Jorge Sieiro | Secretario e orientador laboral da UNED Pontevedra

“A orientación vocacional ten que estar presente dende primaria”

Falará da pedagoxía como saída profesional de futuro no II Congreso Copegal

Jorge Sieiro, na aula magnada UNED Pontevedra.

Jorge Sieiro, na aula magnada UNED Pontevedra. / Cedida

M. González

M. González

O salón de actos da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela acolle hoxe o II Congreso Copegal “Facendo pedagoxía 50 anos”. No primeiro dos relatorios, ás 9.30 horas, dentro do bloque de orientación laboral, Jorge Sieiro, secretario e orientador laboral da UNED Pontevedra, falará sobre “Pedagoxía e recursos humanos. Unha saída profesional de futuro para novos graduados”.

–Di Paula Suárez, presidenta de Copegal, que este congreso é un espazo que lles brinda a oportunidade de actualizar coñecementos e técnicas pedagóxicas así como xerar redes de contacto con profesionais apaixonados pola educación.

–Estamos a facer sinerxías entre Copegal, a USC e a UNED de Pontevedra coa idea de por en valor e facer máis forza para a creación dun Colexio de Pedagoxía e Psicopedagoxía en Galicia. É bastante necesario por dignificar a profesión e loitar polos intereses dos graduados e dos profesionais dun campo no que aínda temos que explicar moito o que facemos.

–Falará dunha saída profesional de futuro para novos graduados.

–Agora mesmo ten unha gran saída profesional no eido dos recursos humanos, en todo o mundo da empresa, onde hai uns anos parecía inviable. Un pedagogo pode demostrar nunha empresa moito máis do que se pensa.

–Por exemplo?

–Temos experiencia en todo o ámbito da formación, somos especialistas no mundo da educación e da formación, e hoxe en día un profesional ten unha formación continua ó longo da súa vida, e os pedagogos podemos poñer en valor a importancia desde desenvolvemento e fomentar o interese pola formación continua dos traballadores, sexan do tipo que sexan.

–Faise máis necesario que nunca no panorama laboral no que nos atopamos?

–Estamos nun mundo laboral cambiante, tecnolóxico, no que conflúen moitas xeracións, e polo tanto no ámbito formativo ou no da selección de persoal o pedagogo ten moito que aportar.

–Relacionamos a pedagoxía co entorno educativo, pero non se repara tanto na vertente laboral.

–A orientación profesional e laboral está nas empresas no desenrolo de competencias, de carreira profesional, análise de intereses e de futuro profesional, que é un dos aspectos que máis valoran as novas xeracións nunha empresa: o crecemento interno e o profesionalismo da súa carreira profesional.

–É unha tendencia en auxe a presenza de pedagogos nas empresas entón?

–Os departamentos de formación levan traballando moitos anos nas empresas, pero hoxe en día a introdución dos plans de formación internos son básicos para adaptarse ás necesidades do mercado laboral, ó mundo económico actual e, sobre todo, á produtividade.

–Crece o interese do alumnado pola pedagoxía?

–Certo. Sempre lles digo que hai pedagogos en multinacionais galegas e estatais e plans de formacións que as universidades están mudando para dar máis importancia ó mundo da empresa en titulacións como a pedagoxía e para iso temos que loitar, facernos presentes e volver a presentarnos.

–A presentarse?

–Cando empecei a traballar sempre me preguntaban: “Que fai un pedagogo nunha empresa?”.

–Esa loita por poñer en valor a profesión.

–O mundo da empresa e o da orientación profesional é un ámbito moi amplo no que temos cabida. Podemos acompañar a unha persoa na busca de emprego ou no seu crecemento interno na súa empresa. Estamos no momento máis difícil para selección de persoal. Temos moitas variantes, moitas cousas que avanzan moi rápido, e dende recursos humanos temos que apostar pola formación para intentar adaptarnos día a día.

–Como se pode facer ese acompañamento na busca de emprego?

–Un orientador laboral non é unha persoa que che busca un emprego. Eu mando tarefas, porque eu podo axudar a traza-la folla de ruta, pero a persoa que encontra o emprego es ti. Podemos axudar, dende a presentación do mercado laboral, das saída de cada unha das carreiras... A orientación é unha guía, un acompañamento, para atopar un primeiro emprego ou, incluso, para a reestruturación dunha carreira profesional. A evolución do mercado laboral é tan rápida que moita xente está colapsada nesa busca. O que facemos é unha presentación da realidade e marcamos ese camiño a seguir para a consecución de cada un dos obxectivos.

–Tamén e importante o tema da orientación vocacional.

–É importante que cada vez estea máis presente no sistema educativo, incluso dende primaria, atreveríame a dicir, porque son decisións que van a marcar o futuro.

Suscríbete para seguir leyendo