Entrevista | Paula Carballeira Escritora, narradora oral e actriz

“Parece que as persoas esteamos empeñadas en facer o posible por ser sempre novas”

'Ubasute', a súa nova obra teatral, fala “do abandono entendido de moitas maneiras”

Paula Carballeira.

Paula Carballeira. / Distrito xermar0

M. González

M. González

“Ubasute” (Editorial Galaxia) é o nome da nova peza teatral de Paula Carballeira (Fene, 1972), galardoada dramaturga e narradora oral galega, que gañou o Premio Nacional de Literatura Dramática 2023 por “As alumnas”. Nesta nova obra, á venda nos vindeiros días, a autora fala sobre “as diferentes maneiras que hai de deixar para sempre algo, alguén ou incluso de abandonarse a un ou a unha mesma”.

A nova obra naceu, ademais, ao abeiro do programa “Dramaturxias itinerantes / Dramaturgias itinerantes”, froito da colaboración institucional entre o Consello da Cultura Galega, o Camões-Centro Cultural Português en Vigo, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e a ESMAE do Porto, e ten como obxectivo o encontro entre creadoras escénicas de Galicia e Portugal.

Ademais, onte déronse a coñecer as obras que forman parte da primeira ronda dos premios Follas Novas do Libro Galego, onde “Daniel no peirao” (Galaxia), ilustrado por Eli García, opta ó premio á obra infantil.

–Nesta nova obra fala das diversas formas do abandono e da nosa relación coa vellez.

–A verdade é que é unha obra que se foi escribindo ó longo de varios anos, mentres daba co tema xusto, que unise as diferentes escenas que eu tiña na cabeza. E dei co tema do abandono, que realmente é o tema profundo da peza. Logo hai outros subtemas, pero realmente no que máis se centra é na relación do personaxe central, unha muller que acaba de cumprir 50 anos, coa súa propia vellez e coa súa avoa.

–Xapón está moi presente na obra, empezando polo título “Ubasute”.

–A protagonista traballa nunha axencia de viaxes e chega un home que quere ir a Xapón a facer o “Ubasute”, a abandonar á súa nai, como viu que se facía nunha película. O tema é moi transcendente, pero está tratado con certa lixeireza, porque na miña escrita sempre xogo bastante coa lingua e teño presentes os xogos dramáticos, como pasou xa con “As alumnas” ou con outras pezas que eu teño escrito; porque o teatro permite tratar os grandes temas dunha maneira directa e dunha maneira que parte tamén do xogo dramático.

Este abandono que nós temos ó que en principio non lle vemos utilidade, falo como sociedade, creo que dá para moito.

–Tamén expón unha profunda reflexión.

–Claro. Porque a obra fala do abandono entendido de moitas maneiras. O abandono que temos, como sociedade, ao que non nos interesa, porque xa non é produtivo, como a terceira idade; ou porque aínda non é produtivo, como os nenos e as nenas. Este abandono que nós temos ó que en principio non lle vemos utilidade, falo como sociedade, creo que dá para moito. Tamén o abandono que ás veces nos damos a nós mesmas, por priorizar outras cousas que, se cadra, teñen máis que ver co que se nos pon desde fóra, co sistema de valores, e sen cuestionar moito.

Abandono

–Volvendo a Xapón, ten un apego especial por este país?

–Cando estaba con este tema estaba participando nun festival de narración oral cun amigo que é xaponés e que conta moitos contos da súa cultura. Xa tiñamos falado noutras ocasións dos puntos en común das nosas culturas, da xaponesa e da galega. Eu estaba co tema do abandono, sabía que existía este termo e pregunteille, porque “Ubasute” significa, literalmente, “abandono dunha anciá”, está en feminino. Quixen saber se era xenérico e díxome que está en feminino, pero o que é o concepto é o abandono dunha persoa maior no medio dun lugar onde lle resulte difícil volver.

–Como se trasladaría isto á nosa sociedade de hoxe en día?

–Creo que se pode extrapolar co que estamos vendo coas residencias da terceira idade ou tamén ata que punto deixar a unha persoa nunha residencia ven sendo o equivalente ao “Ubasute”. Depende moito das persoas, pero ás veces sentímonos tamén culpables por iso. Eu creo que é interesante para reflexionar, sen dar ningunha resposta clara, sobre cal é, como sociedade, a nosa relación con iso, coa produtividade, co paso do tempo...

–Pasa para todos...

–Si, pero parece que as persoas desta sociedade esteamos empeñadas en negalo, en facer o posible por ser sempre novas, en lugar de asumir o paso do tempo e integralo. Pasa o mesmo con ese respecto que se lle tiña antes ós anciáns e ás anciás, e é interesante chamar a atención sobre como iso se foi transformando e, ás veces, perdendo.

Sobreprotección

–Tamén trata na obra a relación de nais e fillos.

