Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Salvador Rodríguez: "Unha historia é boa cando o lector sente a necesidade de chegar ata o final"

Salvador Rodríguez en FARO. foto: eli regueira

- Na primeira parte da súa nova obra, e que dá título ao libro, En las rendijas de la memoria (Punto Rojo Ediciones), aborda Vde. itinerarios vitais de seres anónimos (ou case), pero que dun xeito ou doutro fixeron historia. Como é o seu traballo de investigación?, Como localiza a existencia deses protagonistas?

- Busco, agás excepcións, personaxes descoñecidos ou pouco coñecidos con historias interesantes, bonitas, sorprendentes?E a partir da primeira ollada fago o traballo normal que realiza calquera xornalista cando anda embarcado nunha reportaxe: buscar fontes de información, contrastar os datos e os feitos;contactar, se é posible, con testemuñas ou falar co propio personaxe, se aínda está vivo?Ao cabo, trátase de coñecer o máximo posible de quen e de qué estás falando. E cando coidas que xa reuníches todos os elementos que estimas que che fan falta, procedes, no meu caso, a escribir, a contar a historia.

- O editor galego de Rayuela , Francisco Porrúa, Walther Giese, espía alemán en Galicia, Julio Souza Fernández, fotógrafo da Guerra Civil? toda unha galería de personaxes "extraordinarios" desfilan polas páxinas do libro. Hai algún, ou algúns, que o conmoveran máis que outros ou, digamos, cuxa fazaña o impactou máis?

-Todos me pareceron moi interesantes, pero non teño favoritismos. Pero por citar unha das historias que máis me abraiou, direiche que foi a da odisea dos mariñeiros do Nuevo Endem, un barco de baixura de O Grove que, fuxindo da Guerra Civil, acabou faenando en Centroamérica, despois en Cuba e, finalmente, en Miami. E iso que só querían chegar a Francia!

- Falando de Rayuela e de Cortázar, aos seres que iluminan as diversas historias que conta, poderíaselles aplicar aquela frase do grande autor arxentino: "En realidade as cousas verdadeiramente difíciles son todo o que a xente cre poder facer a cada momento".

-Cortázar tiña toda a razón, e iso reflíctese moi ben nas vidas de moitísimos emigrantes galegos en América ou dos exiliados da Guerra Civil que combateron aos nazis. Así e todo, a min gústame máis a frase "a realidade adoita superar a ficción" e mais a súa variante: "calquera semellanza coa realidade NON é pura coincidencia".

- En las rendijas de la memoria pode considerarse unha continuación doutro dos seus libros, Historias de galegos extraordinarios ?

-En certo modo, si, malia que non o fixen consciente nin premeditadamente. De feito, aínda hai pouco que me decatei de que case podo falar dunha triloxía composta, ademais de por este libro, por Memoria de náufragos, que foi o primeiro dos tres.

- A segunda parte da obra desenvólvese baixo o epígrafe de "Blues de la frontera", na que recrea ou relata episodios de máis actualidade, moitos revestidos de zumarenta literatura, como "Yo, el Sireno".Coida, como dicía Manuel Leguineche, que as noticias só teñen interese se se contan como unha historia?

- O xornalismo da noticia pura e dura foi o primeiro de todos os xéneros periodísticos e proviña do telegrama. A partir del xurdiron os demais: a crónica, a reportaxe, o artigo de opinión, a entrevista?Toda noticia pode ser, ou non, o iceberg dunha boa historia, dunha historia interesante, pero no ten que ser necesariamente sempre así. En todo caso, todo traballo xornalístico que se precie ten que dar resposta ás cinco preguntas básicas: qué, cómo, cándo, ónde e por qué.

- Considere esta pregunta similar á anterior pero referida ao segundo apartado da obra, os "Blues da Fronteira": onde profunda para descubrir eses episodios, esas narracións que son reais pero pinceladas desde ángulos diferentes?

-Mentres na primeira parte do libro practico os xéneros da reportaxe e a entrevista, a segunda, "Blues de la Frontera", está integrada por artigos, un xénero no que me podo permitir o luxo de opinar, recrear ou incluso imaxinar, unha licenza loxicamente vedada nas historias anteriores.

- E abundando máis nisto, Que é necesario para que unha historia non perda o interese do lector?

-Iso a mín resúltame imposible explicalo porque escribo por instinto, non teño fórmulas máxicas, fóra da de tomar café e fumar. Se acaso, procuro seguir o consello de Billy Wilder para as películas: hai que comezar cun terremoto?e de aí para arriba! A clave dunha historia é saber contala. Que cando unha historia é boa? Pois teño chegado á conclusión de que cando a contas de tal xeito que consegues que o lector sinta a necesidade de chegar ata o final, de non "deixala en banda", como dicimos no Morrazo. É como o humor: son dos que penso que non hai chistes bos nin malos; na maioría dos casos depende de quen e de como chos conten.

- No libro inclúe personaxes vinculados á comarca do Morrazo, como Torrente Ballester ("Chalo se nos casa"), José María Castroviejo ("El señor de los cuervos"), ou Staffan Mörling ("El vikingo enamorado").Trátase tamén dunha homenaxe á súa terra? (por outra banda, moi presente na súa obra?)

-É unha débeda contraída con respecto a Historias de galegos extraordinarios onde non aparecía ningún protagonista do Morrazo, no cal fun reparar cando xa era demasiado tarde?Pero, ben; por outra banda, tamén publiquei un libro dedicado íntegramente a Bueu, con reseñas de Cangas e Moaña: Liboreiro Blues.

- Vostede, que leva décadas no oficio, cara a onde considera que irá o xornalismo escrito nesta era dixital e da imaxe?

-Non me atrevo a pensalo a fondo porque todas as previsións son bastante pesimistas, pero sempre haberá noticias que comunicar, historias que contar, xente que o faga e xente que as lea. O soporte? Evidentemente cada vez téndese mais ao dixital, pero, dunha maneira ou outra, o papel seguirá estando aí durante moitos máis anos do que cren os "nostradamus" de turno.

- Ten en mente xa unha nova obra, ten material para iso? Falará tamén deses "galegos extraordinarios" cos que sempre nos sorprende?

- Con En las rendijas de la memoria dou por rematada esta " imprevista" triloxía xornalística, pero de certo que seguirei camiñando por outros territorios da escrita nos que non descarto absolutamente nada.

Compartir el artículo

stats