Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sobreexposición e espectáculo

A propósito da igrexa (e escultura) de A Guía

Á esquerda: alzado do proxecto do Templo da Paz da Guía (Antonio Palacios, 1930). Á dereita: alzadoda igrexa realizado por M. Gómez Román (1950).

Hai uns días coñecemos polas páxinas de FARO DE VIGO a nova da proxectada colocación dunha estatua do Sagrado Corazón de Xesús na torre da igrexa da Guía en Vigo, que polas fotografías de prensa podemos definir como un traballo de cantaría granítica simplemente artesanal. O proxecto ten un vella historia que lembraremos seguindo os estudos de Xosé Ramón Iglesias Veiga, grande experto na nosa arquitectura da primeira metade do pasado século.

Os inicios hai que procuralos hai noventa anos cando o arquitecto porriñés Antonio Palacios, que estaba na plenitude da súa traxectoria profesional, realiza un proxecto de santuario, co nome de "Templo da Paz", deseño que acompaña cunha memoria explicativa. O alto do Monte da Guía, onde debía realizarse a obra, estaba daquela ocupado por unha pequena e vella capela. Pola análise desta documentación sabemos que a idea sobre a que xiraba todo o proxecto era erguer unha torre elevada que simbolizaría a paz e a neutralidade do estado español na primeira guerra mundial; a torre debía rematar cunha grande imaxe do Sagrado Corazón realizada en cerámica e aceiro. O resto do templo, elaborado en pedra granítica, inspirado no Santo Seculcro de Xerusalén, tería un exterior de potente xogo volumétrico e esgrevia expresión, todo o conxunto posuiría, pois, un certo ar expresionista, como se pode observar nos debuxos conservados, un deseño algo afastado do historicismo medieval que Palacios levaría a cabo noutros templos realizados posteriormente como o Templo Votivo ao Mar de Panxón (Nigrán) ou a igrexa da Vera Cruz do Carballiño. No deseño sobresae unha galería exterior totalmente aberta que rodearía de vez o edificio, situándose baixo os arcobotantes. Palacios proxecta o templo, obviamente, para o culto mais tamén como espazo adecuado para cerimonias procesionais e como miradoiro sobre a ría. Esta indubidábel vontade monumentalista sería completada coa construción de dependencias anexas como un museo da paz, un sanatorio xeral, un hospital e asilo para mariñeiros, unha hospedaría e un colexio internacional.

A idea é recuperada, con menor ambición, en plena ditadura franquista. En 1951 o arquitecto Manuel Gómez Román realiza os planos do novo templo e o ano seguinte colócase a primeira pedra. Nesta nova obra -que é a que agora podemos ver construída- recóllese en parte a idea do proxecto de Palacios de 1930, tamén co remate dunha imaxe do Sagrado Corazón, que finalmente non se chega a colocar. Non obstante, a linguaxe é ben distinta, xa que Gómez Román segue nela o seu característico historicismo inspirado no barroco de placas compostelán. No camiño percorrido entre un e outro proxecto as representación do Sagrado Corazón pasaran a ser asocidas a posicións ideolóxicas ligadas ao nacional-catolicismo, un aspecto a ter ben en conta porque o valor construtivo e o contexto histórico non son tan doadamente separábeis.

Como acabamos de ver, a idea de pór unha estatua dun Cristo como remate da torre da igrexa estaba nos proxectos de Antonio Palacios e Manuel Gómez Román, porén, outra cousa, ben distinta, é o sentido que pode ter erguer unha escultura destas características no noso presente, tendo en conta que actual igrexa, coa solución final adoptada, sen escultura, non está nin moito menos inacabada. Cómpre lembrarmos que as imaxes tipo Corazón de Xesús, alén da súa carga político-relixiosa ligada ao catolicismo ultraconservador, recollen desde o punto de vista estético a peor tradición formal das imaxes relixiosas decimononicas, son un compendio do kitsch que á escala proposta (cinco metros e sete toneladas) adquire todas as connotacións do termo: pasado de moda, pretensioso e de mal gusto. Se chega a facerse efectiva a súa colocación, ademais das evidentes lecturas políticas que implicaría, sería unha mostra estética dunha banalidade edulcorada, que se enxergaría desde moitos puntos da ría de Vigo. Non sería, pois, unha intervención calquera na cidade, sería, usando un concepto de Georges Didi-Huberman ( Peuples exposés, peuples figurants. L'Oeil de l'histoire, 4, 2012) unha sobreexposición máis na luz artificial do espectáculo, que invisibiliza a cultura dun pobo, nesta ocasión por exceso.

Compartir el artículo

stats