A historia ensina que moitas das persoas que se afanan en mostrar e defender, de palabra, unha ríxida e estrita relixiosidade, así como unha moralidade exacerbada e excluínte, adoitan levar unha vida marcada pola hipocrisía, por un cadro de valores asentado no principio de que a man dereita pouco sabe do que fai a esquerda, e viceversa. A veces, ao mellor moitas veces, o decorrer da vida pública desas persoas que din vivir asentadas na virtude máis encomiable e que esixen dos máis a mesma exemplaridade, non se compadece co que acontece na súa vida privada. Hai exemplos a esgalla, para quen queira velos. Molière soubo velos e quixo denuncialos.

No caso desta súa peza, asistimos á progresiva transformación dunha familia nunha grea de paifocos, da man dun falso devoto de nome Tartufo, que lonxe de dedicar os días e as horas a cumprir co seu estrito réxime de vida supostamente monacal, urde a maneira de quedar cos bens todos do pobre Orgón e casar coa súa filla, Mariana, para maior regalía de corpo e espírito. Felizmente, será a criada de Mariana, Dorina, a que descubra a impostura e argalle a maneira de deixar en evidencia ao falso devoto, mostrando a natureza verdadeira das súas maquinacións. E así é como empezan, en tantas ocasións, as historias de vida dos poderosos, que van subindo pola escala social a base de enredos e mentiras. Por iso as obras de Molière sempre gozaron de tanto aprecio e aceptación entre as compañías de teatro e os seus públicos, porque como acontecía tamén no celebrado Entremés del Retablo de las Maravillas de Cervantes, esas pezas serven para revelar a crúa natureza da realidade social e política. Onda nós Molière sempre foi moi representado. Por algo será. Será que hai moito "tartufo".