Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A cruz de entrelazo de Riofrío

Arredor dunha xoia do románico

Cruces de entrelazo de Albeos (Crecente)

"En época románica era sin duda costumbre común a todos los pueblos de nuestra Península el rematar sus templos con cruces, sin embargo en ninguna otra región española vamos a encontrarnos tal variedad y cantidad de ejemplos como en Galicia". Esta cita do profesor Bango Torviso (1979) permítenos arrancar o estudo dunha das xoias medievais que posúe o noso país e boa parte do noroeste europeo, as cruces románicas de entrelazo. Centrarémonos no único exemplar de tipoloxía calada que existe na bisbarra do Condado: a antefixa que se ergue sobre o muro piñón sur da igrexa de San Miguel de Riofrío (Mondariz), un tesouro que, con frecuencia, pasa desapercibido incluso para estudosos como De la Cigoña Núñez e Andrés Sampedro, autores dun magnífico libro especializado sobre as cruces, cruceiros e petos deste concello publicado en 2008.

En arquitectura románica coñécese como antefixa a ornamentación situada no borde do tellado para ocultar o extremo dunha fieira de tellas ou capias. Así a cruz antefixa de entrelazo de Riofrío é o resultado da superposición dunha cruz patada e outra de Santo André, ambas inseridas nun círculo que, no caso que nos ocupa, aparece claramente sobrepasado pola forma en aspa e, de forma mínima, pola forma grega; o centro da composición ocúpao un cadrado perforado.

As cruces patadas son un tipo de cruz grega que locen brazos trapeciais que se estreitan a medida que se achegan ao centro e, pola contra, se ensanchan nos seus extremos. Bango Torviso sinala que son de tradición hispánica xa que "ya habían sido utilizadas por los hispanovisigodos", sendo moi populares en Asturias (Cruz de Oviedo ou de Los Ángeles por exemplo), o que as sitúa cronoloxicamente no período no que reinou Afonso III (866-910), Regi Gallaeciarum, pero establecido na sede de Oviedo.

Castelao, pioneiro e referente na investigación das cruces de pedra en Bretaña (1930) e Galicia (1950), explica neste último traballo que este tipo de cruces son "unha proba do respecto que os mestres canteiros (...) sempre conservaban as cruces antefixas da igrexa vella que lle mandaban desfacer, para coroaren con elas a igrexa nova que construían en gosto barroco". Así aconteceu en Riofrío, onde o primitivo templo románico do século XII (Fuertes Palomera; 2013) foi derruído para levantar no seu lugar un edificio de xeito barroco, construído entre os séculos XVI e XVIII.

"Unha igrexa refeita puido perder tódalas súas pezas; pero a derradeira en perderse será o remate do cume. Asi, pois, a cruz antefixa, ou parte dela, é o que testemuña as inxurias que a igrexa leva sufrido, o que igrexa perdeu en antiguedade e en valor arqueolóxico", conclúe Castelao. Ao polígrafo rianxeiro non lle pasou desapercibido o paralelo existente entre as abondosas cruces de entrelazo do noroeste peninsular e os escasos exemplos de cruces semellantes que el denomina "celto-británicas" como as de Locmaria (Quimper, Bretaña) ou a anglosaxona de Aycliffe (Reino Unido). Aínda recentemente, no ano 2014, na cidade inglesa de Chester un xardineiro atopou de maneira fortuíta unha nova cruz de entrelazo datada no século X ("Anglo-Saxon relic") labrada en altorrelevo e idéntica ás que podemos atopar en Galicia.

No ámbito do Condado e A Paradanta, comarcas á que pertence a freguesía de Riofrío, coñecemos moi poucas cruces de entrelazo románicas. A máis próxima ao exemplar desta parroquia de Mondariz é a antefixa de tipoloxía calada -datable no século XII e carente de círculo- da igrexa de San Cibrán de Paredes (Ponteareas). Un pouco máis lonxe está a que se labrou en altorrelevo no tímpano do antigo convento de Albeos (Crecente), que data do século X (Valle Pérez; 1987), un exemplar que recorda ás cruces doutros tímpanos románicos próximos, como o da porta norte de Santiago de Bembrive ou o de Santa Cristina de Lavadores (Vigo), ambos datados entre o último terzo do século XII e principios do XIII.

No ámbito ourensán destacan as cruces de entrelazo das igrexas románicas de Santiago de Gustei (Coles) e San Salvador de Prexigueiró ou Santa Marta de Moreiras (O Pereiro de Aguiar). No norte de Portugal citaremos como exemplo de cruz de entrelazo románica a de São Tomé da Correlhã (Ponte de Lima), unha evidencia que volve facer ecoar de novo as verbas de Castelao (1950): "non podemos distinguir entre cruces románicas portuguesas ou galegas, porque todas son reliquias, igualmente venerábeis do noso acervo arqueolóxico común".

Na provincia da Coruña citaremos a cruz de entrelazo da igrexa de San Pedro de Porzomillos (Oza dos Ríos) e as dúas do templo de San Xiao de Mandaio (Oza-Cesuras). Na área de Lugo destacamos os altorrelevos con cruces de entrelazo de San Martiño de Ferreira e San Mamede do Carballal (Palas de Rei), e tamén as da igrexa de San Miguel de Eiré (Pantón).

O mosteiro de Rivo Frigido

  • Durante o século XIII Riofrío recibía o nome de Rivo Frigido, unha denominación que figura en diferentes textos medievais, caso dun pergameo de 1238 procedente do Mosteiro de Melón que menciona ao "sobrino meo Petro Ruderici et meum casale de Rivo Frigido qui fuit de matre sua", ou outro de 1242 do mesmo cenobio que cita a un "Nuno Martini miles de Rivulo Frigido testis". Ávila y la Cueva (1789-1859) infórmanos que na visita que se fixo a esta parroquia o 24 de setembro de 1541 "se dice en el auto della haberse visitado la iglesia y monasterio de San Miguel de Riofrío". É posible que este antigo convento feminino medieval fose o dedicado a San Miguel que cita Freire Camaniel (1998) e sitúa cronoloxicamente con anterioridade ao ano 995. Sobre as cruces de entrelazo, o profesor Bango destaca que a representación máis antiga que se coñece en Galicia está en dúas tabicas do aleiro das naves laterais do cruceiro da catedral de Tui; "son cruces de San Andrés que dejan en el centro un espacio cuadrangular", ao igual que sucede en Riofrío, se ben co círculo que as inscribe aínda ausente, un deseño que se completará nas antefixas de entrelazo caladas que foron labradas con posterioridade ás tudenses, como esta de San Miguel de Riofrío, ou outras semellantes como a de Santa María de Loimil (A Estrada) ou a San Salvador de Escuadro (Silleda)

Compartir el artículo

stats