Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A viñeta de Schrödinger

Unha revista de BD en galego

A viñeta de Schrödinger.

Semella que as revistas de historietas volven estar de moda. O pasado mes de abril, entre as actividades da 36ª edición do Salón Internacional del Cómic de Barcelona, incluíase unha exposición dedicada ao boom que tiveron este tipo de publicacións entre finais da década dos 70 e mediados dos 90 do século pasado.

Tras a desaparición da censura (a anterior, non a actual), estas revistas, cun contido claramente adulto, atoparon un nicho de lectores sedentos. Así apareceron El Víbora, Creepy, Cimoc, 1984, Cairo, Rambla, Metropol, Madriz, TMEO ou Zona 84, entre moitas outras. Contaban con liñas editoriais diferenciadas, nalgúns casos, pero todas tiñan en común a existencia de páxinas dedicadas a historietas de gran calidade, realizadas por autores con estilos moi persoais, provenientes de diferentes escolas gráficas, que non deixaron indiferente á xeración que as recibiu e que foron un gran paso para o asentamento da banda deseñada no país.

A partir da segunda metade dos 90, a tendencia empezou a decrecer e moitas delas morreron. Corenta anos despois, parece que nos atopamos ante un posible rexurdir. Xunto con importantes superviventes, TMEO, Kiss Comix, El batracio Amarillo ou El Jueves, e as súas xa non tan novas irmás pequenas, Cthulhu ou El Manglar (aparecidas a finais da primeira década do 2000), á riqueza do mercado súmanse revistas como Voltio, Nimio, Zona Cómic, Paranoidland ou La Resistencia.

O panorama pedía unha publicación de noso, E Kiko da Silva (Vigo, 1979) decidiu facela realidade. A viñeta de Schrödinger é o marabilloso nome dunha nova revista de historietas en lingua galega. O primeiro número publicarase o próximo mes de xullo, baixo a coordinación de da Silva e mais o apoio da Mesa pola Normalización Lingüística.

O título é unha chiscadela ao experimento ideado por Schrödinger en 1935. O ensaio situaba, hipoteticamente, un gato dentro dunha caixa opaca xunto a un frasco de veleno letal para el e un mecanismo cun 50% de posibilidades de activarse e romper dito frasco, polo que o gato tiña a mesma porcentaxe de posibilidades de vivir ou de morrer.

Con esta referencia, da Silva pretende reivindicar que o galego pode parecer un idioma morto para moitos, pero está moi vivo. Doutra banda, a presenza da morte é intensa no noso folclore e considera que é unha forma de homenaxe. Ademais, a revista é unha maneira de evidenciar que hai suficientes autores e autoras en Galicia como para crear unha publicación íntegra sen necesidade de importacións ou traducions. Un síntoma de que o mundo editorial galego posúe bos creadores e creadoras cos que traballar; con todo, moitas veces vense obrigados a emigrar ou buscar un mercado que os acolla.

Así, A viñeta de Schrödinger pretende ser un empuxe para a situación algo precaria do sector, sen demasiado respaldo por parte das adinistraciós públicas, e unha ferramenta para fomentar o coñecemento e uso do idioma, que se atopa nunha situación non menos precaria.

O primeiro volume contará con trinta e dúas páxinas a toda cor, compostas por entrevistas a autores gráficos nacionais e internacionais e historias breves e autoconclusivas, creadas por dezaseis autores nacionais. Entre os cales: Miguelanxo Prado (A Coruña, 1958), Fran Bueno (Santiago de Compostela, 1967), Fernando Iglesias (Vilagarcía de Arousa, 1967), Fernando Llor (Vigo, 1982), Miriam Iglesias (Ferrol), Víctor Rivas (Pontevedra, 1965), Zaida Novoa (Pontevedra, 1993) ou Fonso Barreiro (Noia, 1980).

A intención é publicar catro números anuais; é dicir, unha publicación cada tres meses, cun prezo de cinco euros, coa posibilidade dunha subscrición anual (é posible facelo desde a súa web). O primeiro número terá unha tiraxe de 1.500 exemplares, cifra ambiciosa que, esperemos, chegue a esgotarse.

Kiwi: independente e para nenos

  • O renacer deste tipo de publicacións non se limita só ao ámbito adulto e á banda deseñada; neste último ano asistín gratamente á presentación de revistas culturais, literarias e de poesía. Asemade, un xénero que tamén está a recibir savia nova é o da literatura e ilustración infantil. Paréceme moi importante a educación plástica e visual dos máis pequenos, xa que é algo que se descoida en moitos casos de forma pública, e aínda que o mercado conta con varios títulos de revistas infantís, adoitan tratarse de "franquicias", traducións en papel de debuxos animados de cadeas ou versións mini de revistas adolescentes. Kiwi, creada por uns novísimos ilustradores madrileños (Jorge García Valcárcel, Raquel Navarro Nora, Martha Rivas e Marina Hernández Ávila), representa unha alternativa atractiva con contido e gráficos de calidade, á altura das estranxeiras Anorak, Maki Minimag e Dot, que decidiu aterrar en castelán; outro síntoma da boa saúde que mostran as revistas. Grazas ao micromecenado, os seus responsables conseguiron asegurar un ano de publicacións trimestrais. A quen estea interesado, ou interesada, pódense mercar as dúas primeiras na súa web, así como suscribirse para recibir as seguintes. Con ou sen peques na casa, paga moito a pena.

Compartir el artículo

stats