FARO lanza os II Premios Emilia Pardo Bazán no País das Rías

En colaboración coa Deputación de Pontevedra, galardoará a tres figuras destacadas do Feminismo, o Turismo e a Cultura nas Rías Baixas 

As premiadas da I Edición: Lorena Varela, xerente da Ruta do Viño, a escritora Marilar Aleixandre e Priscila Retamozo, Técnica en Igualdade.

As premiadas da I Edición: Lorena Varela, xerente da Ruta do Viño, a escritora Marilar Aleixandre e Priscila Retamozo, Técnica en Igualdade. / José Lores

Emilia Pardo Bazán é unha das personaxes galegas que máis impactaron na identidade do país, recordada pola súa forte personalidade, o seu compromiso radical coas mulleres e, por suposto, a súa valía e prestixio literarios. 

Para seguir mantendo viva esa tripla bandeira de Emilia Pardo Bazán como icona do feminismo,  precursora do turismo nas Rías Baixas e valor universal das Artes e as Letras, FARO de VIGO, xunto a Deputación de Pontevedra, celebra unha nova edición dos Premios Emilia Pardo Bazán no País das Rías, que se concederán en tres categorías a figuras destacadas da nosa provincia. 

Unha iniciativa coa que FARO e a Deputación de Pontevedra poñen en valor a figura dunha das literatas máis emblemáticas da historia da comunidade galega ao tempo que recoñecen o liderado de mulleres que hoxe en día seguen a estela dos seus valores, especialmente naqueles eidos que Pardo Bazán esbozou como potenciais do “país das rías”, tal e como a escritora designou de maneira maxistral á provincia de Pontevedra.

Esta segunda edición repite tras o éxito colleitado o ano pasado, celebrada no abrigo do centenario do falecemento da escritora, e que contou cunha alta participación. Nos Primeiros Premios Emilia Pardo Bazán no País das Rías foron premiadas Lorena Varela, xerente da Ruta do Viño Rías Baixas - na categoría de Turismo-, Marilar Aleixandre, escritora - na categoría de Cultura-, e Priscila Retamozo, Técnica de Igualdade de Xénero - na categoría de feminismo-.

Os vencedores serán anunciados durante unha gala que terá lugar na sede de AFundación o vindeiro 14 de decembro

Para edición actual, as candidaturas xa poden ser presentadas tanto polos membros do xurado como polos lectores do FARO DE VIGO a través do formulario habilitado na súa páxina web ou do correo pardobazannopaisdasrias@farodevigo.es, sempre antes do día 4 de decembro (incluido).

Serán valoradas no fallo do xurado, que nesta ocasión celebraráse entre o 5 e o 8 de decembro. Este estará composto alo menos por dous representantes da Deputación, dous representantes de FARO e tres membros externos.

Tras a reunión dos expertos, os finalistas de cada categoría serán anunciados/as nas páxinas deste xornal, mentres que os vencedores ou vencendoras, pola súa banda, serán revelados na Gala dos II Premios Emilia Pardo Bazán no País das Rías, que terá lugar o vindeiro día 14 de decembro na Sede de Afundación, en presenza de finalistas, autoridades e convidados dos diferentes ámbitos sociais: cultural, feminista, turístico, etc. 

Coa instauración destes premios, FARO pretende servir de guía para mostrar esa Galicia aliñada tras o feminismo, a cultura e o turismo sostible, ademáis de contribuír a que a figura de Emilia Pardo Bazán sexa percibida pola sociedade en todo o seu potencial, divulgando os seus valores no noso territorio.

Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal participaron na entrega de premios do ano pasado da man das actrices da Escola Superior de Arte Dramático.

Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal participaron na entrega de premios do ano pasado da man das actrices da Escola Superior de Arte Dramático. / José Lores

Os lectores de Faro de Vigo xa poden presentar a candidatura

Segundo as bases do certame, poderán ser candidatos/as aos premios Emilia Pardo Bazán no País das Rías calquera persoa ou entidade que reúna os requisitos necesarios en calquera das categorías establecidas:

Feminismo

O galardón recaería naquela figura merecedora do mesmo pola súa traxectoria, méritos e valores, contribuíndo así a unha sociedade mellor, impulsando co seu exemplo a igualdade entre homes e mulleres, así coma poñendo en valor o liderato femenino en sectores menos representados. 

Turismo

O premio pretende recoñecer emprendedoras e emprendedores cun papel destacado na proxección turística do País das Rías (empresa, sector hostaleiro, enoturismo, agroturismo, turismo náutico, roteiros de marisqueo, turismo rural, blogueiras e influencers…) tratando de apoiar os novos formatos turísticos.

Cultura

Na categoría de Cultura, o Premio pretende recoñecer as traxectorias culturais máis relevantes do País das Rías, e ao mesmo tempo enxalzar os novos valores literarios, artísticos e escénicos en todas as súas variantes… literatura, música, pintura, etc.

Deste xeito, as candidaturas poderán ser presentadas tanto polos membros do xurado como polos lectores de Faro de Vigo a través do formulario habilitado na páxina web do periódico ou cun correo a pardobazannopaisdasrias@farodevigo.es 

Todas elas serán valoradas polo xurado designado e deberán ser remitidas antes do día 3 de decembro.

Xa podes presentar as túas candidaturas aquí!