A universidade alemá de Heidelberg investiga o uso do galego no Instagram

Lanza unha enquisa para coñecer o emprego da lingua na rede social

“Aínda que non sexa galega, o galego e Galicia son parte de min”, sinala a estudosa italiana que a realiza

Na imaxe, a enquisa no Instagram.

Na imaxe, a enquisa no Instagram. / FdV

Mar Mato

Mar Mato

O uso do galego no Instagram centra unha investigación dende a Universidade de Heidelberg, na Alemaña, que mantén aberta unha enquisa na rede social. A encargada de realizala é a italiana Lisamaria Fabro que despois de traballar de au pair no noso país anos atrás quedou prendada da súa lingua e vida.

“O meu primeiro contacto con Galicia –explica a investigadora– foi despois do colexio. Estiven un ano vivindo cunha familia galega de Ourense. Traballaba de au pair para coidar e falar en inglés coa nena”.

Lembra que só aprendeu a falar en castelán aínda que empezou a entender un pouco o galego que comezou a estudar de verdade na universidade. “Temos cursos de lingua e cultura galega feitos polo CEG de Heidelberg. Agora traballo no CEG (Centro de Estudos Galegos) coas compañeiras que si son galegas”, engade.

Fabro sinala que “aínda que non sexa galega, o galego e Galicia son parte de min”. Isto é vital para comprender por que unha italiana formada nunha universidade alemá dá o paso de facer un estudo sobre a nosa lingua.

Onde se atopa a enquisa?

A investigadora está a lanzar a enquisa “O galego en Instagram” que se pode atopar no perfil @ceg_uniheidelberg e que xa responderon unhas 550 persoas.

Ao longo de de case trinta preguntas, persegue coñecer a procedencia, sexo e idade da persoa que responde pero tamén con que hábito usa o galego no Instagram, se le a xente que escribe en galego e se fai comentarios sobre os contidos en castelán ou na lingua de noso.

“É un tema de grande importancia e aínda carece de suficiente investigación”

Lisamaria Fabro - Alumna de máster na Universidade de Heildeberg

decoration

Lisamaria Fabro explica que “elixín ese tema polo TFM (traballo fin de master) por que é un tema de grande importancia no día de hoxe e aínda carece de suficiente investigación”.

“A rede –prosegue– representa unha das mellores formas de incrementar o alcance da lingua e cultura galega. As novas tecnoloxías son cada vez máis importantes para a promoción das linguas. Ao mesmo tempo, como xa dixen, faltan investigacións ou enquisas sobre o tipo de contido que interesa aos usuarios. A través da enquisa, quero crear un perfil ou perfiles exemplares de consumidores os cales se poden tomar como exemplo cando se quere crear contido”.

Mais tamén hai outras de carácter subxectivo que, para Fabro, son de vital importancia. Un exemplo é cando cuestiona sobre o interese da persoa que responde por atopar máis ou menos contido en galego no Instagram. “Son preguntas importantes porque ao final se non existe interese en máis contido en galego ou non hai un desexo de fomentar o propio uso, o galego ten máis probabilidade de desaparecer da plataforma”, detalla.

A importancia da idade na rede

Asemade, Fabro presta atención á xeración de usuarios. “Agora mesmo Instagram e Tiktok figuran entre as plataformas máis utilizadas no mundo. Facebook é a primeira, pero non é importante porque os usuarios tenden a ser maiores. Elixín Instagram porque coñezo a plataforma, pero tamén pola idade dos usuarios. A idade xoga un rol importante. Os informes do Instituto Galego de Estatística mostran unha redución ou perda de falantes de galego nas xeracións máis novas. En Instagram o grupo de idade con máis representación son os usuarios entre 18 e 24 anos, que segundo o IGE tamén son os que falan menos galego”, matiza.

O fin do seu proxecto é obter a comprensión máis profunda da presenza do galego en Instagram e dos intereses das persoas que queren ou non consumir en galego. Deste xeito, poderíanse descubrir diversos métodos para fomentar o uso e a presenza do galego na rede e “contribuír a cambiar a tendencia de perda de falantes en galego ou polo menos reducir a velocidade”, sinala a investigadora italiana.

Suscríbete para seguir leyendo