Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un pintor para Galiza

Manuel Colmeiro no MARCO

Vista parcial da mostra celebrada nas instalacións do MARCO (Vigo). foto: jose lores

Nas nosas identidades hai máis de cultura que de bioloxía e, aínda que resulta efectivo aludir á natureza para xustificar as obstinacións persoais, somos en esencia unha construción cultural. Ela, a cultura, é antes e despois de nós, e o resto disólvese na nada. Pode que por esta conciencia, Manuel Colmeiro renunciase a toda distracción para concentrarse nisto que nos une e, dalgún xeito, converter a súa actividade plástica nun feito político.

Porque a cultura reina; podemos contar a historia dunha sociedade a través da obra dun pintor aínda que non estea na súa vontade. Sucede que non é posíbel estar para alén do poder, e para o caso que nos ocupa, esta cuestión non só estaba comprendida senón que foi unha vontade inquebrantábel. Galiza foi a constancia da obra de Colmeiro, unha verdade que xorde espontánea das obras que nestes días poboan o MARCO de Vigo. Como a auga que moldea a pedra, o seu pobo converteuse en materia persistente sobre todas as superficies da vida.

O comisario da exposición, o historiador, Carlos López Bernárdez, ofrece unha análise excelente da pegada do artista no contexto dunha época convulsa. Ao longo do traxecto mantén a nosa atención sobre unha condición da mirada do pintor que nos indica que só podemos distinguir unha identidade se perdura no tempo, actualizándose e singularizándose sen perder as necesidades do presente.

A proposta condúcenos a unha necesaria resignificación da obra de Colmeiro ende a macroanálise, na que recolle as claves sociais, políticas e culturais á microanálise, despregando traxectos cara ao universo estético do pintor. Ilumina cada recurso a través deste dispositivo transversal que artella entre as unidades estéticas, a identidade galega e a perspectiva histórica. Isto permítelle desprazarse entre unha e outra dimensión creando unha visión integradora da realidade individual, comunitaria e histórica da vida do artista. O historiador aproveita os cambios sociais para contrastar a obra nos momentos de maior conflito e intensidade, revelando as transformacións estéticas salientábeis.

Colmeiro vive unha época perturbadora coa creba dunha orde política que abría oportunidades ao cambio social. Unha expectativa que compartiu coa súa xeración: en efecto, Os Novos participaron de numerosos proxectos culturais comprometidos coa Galiza da diáspora. Unhas expectativas que prometían materializarse nun novo marco internacional que os traizoou.

A preocupación pola identidade irrádiase na exposición pero no é unha realidade puntual. Atopamos esta necesidade de expresión nun contexto máis amplo. A conciencia de identidade aniña no pensamento e difúndense de forma implícita. Pero en situacións sociais inestábeis, estas representacións convértense nun argumento necesario de crítica e reflexión que no noso caso se instalou xa a partir da xeración do 98.

Merece unha especial atención a articulación de Galiza, que se establece como un territorio físico e mental dentro da realidade do inmigrante. A observación que realiza o artista sobre a subxectividade do sentimento nacional do noso pobo substánciase en mensaxes na proposta estética. Neste senso é destacábel o interese pola exclusión social e cultural do pobo, traducidas en recursos estéticos con asimilacións da tradición histórica medieval e barroca. Atopamos na exposición numerosas referencias á elaboración dunha iconografía que desprega relatos ao servizo da identidade galega e a súa proxección internacional.

Bernárdez preséntanos unha aproximación rigorosa, estritamente documentada, que nos proxecta en perspectivas mutuamente incluíntes que emprazan o espectador no horizonte estético do cadro e que se emplía na comunidade galega e no horizonte social, cultural e político internacional. Unha visión totalizadora para achegarnos á dimensión individual do pintor e da nosa identidade.

Colmeiro e a súa xeración atoparon un sentido na súa arte que os vinculaba a unha transformación esencial da vida e a sociedade nun proxecto dignificado da arte e das súas vidas pena que a a historia a escriben os que gañan.

O común como sentido

  • A exposición articúlase seguindo o curso da vida do pintor, o que favorece unha lectura integradora coa contorna. Así non podemos deixar de integrar neste percorrido os moi diferentes espazos nos que construíu o seu universo creativo. A perspectiva sempre achega maior claridade na análise, e no caso de Colmeiro estas etapas son parte substancial da súa vida. De 1913 a 1926 iniciouse na pintura en Bos Aires. O retorno a Galiza esténdese entre 1926 a 1937, período no que atopa os sinais que integran o seu pensamento na realidade compartida pola súa xeración. De novo en Bos Aires, no exilio entre 1937 e 1948, desenvolve unha intensa actividade vinculada a artistas de moi diversos orixes e cos seus compatriotas. En París permaneceu entre 1949 e1986 dende onde retornou a súa terra. A aspiración non está pechada porque o pasado proxéctase na representación do presente e as identidades auténticas reflicten as necesidades das sociedades. Estas subxectividades compartidas nútrense das imaxes de cada momento crucial da comunidade, non están ancoradas nun espazo atemporal seón que abrollan nun continuo proceso paradoxal de identificación e diferenciación.

Compartir el artículo

stats