Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ENTREVISTA - Xosé Lois Ripalda

"Os contos populares reflicten a alma galega"

O autor vén de publicar Lendas, contos e historias ao pé do lume

Xosé Lois Ripalda. FOTO: ELI REGUEIRA

- O seu libro titúlase Lendas , contos e historias ao pé do lume

-Os contos reflicten a melancolía, o lirismo, a saudade e todas as formas da alma galega, a vida dunhas xentes para as que non existe o si nin o non, cuxo distintivo principal é a variedade e a relatividade. Os contos e lendas naceron nos beizos do pobo e a eles debemos acudir na procura de alivio para as nosas mágoas, ao non seren só un produto da fantasía, nin tan sequera unha etapa da nosa vida , senón que forman un elemento inseparábel do pensamento e que nos aconsellan cunha dozura maternal .

-Leva Vde. moitos anos dedicado a recoller historias que veñen de fontes orais. Teno máis doado agora que cando cando deu os primeiros pasos nese labor?

- Ao longo da miña vida, dende a neneza, fóronse gravando no meu maxín tradicións e historias das xentes da miña freguesía de Erbedeiro, situada dacabalo das provincias de Lugo e Ourense. Nesta encrucillada mistúranse lendas , historias e tradicións á que lles dei pulo . Hoxe en día xa non sería igual porque naquelas persoas estaban as vivencias populares e o senso do noso idioma e da nosa cultura e, ao desinzarse, as aldeas foise todo iso

-En xeral, procura ser fiel ás historias tal como as escoitou ou sempre engade cousas do seu maxín?

-Non se trata de ser fiel ou infiel. O escritor de historias non vai cun espello ás súas costas reflictindo todo o que a realidade lle ofrece sen máis, porque igual que un pintor combina cores, el emprega a súa imaxinación, que é o poder de invención que ten o ser humano para acadar visibeis ilusións.

-En que criterios se basea para seleccionar as historias que finalmente decide escribir e publicar.

-Eu non me baseo en ningún criterio; as historias xorden polo contacto das xentes: ás veces é unha frase ou un comentario que abondan para sentar os alicerces dunha lenda, que logo colle vida todo en harmonía e baixo un sentimento de amor e simpatía Eu endexamais desboto nada, todo para min merece atención porque as historias e contos saíron do pobo para ser manexadas dunha maneira sabia por uns e por outros .

- Este libro ábrese cunha serie de historias dedicadas aos faros . Por que os contos dos vellos fareiros nos resultan aínda tan engaiolantes, tan "románticos" ?

-Penso que iso se debe en parte ao inesquencibel Jules Verne. El ,coma ninguén, deixou constancia nas súas obras da aura romántica que de sempre tiveron os fareiros; transmitiunos a súa imaxe de homes curtidos polo sol, o mar e o vento co seu xersei de colo alto, botas grandes, pantalóns de pana, pucho de lá sobre unhas longas guedellas, e cubríndoo todo, un chuvasqueiro co que apañaba centos de treboada. Iso xunto a que os fareiros de sempre estiveron vencellados ao misterio e ao tráxico, por acharse os faros en lugares afastados, e tamén esgrevios, dando lugar a que fosen testemuña de numerosos naufraxios, fan que se consideren os fareiros omo unha salientábel figura romántica.

-Vde. tamén foi mestre. Cal é o mellor consello aos alumnos para que se afeccionen a ler?

-Eu pretendería transmitir todo o máis posíbel o espirito de esculca de observación nos nosos picariños dende curta idade, e para iso non se pode estar encerrado entre catro paredes senón que hai que saír, porque igual que un escritor non pode descubrir nada dende unha poltrona senón en relación coas xentes, os nenos e nenas dificilmente poderán ter amor por nada se non o coñecen antes . Pouco importa, poño por caso, entregarlle a un neno ou nena un libro sobre a nosa flora de ribeira se endexamais viron un amieiro, bidueiro ou ameneiro; porén o exemplo serve para moitas cousas máis .

-Tamén elaborou traballos no eido da etnografía. Ten xa proxectado sobre o que vai falar o seu próximo libro neste campo?

- Si. Precisamente o último que acadou un premio, A pesca fluvial en Galicia, será publicado no Almanaque Agrícola ZZ, na sección "Rescantando un anaco da nosa cultura"; por certo, que é a sexta vez que o gaño. Canto a posibeis publicacións, teño que dicir que xa non son un proxecto senón unha realidade. O meu vindeiro traballo sobre o devandito eido trátase de Terra e auga, un libro ambicioso e complexo relacionado cos camiños e o seu entorno, así como ás construcións para a auga, pasos , pontes, fontes, etc . Mais antes terá que saír un libro de narrativa para rapaces e rapazas, O inspector Chumbo, porque non se pode esquecer que, ante todo, son un contador de historias.

-Por que se os musulmáns a penas asentaron en Galicia, abundan tanto as historias galegas que tratan de mouros e de mouras ?

-Os mouros e as mouras en Galicia nada teñen que ver cos musulmáns. Son seres míticos que viven debaixo da terra, entre penedos e mámoas, e que gardan fabulosos tesouros que poden acadar aqueles que sexan quen de romper o seu feitizo. Porén, ninguén o pode levar a cabo: isto é así para ensinar que a verdadeira felicidade non está en conseguir tesouros.

-Por que as meigas galegas teñen boa fama e, en cambio, as doutros países case sempre son malvadas?

-Nisto hai moita confusión, que eu tencionarei de aclarar segundo o criterio de persoas entendidas na materia. A confusión quizais poida vir porque en Galicia hai dúas clase de bruxas: por un lado está a chamada menciñeira, remedieira ou curandeira, que sanda con prantas e herbas e que comeza case sempre a súa actuación por medio de ensalmos, por iso tamén recibe nlgúns casos o nome de santeira; e, por outro lado, está a meiga que vai a xuntanzas chamadas aquelarres, onde está presente o diaño e que, segundo o mal que fagan, reciben distintos nomes: chuchonas, lavandeiras, voadoras...Aínda que, como dixen, sobre todo iso hai distintos criterios. Pero é importante non confundir ambas bruxas...aínda que unha bruxa curandeira pode ser considerada como meiga por un siaeiro ao que non lle fixo as cousas ao dereito.

Compartir el artículo

stats