Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un náufrago universal

Tricentenario do Robinson Crusoe

William Takaku e Pierce Brosnan en Robinson Crusoe (1997).

Hoxe cúmprense os trescentos anos da saída de imprenta do Robinson Crusoe, unha das máis célebres narracións de aventuras de todos os tempos, considerada por moitos como unha sorte de Don Quixote inglés e o seu autor, o londiniense Daniel Defoe, como un dos fundadores da novela neste idioma.

A obra, unha das máis lidas e relidas en toda época, narra as peripecias de Robinson Crusoe, un mariñeiro de York que, logo de naufragar preto da desembocadura do Orinoco, consegue sobrevivir nunha illa perdida durante vinte e oito anos.

Aínda que modernamente se universalizou o seu título abreviado, o certo é que, cando saíu do prelo de W. Taylor aquel 25 de abril de 1719 con ilustracións de John Pine, tiña un título ben máis longo e explicativo, como, por outra banda, era adoito na altura: A vida e incribles aventuras de Robinson Crusoe, de York, mariñeiro, quen viviu vinte e oito anos completamente só nunha illa nas costas de América, preto da desembocadura do gran río Orinoco, tendo sido arrastrado á beiramar tras un naufraxio no que todos os homes morreron agás el. Cunha explicación de como ao final foi abraiantemente liberado polos piratas. Escrito por el mesmo.

Na actualidade sabemos que Defoe novelou sucesos reais de mariños do seu tempo e anteriores. Tense escrito que que puido servirlle de inspiración a historia do náufrago Pedro Serrano da que fala nos seus Comentarios reais (1609) Garcilaso de la Vega, un capitán que en 1526 foi o único supervivente dunha expedición polo Caribe e que botou nun atol oito anos. Tamén que na narración do inglés hai pegadas do texto O filósofo autodidacta de Ibn Tufail (s. XII) e incluso da crónica Un relato histórico da Illa de Ceilán (1681) do igualmente mariñeiro Robert Knox. Agora ben, é comunmente aceptado que o seu modelo principal foi a historia do capitán escocés Alexander Selkirk, quen tivo que sobrevivir nunha illa do Pacífico catro anos e catro meses logo de ser abandonado á súa sorte tras un motín.

O lugar no que Selkirk ficou só é a illa que hoxe leva o seu nome, pertencente ao chileno Arquipélago de Juan Fernández, que xunto coa illa chamada, precisamente, Robinson Crusoe, conforman os dous territorios principais deste conxunto insular.

A novela de Defoe tivo tanto éxito que apenas catro meses despois da súa aparición o autor deu á luz un novo volume coa continuación do relato baixo o título Máis aventuras de Robinson Crusoe e, un ano máis tarde, deu á imprensa un outro texto arredor do sentido e significación da súa narración titulado Reflexións profundas verbo da vida e as sorprendentes aventuras de Robinson Crusoe. Tanta foi a fama que a obra alcanzou que xa a fins do XIX era un dos libros máis traducidos e adaptados da literatura occidental, contándose máis de setecentas versións que incluían tamén moitos textos ilustrados e compendiados.

Ollada dende a sensibilidade dos nosos días, a novela orixinal ten treitos que poden resultar menos atractivos, sobre todo naquelas pasaxes de excursos morais e relixiosos. Iso explica que fose editada decote en versións abreviadas, que unicamente recollían o relato aventureiro. Mais a historia de Robinson Crusoe segue conservando, trescentos anos despois, todo o seu interese e, tamén si, a súa relevante consideración como alegoría política, filosófica, sociolóxica e ética. Entre outras cousas porque este náufrago, xa universal, é todo un mito no que se condensa o sentimento de crise existencial e soidade modernas, mais tamén unha parábola social do ser humano enfrontado á natureza, coa súa adaptativa evolución nun contexto de liberdade máxima.

Velaí a razón de que autores tan sobranceiros como James Joyce ou Edgar Allan Poe no pasado, e, máis preto de nós, Michel Tournier, Jean-Marie Gustave Le Clézio ou John Maxwell Coetzee volvesen ao seu universo. O que non debe de sorprendernos, pois xa escritores pouco posteriores a Defoe como Jonathan Swift ou Robert Louis Stevenson dialogaron co Robinson Crusoe. Así, non faltan os que interpretaron As viaxes de Gulliver como unha resposta realista ao optimismo idealizante de Defoe e todo parece apuntar a que A illa do tesouro xoga á parodia co Robinson Crusoe a través do personaxe de Ben Gunn.

Na gran pantalla

  • Adaptada ao cinema unha e outra vez polos máis grandes directores e interpretada por míticos actores (Georges Meliès, Luis Buñuel, Peter O'Toole), transformada en ópera, espectáculo de monicreques, serie televisiva, banda deseñada e ata videoxogo, fixéronse dela tamén versións fílmicas con reescrita protagónica feminina (velaí Miss Robinson Crusoe, dirixida en 1954 por Eugene Frenke e protagonizada por Amanda Blake) e mesmo con ambientación marciana (así o Robinson Crusoe en Marte, filmado en 1964 por Byron Haskin con Paul Mantee no papel principal). As aventuras de Robinson Crusoe e o seu amigo Venres seguen a ser, a tres séculos vista, unha das máis apaixonantes historias nunca contada, que foi vertida ao galego por Gonzalo Navaza nunha excelente tradución de 1986. Unha obra, por certo, que tamén inspirou os nosos creadores: velaí, poño por caso, o relato "Rubén Cruzoi" das Vidas senlleiras (1999) de Darío Xohán Cabana, o Robinson contado polas alimarias (2011) de Marilar Aleixandre ou o Venres (2013) de Santiago Freire.

Compartir el artículo

stats