Como dicirlles aos nenos a verdade sobre os Reis Magos?

Chega un momento na vida no que todo pai se debate entre confirmar as sospeitas ou manter a crenza

A psicóloga educativa Conxita López indica que entre os 2 e os 7 anos os cativos teñen un pensamento máxico no que entran os personaxes de Nadal

Nenos durante unha visita aos Reis, o xaneiro pasado en Valga

Nenos durante unha visita aos Reis, o xaneiro pasado en Valga / ECG

Alba Prada Estévez

Antes de comezar é urxente dicir que esta reportaxe contén spoilers e polo tanto só é apta para que a lean os adultos. Dito isto, e xa coa conciencia máis tranquila, pasamos a desentrañar esta máxica tradición de Nadal da man de Conxita López, profesora e vogal da Sección de Psicoloxía Educativa do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

Chega un momento na vida no que toda nai e todo pai se debate entre confirmar as sospeitas dos pequenos ou tirar de imaxinación e devolverlles a fe nos Reis Magos, o Apalpador ou Papá Noel. E este momento aparece, nin máis nin menos, que cando o neno vai cumprindo anos “e no seu desenvolvemento cognitivo e emocional se producen cambios”, sinala Conxita. É aí cando comezan a aplicar o razoamento lóxico e detectan que a vida diaria non encaixa moito con estos personaxes. “Entre os 2 e os 7 anos os nenos teñen un pensamento máxico e partindo del encáixalles perfectamente que existan os Reis, Papá Noel, o Apalpador ou o rato Pérez”, explica a psicóloga educativa. “Si para eles son reais as fadas, os demos ou as princesas Disney... Por que non ían existir estos personaxes de Nadal?”.

Esta tradición, prosigue a psicóloga, crea neles unha gran ilusión. “Agardan con nerviosismo as festas de Nadal porque saben que todos estos personaxes van chegar e irán ata a súa propia casa... Así de importantes son!”.

"Entre os 2 e os 7 anos os nenos teñen un pensamento máxico e partindo del encáixalles perfectamente que existan os Reis, Papá Noel, o Apalpador ou o rato Pérez"

Conxita López

— Psicóloga educativa

A partir dos 8 ou 9 anos o uso do razoamento lóxico lévaos a cuestionar certas cousas, sinónimo de que están madurando. “Si xa non existen as fadas, os príncipes azuis nin as princesas Disney... como van existir os Reis? É o momento no que comezan a darlle voltas ou no que alguén llo descobre”, indica a psicóloga educativa. Neste punto, a especialista aconsella que os pais tenteen aos pequenos cando comecen a facerlles preguntas porque ás veces non buscan precisamente a verdade.

“Segundo o nivel de madurez do neno xa se ve se é o momento de desvelar o segredo ou de continuar coa crenza”, di. “A min no colexio moitos nenos, cando se achega o Nadal, pregúntanme en segredo si existen os Reis. Unha vez un alumno de 8 anos preguntoume si non existían porque llo acababan de dicir. Eu respondinlle que existían porque eu deixara o zapato no balcón e trouxeranme unha cadela da protectora. Cando chegou á casa díxolles aos pais, moi contento, que Melchor, Gaspar e Baltasar eran reais porque tiñan unha protectora de animais e lle deixaran unha cadela a profe”, conta. “Os pais quedaron moi agradecidos porque o neno aínda estaba no momento de seguir desfrutando desta crenza”.

Pero pode ser que o cativo xa estea perfectamente enterado do que pasa, e polo tanto aí a confirmación é o mellor. “Hai que facelo en privado, nun momento de tranquilidade e preguntarlles con moito tacto que é o que saben”, aconsella. Ademais lembra que a través das respostas xa vemos o grao de madurez do neno e se está preparado ou non para a verdade.

Pode darse o caso tamén de que o neno xa teña máis de 8 ou 10 anos e supostamente siga crendo. Aquí a psicóloga recomenda non chafarlle a ilusión. “Eu esperaría, excepto que a cousa xa sexa preocupante”. E por certo que no caso de que se lle confirme ao irmán maior, Conxita López aconsella pedirlles que garden o segredo ao pequeno.

Frustración

Cando descobren que son os pais e familiares os que os agasallan poden sentirse enganados. “Neses momentos hai que ser empáticos e explicarlles que agora están nunha nova etapa porque son maiores e lembrarlles o divertido que era e a ilusión que tiñan”, di. “É o momento de continuar a tradición e implicalos nela, por exemplo mercando coa nai o regalo do pai ou escollendo o agasallo do irmán pequeno. Desta maneira convértense en cómplices xunto aos adultos para manter a ilusión dos máis pequenos que aínda cren”.

Pero fóra desos nenos que cren ou xa non, existe os que imos denominar “a resistencia”. Son esos pequenos que aínda que o saben non queren recoñecelo porque non lles interesa. E é que hai moitos pequenos que prefiren non cambiar as regras do xogo por temor a recibir menos agasallos...