cada un deles para esta aposta diferente. Tivemos que arranxar para a orquestra os temas que tocaremos dos convidados. No noso caso, nós producimos o noso propio repertorio. Eu encargueime dos arranxos de Pereira; mentres que para as cancións de SÉS temos un tema novo de SonDeSeu que arranxou Rodrigo Romaní mentres que ‘Non son fada’ ten arranxos de Anxo Pintos –presidente da Fundación SonDeSeu– que tamén os preparou para un tema de Hirahi, con outro que arranxei eu”, detalla Xaquín Xesteira.

O músico agradece a axuda da Consellería de Presidencia para este espectáculo así como a aportación do Concello de Vigo para o local e para o profesorado.

Respecto do tema novo que van estrear, “Van todas”, Xesteira recordou que é un arranxo de Rodrigo Romaní sobre unha peza tradicional da zona de Caión. A voz solista será a de SÉS.

Trátase dun canto de arrieiro. “Unha das compoñentes da sección de canto amosoullo a Rodrigo Romaní, o noso anterior director da orquestra ata a súa xubilación o ano pasado. O arrieiro era unha persoa que andaba co carro a transportar cousas. Ían cantando no seu carro”, engade Xesteira.

A previsión é que máis de 60 músicos estreen este espectáculo mañá venres. “Neste momento hai xente desde 16 a máis de 50 anos na orquestra estruturada por seccións: arpas, zanfoñas, requintas, violíns, bouzukis, contrabaixos, canto, gaitas e percusión”, ratifica o director.

Ao longo de unha hora e 45 minutos, farán un repaso a uns 17 temas de seu e dos convidados. “Acabará cun final de festa moi potente”, promete o responsable actual da orquestra, “a única no mundo con estas características, un entidade que crea o seu propio repertorio”.