A coroa inglesa, tola polo viño galego... no Medievo

O xornalista Luis Congil revélao no libro “A marabillosa historia do viño en Galicia” que presentou onte en Vigo

mar mato

Os viños galegos están a vivir a súa segunda idade de ouro cunha internacionalización cada vez máis potente. Este feito foi un dos que empuxou ao xornalista Luis Congil a investigar e publicar o libro “A marabillosa historia do viño en Galicia” (editado pola Xunta) no que fai un percorrido dende os romanos ata o presente con paradas no primeiro Ano Santo do século XV, a colonización española de América levando tamén caldos de aquí para o continente, o éxito dos viños de noso na corte inglesa séculos atrás ou fixándose en famosos como o pirata Drake ou o escritor de novelas de viaxes e espías Graham Greene (“El americano impasible”) que gustaban deles. Onte presentou a obra en Vigo en El Corte Inglés.

Porén, tamén houbo nobres galegos destacados que levaron os nos viños alén das fronteiras. No que respecta ás Rías Baixas, fíxase no primeiro conde de Gondomar. Segundo explica, tivo un “papel díficil” para xogar na corte británica. Como embaixador alí, “desenvolveu unha diplomacia do viño, levou flotas de ata 30 barcos cargados de viño das súas posesións no Val Miñor e regalábollo ao rei e ao chanceler maior, sir Francis Bacon, pai do pensamento filosófico moderno. Todo isto acabou no século XVIII coas guerras de sucesión dinásticas españolas e o corte do comercio exterior, comezando o declive da venda exterior do viño español”.

Por outra parte, en Ribadavia, relata o libro, Juan de Gante, que aspiraba á Coroa de Castela, no século XIV, conquistou Ourense e Ribadavia. “Depredaron canto viño había e levaron boas críticas dos viños galegos a Inglaterra. A partir de entón, esta atraeou o comercio do viño galego durante toda a Idade Media para os segmentos máis altos da sociedade”, sinala Congil.

Pero nesa penetración do viño galego en Inglaterra, así como nos Países Baixos e Centroeuropa tivo moito que dicir o Camiño de Santiago. A partir do primeiro Ano Santo, que se celebrou no ano 1428 “empezaron as peregrinacións masivas. Todos os barcos que viñan de Europa cargados de peregrinos, ao volver, necesitaban un flete que lles rendabilizara a viaxe. Por iso, comezaron a levar viño galego. Foi o inicio do momento álxido na Idade Media nos Países Baixos, Centroeuropa e Inglaterra”, apunta o xornalista.

As redes do viño galego chegaron mesmo a América. “Casa Madero obtivo a súa licencia para vender en América baixo o Conde de Monterrei, un galego que era virrei de América por orde de Felipe II no século XVI. Casa Madero véndese hoxe en día como a adega máis antiga de América”, apunta o autor.

Outro extranxeiro que adoecía polo viño galego era o escritor e espía Graham Green, un namorado de Galicia. Lembra Congil que tiña aquí o seu amigo, o cura Leopoldo Durán, co que viña pasar tempadas moi longas. “Era un namorado de do Ribeiro. Conseguín unha foto curiosa del cun gaiteiro de Regadas charlando cunha botella de Ribeiro”, explica.

O libro tamén fala da época romana para lembrar como unha investigación do CSIC, da Misión Biolóxica, demostrou que no século I d. C en Vigo xa había uvas de albariño, o que racha o mito de que viñera de Centroeuropa.