Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Aquela Chanson

No adeus a Patachou. Os norteamericanos alcumárona como 'Sunshine girl'

Henriette Ragon, "Patachou"(1918-2015).

No imaxinario cultural europeo do século XX, Francia era un elemento nuclear, tanto para o pensamento conservador (Maurras, Céline, Maritaine) como para ás vangardas e ás esquerdas (Camus, Sartre, Picasso, Breton, Gide, Malraux). Pero por riba de sectarismos, emerxía unha manifestación que, desde París, dominou non só Francia, senón o continente enteiro: a chanson. Eran aqueles tempos (os da perda de Indochina) cando Francia comezou a quedar reducida á estrita metrópole, circunstancia que reforzou a identidade nacional e popular: baguette, viño tinto, o Tour, o fútbol dos Kopa e Fontaine, os cigarros Gauloises, o PCF como partido da maioría obreira e intelectual e a chanson.

Pero ese mundo comezou o seu particular declive despois da independencia de Alxeria, sinalaba recentemente Joan de Segarra a propósito da visita de Filipe VI a París. Segundo este lúcido xornalista catalán -bo coñecedor de Francia- foi daquela -coa puntilla dos feitos de 1968- cando o país veciño perdeu definitivamente a súa proxección mundial e, tal vez o que é peor de cara á súa identidade colectiva, unha mingua da unicidade que París impuxera desde Henrique IV: as rexións comezaron a coller identidade e a defender cadansúa lingua e as empresas bandeira deixaron a súa francidade a prol da multinacionalidade.

Pero por riba de todo iso, a música popular urbana (parisiense) en francés seguían a unificar uns devezos e unha lingua que aínda era sentida como común grazas á radio e aos cabarés e music-hall despois da segunda guerra mundial, cando a recuperación da condición nacional común era un dos obxectivos. E para iso, a chanson resultou balsámica.

Sen esquecer o singular caso de Charles Aznavour -digno dun pacto co demo-, coa morte hai unhas semanas de Henriette Ragon "Patachou" -outra lonxeva- pecha definitivamente o mundo vivo daquela canción.

París a fins dos anos 50.

A Patachou foi o que poderiamos considerar unha parisiense enxebre. Non ía para o mundo da farándula xa que despois de ser obreira, vender verduras, pasteleira e na editorial musical de Charles Trenet, montou un restaurante co seu marido e esa pensou que era a súa vocación. Pero aquel local, que ela chamou Le Patachou (por "pâte au chou", os petisús que se adoita a dicir en Vigo e por Galiza adiante) era veciño de diversos cabarés e os artistas destes o frecuentaban. E se arrancaban con algunha canción, Henriette acompañaba o ritmo golpeando un vaso na mesa de quenda.

Por seguir a vontade dos seareiros, Henriette comezou a cantar e así non cumpría contratar artistas. E entre as brincadeiras, a de cortar a garavata aos clientes, quedando o anaco pendurado do teito. Un daqueles clientes foi Maurice Chevalier e foi capaz de convencela para que cantase en público pero nun escenario, o do propio restaurante, transformado en cabaré. E ben axiña (1951) precede nunha actuación a Henry Salvador, un histórico polivalente da música francesa (canción, jazz, pioneiro do rock, bossa nova). E de aí, ás principais salas de París (Bobino, Jacques Canetti, Les Trois Baudets), Londres ou Nova York.

No seu local actuaron artistas principiantes, despois consagrados, como Jacques Brel, Aznavour, Georges Brassens ou Frida Boccara, entre outros. Despois de actuar, facer cine e vivir durante vinte anos nos Estados Unidos (onde foi alcumada de "Sunshine girl", raio de sol), vendeu Le Patachou pero pasou a directora artística dun cabaré na torre Eiffel e acadou ofrecer sesenta recitais no Théatre des Variétés.

Cabería dicir que a súa vida -ordenada dentro do que cabe- estaría no lado oposto da da raíña da chanson, Edith Piaf, pero deixounos algunhas cancións inesquecibles, como "Pigalle", "Mon homme" ou "Domino".

Compartir el artículo

stats