Galaxia lanza o premio literario de maior dotación de Galicia, con 25.000 euros

Ten carácter extraordinario e a súa convocatoria celebra os 75 anos que cumpre a editorial no vindeiro 2025

Soutullo, Vilavedra, Vidal e Calveiro, no Café Vitrubia, a carón do piso onde naceu Galaxia. |   // MARTA G. BREA

Soutullo, Vilavedra, Vidal e Calveiro, no Café Vitrubia, a carón do piso onde naceu Galaxia. | // MARTA G. BREA / mar mato

Mar Mato

Mar Mato

“É un fito único (...) Cumprir 75 anos como editorial é un signo de vitalidade”. Con esta frase deu o director xeral de Galaxia, Xosé Manuel Soutullo, a benvida ao premio Galaxia de Novela 75 anos que se convereirá no galardón literario galego de maior dotación, un total de 25.000 euros.

A convocatoria débese a dúas efeméredes que se celebrarán no 2025: os tres cuartos de siglo da editorial e os 50 anos da publicación dun dos libros referentes da literatura galega contemporánea, “Xoguetes para un tempo prohibido”, de Carlos Casares.

De feito, esta obra coñeceuse como gañadora do premio literario que Galaxia convocara polos 25 anos de vida da editorial.

Soutullo explicouno onte en Vigo nunha rolda de prensa na que compareceron tamén Antón Vidal Andión, presidente do Consello de Administración de Galaxia; a presidenta do xurado, Dolores Vilavedra; e o secretario do xurado, Marcos Calveiro.

Na intervención Vilavedra subliñou que era “un día importante para a literatura galega porque este premio convócase coa ambición de dinamizar a literatura galega, a escrita narrativa (...) que vive un momento extraordinario con achegas con capacidade renovadora” no contexto do Estado español.

As escritoras e escritores interesados en participar poden enviar o seu exemplar inédito de novela ata o 1 de decembro deste ano. Deberán presentalo baixo plica. As novelas, pola súa parte, deberán ter unha extensión entre os 350.000 e os 700.000 caracteres, con espazos incluídos.

O xurado que lerá todos os orixinais estará conformado por cinco persoas da crítica literaria de diversos eidos e de diferentes idades (xeracións). Galaxia só deu a coñecer a dous dos integrantes (Calveiro e Vilavedra) sen dar datos das outras tres persoas. O fallo será público en abril do 2025 e a distinción vanna entregar o 25 de xullo.

Marcos Calveiro deixou claro que “non vai haber comisión lectora” que peneire os orixinais. Ademais, inda que só declararán unha obra gañadora, o xurado –se o estima convinte– poderá propoñer a Galaxia a publicación dalgún título.

Con esta convocatoria, Galaxia busca atopar unha novela sobresaínte para a poboación lectora de hoxe en Galicia que, a poder ser, faga historia como o fixo “Xoguetes para un tempo ferido” de Carlos Casares. Respecto deste libro, Dolores Vilavedra resaltou que “foi un texto moi innovador” por lideraar a vangarda, a renovación. “Esperamos que a novela gañadora escriba un capítulo da historia da literatura galega”, desexou.

Por último, Antón Vidal Andión puxo énfase no significado de Galaxia que vai alén de ser só unha empresa mercantil e que “desde o punto de vista histórico parece unha auténtica epopea”.

Adiantou tamén que en poucas semanas a editorial lanza a súa plataforma dixital e resaltou a importancia da revista “Grial”, considerada a cuarta revista máis antiga de España, se ben el reafirmouse en que é a segunda por detrás de “El ciervo”.