Entrevista | Xisco Feijoó Músico e bailarín de tradicional galego, colaborador de C. Tangana no himno do Celta

Xisco Feijoó: “Pasei pánico antes de que saíse ‘Oliveira dos cen anos’”

“Quero que a vida me dea sensacións novas e vou por elas”, asegura o artista que remata xira en Vigo, o día 1 de decembro, nun concerto que se verá tamén vía ‘streaming’

Xisco Feijoó, nos arredores do Museo MARCO en Vigo.   | // ALBA VILLAR

Xisco Feijoó, nos arredores do Museo MARCO en Vigo. | // ALBA VILLAR / mar mato

Mar Mato

Mar Mato

O novo himno do Celta, “Oliveira dos cen anos”, leva nos seus catro meses de vida no YouTube case tres millóns de reproducións. O músico vigués Xisco Feijoó foi unha parte fundamental no resultado final, na parte da música tradicional. El foi quen recompilou a copla que dá título á canción. Xisco –toda unha referencia no tradi galego– pecha a xira “Peixe” o 29 en Lugo e o 1 de decembro en Vigo coas entradas para este último en www.ataquilla.com. O concerto, ademais, será retransmitido vía streaming en tolemias.tv co prezo a 5 euros.

–Que concerto prepara?

–É un fin de xira que, en verdade, é unha metamorfose de “Peixe”. Significa que ese peixe que naceu hai case tres anos vai recibir agora as augas doutros afluentes ao desembocar no mar e engadir cousas a partir de agora inda que conservando esa esencia deste primeiro traballo. Vou facer unha ponte para o futuro cunha foliada.

Balaídos retumba con 'Oliveira dos cen anos'

Cedido

–Está preparando material para novo álbum?

–Teño en cernes un videoclip novo e vai ser o primeiro traballo que integramente vaia dirixir eu. A coordinación e dirección vai ser miña. Apetéceme facer o produto que eu quero. Estou con temas novos que sairán paulatinamente un por un. Desta volta, non quero sacar un disco con todo inédito. Estes tres temas vounos traballar e presentar ao público para que no 2024 este peixe se vaia alimentando de novas temperaturas de auga diferente.

–Logo xa non quere un álbum con temática conceptual, sucumbe á moda dos singles.

–Non lle chamaría sucumbir, senón adaptarse aos novos tempos. Facer o disco “Peixe” foi unha ilusión e un traballo duro de dedicación e gasto de horas e enerxía. Máis que gasto, investimento. Quería experimentar o que era a industria musical e decateime de que a industria ten as súas eivas e carencias e que facer as cousas de maneira romántica vai en contra de como vai o business.

'Oliveira dos Cen Anos': el impactante vídeo del himno del centenario del Celta

R. V.

–A que se refire?

–Cando fixen “Peixe”, desde o primeiro segundo de cada minuto de gravación eu dei de alta a todo o mundo e paguei soldos. Eu non dicía ‘vén á miña casa tocar a ver que sae’. Eu paguei á xente que é como eu considero que debe funcionar o negocio da música. A xente non vive da arte, vive de vendela porque necesita cartos para ir ao supermercado. Quero ir facendo pequenas cousas para seguir sobrevivindo e dedicarme a outras cousas da vida como no tempo de lecer disfrutar da parella, do amor e da natureza.

–Como foi o seu namoramento coa música tradicional?

–Non foi un namoramento. Son fillo, neto e bisneto da ribeira do Sil onde facían unhas xuntanzas que se alongaban en atardeceres e noites con música a varias voces, co gaiteiro do pobo, xente tocando cunchas. Lembro participar desde os seis anos en alboradas polas mañás. Non foi un namoramento senón que se trata da idiosincrasia e xenética dunha persoa.

–Segue a dar aulas na Universidade Popular?

–Non. Sempre fun un besbello. Nunca considerei que acadado un emprego cun bo soldo e en algo que che flipa nunha institución tan xenial como a ETRAD sería para toda a vida. Xa non sigo dando clases alí porque quero dedicarlle tempo á miña carreira. Sigo dando clases as fins de semana. Tamén me apetece ser actor. Quero que a vida me dea sensacións novas e vou por elas.

–O seu arquivo a canto ascende?

–Eu teño unha estimación de que abrangue unhas 7.000 horas pero hai que entender que non son todas recuperadas por min; tamén hai do meu amigo Luis Prego. As persoas que recollemos somos moito de compartir cousas. É un arquivo que está nas mans de moita xente nova que pode dispor del para poder facer publicacións ou estudos.

–E dese arquivo saíu a copla de “Oliveira de cen anos”?

–Si, C. Tangana contactoume porque quería para o himno do Celta unha representación do amplo abano que é o celtismo. O Celta, e síntoo polo Deportivo e outros equipos, é unha representación do proletariado. Quixo contactar coa música tradicional que sempre tivo presenza abrumadora en Vigo e arredores. El quixo asesorarse comigo e empezou a liada toda. Eu, feliz, pero pasei pánico antes de que saíra. Se non saía ben, tiña que marchar eu da cidade. Pero saíu ben, é fermosísimo.

–De onde proceden as coplas?

–Oliveira dos cen anos é algo que cantan en moitas aldeas. É unha cantiga e letra bastante recurrente na zona do Condado, estamos falando de Mondariz, Ponteareas, A Cañiza, Arbo... É unha letra que se adaptaba ao que se quería dicir co centenario e a cidade olívica. Namorarse do Celta é obvio (tomar amores non custa) e esquecelos, mata. A partir de aí, empezamos a xerar outro tipo de letras que soaban a esa parte tradicional pero contando a historia. Respeta o modismo lírico da tradición e parte de recuperación. Tirei do meu arquivo para a copla e levamos a Pucho aos contactos meus nesas aldeas para pasar unha tarde con elas; tocáronlle a pandeireta, cantáronlle. El emocionouse, chorou. Ata me emociono eu agora. Foi un traballo moi grande para a nosa cultura.

Suscríbete para seguir leyendo