Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Debater os clásicos

Toda unha regalía

Debater os clásicos

Dicía Umberto Eco, no seu marabilloso ensaio P or qué leer a los clásicos (lamentablemente, non temos a versión en galego, pero se non o coñecen, non deixen de perderse nas páxinas deste libro estimulante), que unha obra clásica, entre outras cousas, é un texto que non rematou todo o que ten que dicir e que cando un lector máis cre coñecela de oídas, máis suxerente e novidosa lle resulta a súa lectura. Toda lectura dun clásico é ademais, sempre, unha relectura. Pouco ou nada importa que xa leramos a obra anteriormente, porque en realidade, estamos dialogando con todo ese bruído de consideracións que xerou a súa recepción. Quizais por isto, cada vez que se publica na lingua de noso un destes textos universais, cómpre celebrar que podemos falar con el dende a nosa propia tradición. Velaí a ledicia que me provoca que teñamos, por fin, A señora Dalloway de Virginia Woolf, traducida por Celia Recarey, en galego da man de Irmás Cartoné.

O primeiro que lles quero dicir é que pouco importa que teñan xa o libro en castelán ou en inglés, esta edición ben merece un oco nos seus andeis: pola coidada versión e pola fermosura da súa presentación, unha sorte de homenaxe a esa primeira frase, xa mítica, da novela; "A señora Dalloway dixo que xa compraba as flores ela" e ao tempo no que esta acontece: unha mañá de xuño. O segundo que me gustaría comentarlles é que eu, como tantas outras lectoras que compartiron con Clarissa Dalloway a preparación da súa festa, teño tamén os meus motivos, alén do anterior, para achegarme á obra, que comparto porque coido que así lles podo inocular o pracer de camiñar estas páxinas. Gozo cos seus personaxes, unha sorte de mapa da alta sociedade inglesa do momento en que foi escrita (1925), coas súas arelas e os seus impedimentos . Sorprendeume sempre o seu contraste entre as dúas historias que transcorren paralelas: a dunha aparentemente apacible Clarissa, aínda que sobresaltada moitas veces polos seus pensamentos, e a de Septimus Warren, un antigo combatente da Gran Guerra, que sofre síndrome de estrés postraumático e beirea a loucura. Inquiétame, porén, como os dous personaxes centrais comparten certas característica: o interese por Shakespeare e a anguria pola opresión social. Interésame moito o tratamento de certos temas, coma o medo á morte, o dereito á intimidade, a decadencia do imperio británico e o feminismo. A técnica narrativa, que emprega en non poucas ocasións o monólogo interior, suponme un reto. Mais, sobre todo, sedúcenme as preguntas que continuamente me xera. Por todo isto, coido que este A señora Dalloway é luxo para os amantes do libro artesanal, unha regalía para aquelas que queren seguir enfrontándose ás obras clásicas e debatendo con elas.

WOOLF, Virginia, A señora Dalloway (trad. Celia Recarey), Ed. Irmás Cartoné, A Coruña, 2018, PVP. 14, 50 ?

Compartir el artículo

stats