O “caldo de gloria” na honra a Rosalía volve máis forte ca nunca: 421 restaurantes e comedores o cociñarán hoxe

Bares, restaurantes máis comedores de colexios, empresas e residencias prepararán este prato co que lembran que a poeta naceu hai 187 anos

Rapazada, co “caldo de gloria” nun centro de Ourense no 2023.  | // I. O.

Rapazada, co “caldo de gloria” nun centro de Ourense no 2023. | // I. O. / Iñaki Osorio

Mar Mato

Mar Mato

A Fundación Rosalía de Castro vén traballando arreo dende hai anos para que a conmemoración do nacemento de Rosalía de Castro (o 23 de febreiro de 1837) sexa máis que un simple recordatorio dunha data. Ademais dos actos culturais e ofrendas florais, impulsa alboradas con música tradicional por toda a xeografía así como a coción do “caldo de gloria”, unha receita que a poeta deixou escrita no seu poema “Miña casiña, meu lar”. Á última hora de onte, un total de 421 locais hosteleiros, comedores de colexios así como de empresas e residencias comprometíanse hoxe a elaborar este caldo. A cifra case duplica a lograda dous anos atrás cando se apuntaran poucos máis de 220.

Se vostedes se queren sumar aínda poden comunicándoo á fundacionrosaliadecastro@gmail.com que facilita dende a súa web a descarga –https://rosalia.gal/que-facemos/proxectos/caldo-de-gloria/–duns manteliños especiais que plasman a efemérede e o poema. Tamén nesa páxina, poden consultar que centros, bares ou restaurantes servirán o caldo de gloria.

Colexio de Ourense celebrando o día do nacemento de Rosalía.

Colexio de Ourense celebrando o día do nacemento de Rosalía. / Iñaki Osorio

“Miña casiña, meu lar” –relatan dende a Fundación Rosalía– foi publicado no libro “Follas novas” e presenta “a épica diaria” dunha muller pobre galega no século XIX que vai de Santiago a Padrón para chegar á casa esfameada. No fogar, a pesar de nun inicio pensar que non ten que levar á boca, ao final fai un “humilde caldo de gloria e un bolo de pote” que simbolizan “o seu triunfo sobre a desventura e a pobreza ao pé da quentura da lareira”.

Manteliño para a celebración da Fundación Rosalía de Castro.

Manteliño para a celebración da Fundación Rosalía de Castro. / Fundación Rosalía de Castro

Para aquelas persoas que queiran seguir paso a paso a preparación deste caldo, desde a Fundación Rosalía de Castro, ofrecen un vídeo co restaurante O Dezaseis de Compostela para que saia un Caldo de Gloria perfecto.

Santiago e Padrón son dúas das vilas nas que máis se volcou a hostalaría este ano para servir o caldo, mentres que en Vigo non consta ningún na listaxe. Os restaurantes máis achegados á urbe olívica que o sirvan estarán en Chapela e Redondela. Iso si, os centros de ensino en Vigo que o cociñarán si serán moitos.