jaione camborda | Directora de “O corno”, Concha de Oro en Donosti

Jaione Camborda, directora gañadora da Concha de Oro: “As mulleres debemos decidir sobre o noso corpo”

“Ás veces, querer dar vida entra en conflito con abortar e non é así”, defende a realizadora galega

Jaione Camborda, na presentación de "O Corno" en el 71 Festival de Cine de San Sebastián

Jaione Camborda, na presentación de "O Corno" en el 71 Festival de Cine de San Sebastián / Efe

Mar Mato

Mar Mato

“O corno”, unha das últimas producións do Novo Cinema Galego, segue entre as películas máis taquilleiras españolas na gran pantalla. En 24 días leva máis de 50.000 espectadores, todo un logro para un filme rodado en galego e portugués e que está sendo proxectado neses idiomas por todo o Estado.Desde 2002, cando "Los lunes ao sol" lograra o máximo galardón do Festival de San Sebastián, ningún filme coa Concha de Oro lograra este éxito de taquilla para o celuloide galego. Falamos coa súa directora, Jaione Camborda, sobre os eixos do filme. Atención, hai spoilers.

–Continúa en máis de 40 salas de todo o Estado. Por que cre que fóra de Galicia conseguiu conectar, ademais nun país no que o ver cinema con subtítulos non encaixa moito?

–A xente disfruta de escoitar o galego, aínda hai unha dificultade por chegar ás salas de exhibición con filmes con subtítulos pero iso está mudando. Grazas a filmes que me precederon e que abriron camiño o estamos logrando. Tamén creo que obter a Concha de Oro permitiu chegar a máis salas e abrir máis posibilidades para a distribución.

–Comeza cunha escena longa dun parto moi verosímil nunha casa. Por que o énfase nesa apertura?

–Había moitos aspectos importantes. Por unha banda, había que sinalar esa escena como algo importante no filme. Por outra, quería propoñer ao espectador entrar nunha respiración, nun latexo máis pausado para permitirlle observar dende outro lugar. Tamén me interesaba ese momento entre as contraccións: algo se suspende e trascende neses momentos entre a dor. Ademais quería traballar o concepto de coidados e de soster. A protagonista é un personaxe que sostén esas mulleres. É algo moi bonito e que vén da danza.

–Naceu a partir das súas propias experiencias ao parir, ao ser nai?

–Estivo moi influenciada pola miña propia experiencia no parto. Vivila foi clave para plantexalo deste xeito. No parto, hai dous elementos: historicamente, foi moi acompañado por mulleres; tamén era interxeracional na casa para compartir algo íntimo; e como segundo punto , reveláse algo moi forte e que é lembrar os mamíferos.

Escena de "O corno".

Escena de "O corno". / Amador Lorenzo

"O filme non pretende dicir que parir no fogar sexa o correcto"

–Pareu no hospital ou na casa?

–Eu parín no hospital; ao ser diabética xestacional non me quedaba máis remedio. O filme non pretende dicir que parir no fogar sexa a maneira correcta. Eu defendo que cantidade de vidas de nais e bebés se salvaron pola medicalización do parto. Neste caso, é un parto situado no ano 1972 e interesábame recuperar esa idea mamífera, libre de movementos.

–Hai algunha crítica a como se trata agora ás parturientas nos centros sanitarios con todo o proceso instrumentalizado.

–Por sorte, está mudando. Hai moita loita por parte das matronas para que cambie esa maneira dos partos e a muller poida moverse máis; pero inda queda moito por conseguir. Hai máis sensibillidade para dar máis liberdade á muller á hora de parir, pero inda falta.

"É importante que esta xeración entenda o que pasaba daquela"

–A historia preséntanos a unha rapaza nova que intenta vivir libre a súa sexualidade pero sen coidarse. Inda que retrotrae aos anos 70 ten moita actualidade xa que o uso do preservativo e doutras medidas profilácticas está baixando.

–Temos unha xuventude máis feminista ca nunca, creo, e esta película pode axudarlle a entender de onde vimos para comprender o que hai que coidar: o dereito sobre o noso corpo. É importante que esa xeración entenda o que pasaba daquela.

María, protagonizada por Janet Novás.

