Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O puño e a letra

Inaugurando o cómic literario

Unha das imaxes incorporadas a O puño e a letra.

Hai uns meses topeime por casualidade con Asonancia (Apa-Apa Cómics, 2018). Habería que bendicir tantas serendipias! Asonancia é unha pequena antoloxía de cinco poemas clásicos convertidos en cómic. A obra está realizada por Gabri Molist (Barcelona, 1993) en formato fanzine, vinte e oito páxinas grampadas a tres tintas impresas en risografía, moi ao gusto de festivais de autoedición como o Gutter Fest, onde foi presentada. Ademais do seu inicial atractivo gráfico, xa que o xogo das tintas e mais a xeometría da cuberta funcionan moi ben, e aínda aínda sen ler o cómic, pareceume unha proposta curiosa. Non por desatinada. De primeiras, a ilustración e a poesía parecen posuír esas calidades abstractas e intelixencia sensible que farían un bo matrimonio, pero, cada unha polo seu contexto e traxectoria histórica, parecen situarse nas marxes da literatura dunha forma oposta. A poesía, no alto, como unha disciplina distante, destinada a esas mentes preclaras que poden entendela. A ilustración, non, concretamente, a banda deseñada, un pouco máis abaixo. Bastante máis abaixo, tristemente. Tanto que ás veces é excluída da literatura e ten que loitar para incluírse en cultura. Estereotipos, ambos, prexuízosos e perniciosos. Non é a primeira proposta deste tipo; de feito, existe todo un xénero chamado Comic Poetry, pero tanto o formato como o autor, o seu estilo e o público ao que van dirixidos fan que a premisa pase de curiosa a interesante, atrevida incluso.

Por iso alegreime bastante cando, en outubro, a editorial Xerais publicou O puño e a letra, unha selección de corenta poemas de Yolanda Castaño (Santiago de Compostela, 1977), reinterpretados e convertidos a imaxes por diversos autores e autoras galegos de banda deseñada. A iniciativa xurdiu da propia autora. Fran Alonso, director da editorial, cualificou o proxecto de "singular [?], atrevido, arriscado e valente, que crea un novo xénero". A proposta, que coincide co 25 aniversario da obra de Castaño, aínda que non crea o xénero, si que se converte no primeiro cómic poético galego, asumindo un reto que podería abrir as portas a futuros e futuras valentes. Baixo a coordinación de Xulio Carballo Dopico (A Coruña, 1978), poderemos atoparnos pezas de Norberto Fernández, Alberto Taracido, Cristian F. Caruncho, Jano, Fran Jaraba, Xulia Pisón, Paula Esteban, Fran Bueno, Xulia Vicente, David Rubín, Miguel Robledo, Manel Cráneo, María Ferreiro, Alicia Jaraba Abellán, Víctor Rivas, Kike J. Díaz, Xosé Tomás, Anxo Cuba, Los Bravú (Dea Gómez & Diego Omil), Yupiyeyo / María Álvarez Hortas, David Pintor, Kiko da Silva, Miguelanxo Prado, Roberta Vázquez, Xan López Domínguez, Siro, Xaquín Marín, Rubén Mariño, Pepe Carreiro, Santy Gutiérrez, Martín Romero, Ramón Trigo, Brais Rodríguez, Miguel Cuba, Cynthia Alonso, Abraldes, Miguel Porto, Dani Xove, Tokio e Fernando Iglesias Kohell. Como vedes, unha selección ecléctica de autores de diferentes xeracións e estilos.

O coordinador non podía estar mellor escollido. Licenciado en Filoloxía Galega e Teoría da literatura e literatura comparada, doutor en Estudos lingüísticos e literarios de galego e portugués con tese sobre banda deseñada ( Para unha historia dá banda deseñada galega: a narración a través da linguaxe gráfico-textual), Carballo é un grande especialista no tema. A mesma editorial, Xerais, publicará o seu libro Os pioneiros da BD galega a principios do 2019. Para esta atrevida proposta, os seus coñecementos foron esenciais, xa que a selección de autores, ademais de por calidade, foi feita por traxectoria artística e intereses, buscando a quen mellor encaixase con cada poema.

Semellante proposta, tan ben orquestrada, que ofrece a posibilidade de atraer novos lectores e compracer aos xa existentes, merece un pouco de apoio. A edición está moi coidada e a un prezo moi razoable.

Creo que pode ser unha boa idea para este Nadal. Cambiemos as panxoliñas por poemas. Veña, un paso máis aló: regalemos (ou autoregalémonos) poemas visuais. De certo que non nos arrepentimos do cambio.

A MiiC en Compostela

  • Ata o 10 de marzo do vindeiro ano é posible visitarmos a segunda edición da Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea (MiiC2): unha exposición colectiva que ten lugar Centro Cultural Afundación en Santiago de Compostela. A entrada é gratuíta sempre que haxa unha inscrición previa. Comisariada novamente por Matilde Rodríguez, de O gato cósmico, nesta oportuniade podermos gozar de obras de grandes creadores e creadoras contemporáneos nacionais e internacionais, como Lara Lars, María Hesse, Sonia Pulido, Brosmind ou Christoph Niemann. A mostra conta con máis de 200 ilustracións, divididas en 19 proxectos, 16 individuais e 3 colectivos. As pezas están elaboradas con diferentes técnicas: collage, videocreación, ilustración, cerámica, instalación? e o concepto que as rodea é máis persoal, destacando o valor artístico da ilustración como medio de expresión de vangarda. Destaca unha importante presenza feminina (dos 16 proxectos individuais, 13 pertencen a mulleres) e tamén a inclusión de grandes representantes galegas recoñecidas, como a xa mencionada Lara Lars, xunto a Iria do Castelo ou Bea Lema. As obras colectivas inclúen, da súa banda, unha mostra dos premiados de ELCAF (famoso festival londinense de arte e banda deseñada), videoclips de MiiC TV e ilustracións da colección ABANCA.

Compartir el artículo

stats