Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Vidas cruzadas nun cursiño

Espontaneidade e doses de humor

Vidas cruzadas nun cursiño

O debut na narrativa de Manuel Portas foi unha das grandes novidades da literatura de noso no ano 2010. Desde entón, outras cinco pezas narrativas e dous dos premios literarios máis importantes do sistema literario galego; e a mesma calidade acrecentada se cadra en cada nova peza. Tal é o caso de Por puntos, Premio Blanco Amor 2018: unha novela coral que reúne nun cursiño a un conxunto de seres humanos quebrados por varias circunstancias da vida.

Os protagonistas da mesma acoden os fins de semana para recuperaren os puntos do carné de condución que perderon por diversas circunstancias, e no pecado vailles a penitencia, como lles di a autoridade chulesca do curso. Persoas cheas de vida, de humanismo; na miña estima, o retrato do mundo nunha clase de recuperación de puntos: a perfecta ama de casa que acepta o papel de "muller de" ata que pilla o home séndolle infiel; o mozo ao que perde a velocidade; a muller de cincuenta anos, trinta e cinco deles viúva co alcohol como única válvula de escape; o substituto que tamén exerce de arrebatado poeta, que vai para recuperar os puntos que vendeu, o home que aos corenta e cinco anos asume a súa homosexualidade, ou Tupé con fama de matón. Tamén Rosa a encargada do café.

Estes son algúns dos compoñentes dese protagonismo coral. Manuel Portas fainos saber das súas vidas, angueiras, traballos e problemas que entre si, sen se decatar , van tecendo unha malla de complicidades para fuxiren da soidade na que se atopan ensumidos, ata chegar ás desavinzas ou ilusións amorosas. Namoramentos case de adolescentes, aloulados e pegañentos, mais case que sempre enganosamente fanados.

Tales son os personaxes da novela, ateigados de humanismo, da intimidade que vai nacendo entre eles mais Manuel Portas o único que fai é contarnos a vida, descartando, como noutras achegas, o relato de grandes feitos, de grandes persoeiros. Emporiso o texto avanza a bo ritmo, cunha estratexia narrativa sinalada polo mesmo autor. A teoría do iceberg: omisión, un certo minimalismo, fixándose nos elementos da superficie, mais, ao meu ver, debaixo desa oitava parte que aparece encol da auga, déixase sentir, sen ningunha dúbida, a posición crítica e subxectiva do autor.

Trátase dunha novela, ademais, que presenta un plus de aventura, de estratexias para ligar, dotada con sutís doses de humor e amosando arreo un idioma no que, máis unha vez, domina a frescura, a espontaneidade e o sabido dominio do galego. Eis, entón, o retallo dun libro de xente que está farta de non ser querida.

PORTAS, Manuel, Por puntos, Vigo, Ed. Galaxia, 2019, PVP. 18,70 ?

Compartir el artículo

stats