Marta Villar, xornalista de La Opinión A Coruña, gaña o premio Xerais de novela

O xurado elixiu por unanimidade á escritora malpicana pola súa obra 'Detective Ferruchi'

Marta Villar, co seu último libro.

Marta Villar, co seu último libro. / IAGO LÓPEZ

O xurado da XLI edición do Premio Xerais de Novela, o máis prestixioso do sector editorial en Galicia, acordou declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema Detective Ferruchi pola escritora Marta Villar, xornalista de La Opinión de A Coruña, diario pertencente ao mes grupo editoral que FARO DE VIGO (Prensa Ibérica). A decisión foi tomada por unanimidade.

A novela conta a historia de Sol Cortes que, tras moitos anos fóra, regresa a Umeiro, a súa vila natal, e monta unha libraría. Poucos días despois da apertura, aparece brutalmente asasinado Xan Sequeiro, un veterinario insociable e introvertido pero a quen toda a veciñanza admiraba pola súa capacidade e sensibilidade no trato cos animais.

A investigación deste asasinato conforma o núcleo "dunha trama rica e heteroxénea tecida con fíos narrativos de emoción, enxeño e intensidade", comenta Xerais no seu comunicado, no que engade que "os numerosos personaxes, peculiares e sorprendentes, interactúan con naturalidade na historia mediante uns diálogos fluídos e espontáneos onde, unhas veces con humor e outras con gravidade, van infiltrando na novela diversos temas que levan a reflexionar de forma crítica sobre os comportamentos xerais da sociedade actual".

"A utilización dunha voz narradora limpa e aguda consegue manter a intriga dende o comezo a través dun ton cómico e paródico pero tremendamente eficaz", conclúe Xerais, que recorda que o xurado estaba composto por Celia Fernández (libreira en Espazo lector Nobel Ourense), Lucía Madarro (adestradora deportiva e bookstagrammer en @lumadoito), Asun González (graduada en Filoloxía Hispánica), Sergio Álvarez (exfutbolista e actual conselleiro do Real Club Celta de Vigo), Pedro Iturburua (profesor xubilado de Lingua e Literatura) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto. 

Nesta edición presentáronse 35 obras ao premio. Ademais, o xurado recomenda a publicación da novela finalista que se presentou baixo o lema Nena de auga.

Marta Villar (Malpica de Bergantiños, 1973) é xornalista e integrante de consello de redacción da Revista Cultural Mallas da Area, de Bergantiños. En 2020 conseguiu o Premio Tiflos de Xornalismo e resultou finalista no XLI Premio de Xornalismo Julio Camba Afundación. Foi finalista tamén nos certames de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal nas edicións de 2021 e 2022, así como no Premio de Poesía Gloria Fuertes do Concello de La Rinconada (Sevilla) de 2021. En 2023 publicou a súa primeira novela Non temerás os coches amarelos, editada en Xerais. Con Os peidos máxicos de Sultán, publicada por Xerais hai só unhas semanas, estreouse no eido da literatura infantil.

Pola súa banda, o xurado da XVI edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil declarou gañadora por unanimidade a obra titulada I’m Obélix, que resultou ser da autora Raquel Fernández Fernández. Por último, a obra gañadora do XXXIX Premio Merlín de Literatura Infantil é Milú e o edificio das persoas extraordinarias, escrita por Abel Tomé.