100 anos de Alfonso Zulueta de Haz

O notario vigués cumpliría mañá o seu centenario

Foi o artífice da tradución da Biblia orixinal ao galego; presidiu a Fundación Penzol e o Consello da Cultura Galega

Alfonso Zulueta de Haz foi notario en Marín e Vigo e activista social.

Alfonso Zulueta de Haz foi notario en Marín e Vigo e activista social. / M. NÚÑEZ

Mar Mato

Mar Mato

“Houbo xente que para a edición da [primeira] Biblia en galego estivo facendo aportacións mensuais durante 15 anos. Bote as contas. Pagaban mil pesetas daquela durante ese tempo. Foron 180.000 pesetas [cada persoa] para recibir unha Biblia de regalo. Foi do ano 1973 ao 1989. Houbo xente que naqueles anos apoiaba así a cultura galega. Alfonso Zulueta de Haz foi unha delas”, lembra Silvestre Gómez, vicepresidente de editorial de pensamiento cristián SEPT.

De vivir, Zulueta de Haz –falecido en 2017—, presidente da SEPT nos anos 70, do Consello da Cultura e da Fundación Penzol, cumpriría mañán 100 anos.

Dende entidades como o Consello da Cultura Galega rendéronlle homenaxe coa celebración dunhas xornadas, coordinadas por Silvestre Gómez.

Nelas, falouse da importancia da Biblia en galego –que xa vai pola cuarta edición, a última con revisión lingüística do ano 2021 baixo o paraugas de Galaxia– que impulsou Zulueta de Haz nun momento no que as compañías como a Editorial Galaxia animaban a costear a edición de libros con aportacións individuales, polo que a SEPT decidiu seguir o modelo.

“Falamos dunha tradución feita dende as linguas orixinais: hebreo, arameo e grego. Daquela, estaban facendo outra tradución ao galego, de Casado Nieto, pero dende a versión latina. Hai que ter en conta que a tradución da SEPT foi realizada maioritariamente por especialistas en estudos bíblicos”, engade Gómez.

“Calquera lingua debe ter traducidas as obras fundamentais de literatura universal e a Biblia é o libro máis lido e traducido. Era lóxico que houbera a súa tradución ao galego. En canto ao aspecto relixioso, para oficiarse a misa, e noutros actos litúrxicos, nunha lingua precísanse os textos e, polo tanto, a tradución da Biblia”, explica Silvestre Gómez.

Os dous coincidiron nos anos 70 na SEPT e alí foi onde Gómez se percatou de que “era unha persoa de conviccións claras. Sabía exactamente o que quería facer pero por outra parte era moi respetuoso cos demais. Era unha persoa moi atenta á situación dos demais” cun labor conxunto coa súa dona, María Teresa Fernández.

Labor social

Isto refrendouno co seu labor social: fundou e presidiu a Fundación Tutelar Galega para Discapacitados Psiquicos Sálvora e foi asesor xurídico e fundou a Asociación Xoán XXIII para as persoas con diversidad funcional.

O notario vigués estivo, antes de Vigo, destinado en Marín, época na que se meteu de cheo na actividade cultural de Pontevedra onde foi o primeiro presidente do Ateneo da cidade do Lérez. Alí, organizaba charlas dun grande abano ideolóxico: dende Carl Marx a Xoán XXIII, por exemplo, en plena década dos anos 60 da dictadura franquista.

“Era unha persoa de conviccións relixiosas moi firmes. Concordaba co espírito do Concilio Vaticano II, que supuxo unha renovación na Igrexa”, defende o tamén historiador. Naquela altura, o galego recibira a autorización do Vaticano para ser lingua oficial de liturxia en Galicia a partir de xaneiro de 1969.

Galeguista de corazón, Zulueta de Haz mantivo moi forte o seu compromiso político. Foi fundador do Partido Galego Socialdemócrata co que foi candidato nas primeiras eleccións.

Tamén foi vicepresidente de Galaxia, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, do Consello da Cultura Galega, entre outras entidades.

Impulsor do acordo co Concello de Vigo para amosar o legado de Penzol no Casco Vello

A Casa Galega da Cultura, ubicada no antigo Concello de Vigo no Casco Vello da cidade, acolle unha das mellores coleccións de Galicia de libros e documentos chave do galeguismo e da literatura galega para a súa investigación. Trátase da Fundación Penzol. Que ese legado se atope nese edificio, débese ás negociacións que realizaron no seu día Antón Vidal Andión e Alfonso Zulueta de Haz co apoio tamén de Francisco Fernández del Riego.

De Haz converteuse no ano 2012 en presidente da Fundación Penzol. Cinco anos máis tarde, xa moi enfermo, deixou o cargo pero o padroado designouno presidente de honra. O legado de Zulueta –de documentos, libros e obras de arte– atópase agora na Penzol.