–Si. Fala da sobreprotección ós fillos e ás fillas, con esa presencia constante, abafante ás veces. Eu sempre quero tocar varios paus, por iso cando dou co termo, ou co tema que une a todos eles, me sinto tan contenta.

–Séntese máis cómoda con este xénero?

–A min gústame moito pensar na persoa que recibe o texto e nesta obra hai moitas apelacións ao público, neste caso á persoa que le, como se fose un diálogo entre os personaxes e a persoa que está recibindo a obra. E eu creo que iso é moi interesante para quitarlle ás veces unha carga demasiado densa ó texto. Como xa dixen, o teatro permite iso. O xogo dramático permite quitarlle esa carga ás veces demasiado densa do texto e do esencial e pasar polo xogo dramático. Aquí hai moito xogo tamén coa linguaxe poética e certas referencias metateatrais... Xogar un pouco tamén a que todo é unha ficción, pero que hai unha parte real moi profunda, moi presente.

Paula Carballeira, durante unha sesión de contacontos en Cambados.

Paula Carballeira, durante unha sesión de contacontos en Cambados. / Iñaki Abella

–Que é o programa “Dramaturxias itinerantes / Dramaturgias itinerantes”?

–Digamos que a escusa para rematar esta obra foi a participación neste proxecto de “Dramaturxias itinerantes”, que nace como unha idea de achegar dramaturxias de mulleres galegas e portuguesas. Eu púxeno nos agradecementos porque é de lei; porque este texto acaba de darse forma así. Ademais, houbo unhas lecturas dramáticas por parte do alumnado da ESADg, o que che da unha pauta de como soa o texto dito por outras persoas e se da xogo dramático, e quedei moi contenta co resultado.

–Está a cargo do obradoiro de creación literaria da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), que tal a experiencia?

–Hai que vivir, facer cousiñas, diversificarse. Aparte do obradoiro, no que me encanta ser a catalizadora para dar ideas, para debater, pensar, escribir..., temos tamén un proxecto coa miña compañía (Berrobambán), que é o de “Mulleres que viven soas”. Empezaremos agora coa dramaturxia para darlle forma antes de que acabe o ano.

Premio

–Que cambia, se é que cambia algo, despois de recibir un galardón do prestixio do Premio Nacional de Literatura Dramática?

–Claro que cambia. Cambia moitísimo. Sobre todo se estamos falando dun xénero como é a literatura dramática. De súpeto, é como si existise, como si se multiplicase por moito o interese por este texto en concreto, pero que tamén abre a porta en moitos clubes de lectura, que é onde máis o estou notando, para ler teatro, para falar de teatro, de arte contemporáneo... Tamén, ó ser unha obra escrita en galego, para darlle a relevancia de que escribindo na túa lingua non hai fronteiras. Partes do teu, pero queres abrangue-lo mundo. É un cambio grandísimo tamén na miña faceta como creadora nese eido, porque ás veces me coñecen por unha cousa pero non por outra. Moita xente sabe que escribo literatura infantil e xuvenil, pero pouca xente sabe que escribo literatura dramática e literatura dramática para persoas adultas.

–E á hora de crear, é unha responsabilidade maior?

–Si, pero para min cada proxecto é unha responsabilidade enorme. Non é de xustiza para as persoas que che encargan proxectos ou cos que ti queres levar adiante se non sentises esa responsabilidades. Logo, hai circunstancias de cadran, como é no caso de ”As alumnas”, e circunstancias que non cadran, como é no caso doutras moitas obras,entón si que é unha responsabilidade porque sei que vai haber xente vai a ler con interese o seguinte que faga, neste caso “Ubasute”, espero que sexa así; pero creo que, dende o meu punto de vista, o único que podo facer é ser sincera co que son, co que escribo en cada momento, co que me preocupa e con ese interese pola reflexión de que chegue a canta máis xente mellor e que todo o mundo poida atopar algo de interese no que eu fago.

O único que podo facer é ser sincera co que son, co que escribo en cada momento

–E para seguir aportando á literatura galega.

–Esa tamén é unha responsabilidade enorme. Pensar que podo aportar eu, cal é a seguinte cousa na que podo ser significativa... E tamén gustaríame que non so fose comigo, senón con máis xente, con máis mulleres que escriben teatro, que escriben teatro en galego, homes tamén por suposto, pero sería interesante que a xente empezase a ter curiosidade polo que se está facendo.

–Esta é unha boa época para a literatura galega?

–Si. Xa levamos tempo. En Galicia hai grandes nomes, moita calidade en moitos eidos e está moi ben que de cando en vez haxa esta chamada como dicindo que hai cousas por aquí. Hai tamén moito por descubrir, por iso está moi ben picar na curiosidade de xente para saber que se está facendo. Xa leva tempo sendo un bo momento e esperemos que dure.

Suscríbete para seguir leyendo

TEMAS