María, protagonizada por Janet Novás. / O corno

–O título é “O corno” e a importancia desa parte da planta ao longo da longametraxe é alta. Como naceu o interese por ela?

–Cheguei a ela na exploración. Cando entendo que quero traballar o tema do aborto empecei a investigar os métodos de interrupción dos embarazos na época, nos 70, e atopeime con múltiples fórmulas, cada cal máis terrible. Entre elas, estaba o cornezuelo e empecei a investigar sobre el en literatura e en testemuñas. Aí descubrín que en Galicia ten unha historia fascinante como alucinóxeno, base de moitos medicamento; chamábanlle o ouro negro...

–Cal é a reflexión que quería facilitar sobre o aborto neste proxecto?

–No filme, hai un paralelismo entre o parto, o sexo e o aborto, como unha especie de tríptico dunha mesma cousa. Para min, era importante que o filme celebrara a vida, ou esa capacidade da muller de dar a vida; pero quería poñer sobre a mesa que iso non podía entrar en conflito coa posibilidade de decidir sobre o noso corpo para dar ou non vida. Ás veces, parece que querer dar vida está en conflito con outro e non; debemos decidir sobre o noso corpo.

–Hai un destino inexorable do que a protagonista non pode escapar.

–Refíreste a axudar a abortar? Para min, trátase de empatía á que agora lle chamamos sororidade. A empatía fainos capaces de coidar o outro e de ser sostidos nun mome to dado. O que move a esta muller é a empatía máis que o destino. Nesta película, non existen diferenzas entre a natureza e a persoa, non existen diferenzas entre o animal e a persoa, non existe distancia entre os seres humanos. O filme quere contaxiar de que todo iso non ten fronteiras e que os lindes impostos xeran medo, escuridade e medo.

Gala de clausura del Festival Internacional de Cine de San Sebastián.

Gala de clausura del Festival Internacional de Cine de San Sebastián. / Efe

"O corno", a primeira película en galego que competía pola Concha de Oro

O cinema galego segue a sumar puntos na súa historia máis excelsa. "O corno" foi a primeira longametraxe en galego que loitou polo premio principal do Festival de San Sebastián.

Inda que nacida e criada no País Vasco, Jaione chegou a Galicia por amor á súa parella e xa non abandonou o noroeste namorada desta terra e do seu idioma que fala á perfección e que plasma nos seus filmes.

A protagonista da película, unha road movie que se estreou nos cinemas o 11 de outubro, é a bailarina Janet Novás que nos leva á Galicia dos anos 70 desenvolvendo o rol dunha parteira que ten que fuxir a Portugal.

Jaione Camborda, vasca que reside en Galicia, xa nos deixara coa boca aberta coa súa opera prima “Arima”. Lembran aquela película que xogaba co imaxinado e o real, rodada en Monforte e protagonizada por Melania Cruz? Agora, afástase dese cinema para transitar unicamente o mundo dos vivos pero con temores tamén en “O corno”. O filme –rodado en formato dixital, a primeira vez que o fai– convertirase no primeiro en lingua galega que compite pola Concha de Oro no Festival de San Sebastián.

O personaxe de María en "O corno".

O personaxe de María en "O corno". / O corno

Jaione confesaba nunha entrevista anterior a FARO que "era moi importante que a temática tivera un vínculo forte comigo. Son muller en idade fértil e o tema de poder dar vida relacionado coa morte estaba nos meus pensamentos. Trátase da necesidade de explorar esa capacidade e ter a posibilidade de decidir sobre ela".

Tamén sinalaba a realizadora vascogalega que se trtaba dunh "muller que axuda e coida a outras mulleres pero convértese nunha fuxitiva porque algo sucede. É unha etapa de prohibicións, no tardofranquismo. Convértese nunha buscada pola lei e aí a película adquire uns tintes máis clandestinos.A clandestinidade acompaña todo o filme e tamén a sororidade entre mulleres que van axudando a nosa protagonista".

En canto ás localizacións, rodaron principalmente na Illa de Arousa e Vilanova pero tamén no Baixo Miño, ademais de Portugal e a raia á beira do Miño.

Suscríbete para seguir leyendo