“Brancura”, “Cullinan” e “O Candidato da fin do mundo”, finalistas do Xerais de Novela

“Carmiña”, “Néboa” e “Ring” optan ó Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil; e “A botella de lentellas”, “De pombas, aguias e señores corvos” e “Frida”, ó Merlín de Literatura Infantil

O xurado do Premio Xerais de Novela, na súa reunión de onte. |   // @XERAIS

O xurado do Premio Xerais de Novela, na súa reunión de onte. | // @XERAIS / REDACCIÓN

R. V.

O xurado da XL edición do Premio Xerais de Novela anunciou onte os finalistas deste ano, que se presentaron baixo os lemas “Brancura”, “Cullinan” e “O candidato da fin do mundo”.

Nesta ocasión, o xurado está formado por Diego A. Dacal, coordinador do club de lectura Sete vidas de Espazo Lectura; as xornalistas María Díaz e Tamara Novoa, Fernando Miranda, libreiro na Libraría Miranda, Ánxela Vázquez Andrade, profesora e bookstagrammer (@nazondebookstagram), e o secretario do xurado Xosé Manuel Moo Pedrosa, en representación de Xerais, con voz e sen voto.

Por outra banda, as obras cos lemas “Carmiña”, “Néboa” e “Ring” son as finalistas da XV edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil. O xurado está formado nesta ocasión pola xornalista Laura Veiga (tamén divulgadora en @pingando.gal), Erica García-Santamarina Caridad (AAGG), Cándido Paniagua Pousa, mestre e escritor; a bookstagrammer Adela Dios Touriñán (@mazadahorta), Osmar Rodríguez Pérez, libreiro na libraría Mobby Dick, e o secretario do xurado Ramón Domínguez Veiga, tamén en representación de Xerais, con voz e sen voto.

Reunión do xurado do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil.

Reunión do xurado do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil. / @Xerais

Finalmente, o xurado da XXXVIII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, que está formado por Cris de Caldas, filóloga, bibliotecaria e contadora; Ivana Gómez Abuín, mestra e bookstagrammer (@libros_e_libros); o músico Paco Cerdeira, ‘Pakolas’; a xornalista Olalla Sánchez Pintos, a ilustradora Xiana Teimoy e Anaír Rodríguez comosecretaria do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar como finalistas as obras presentadas baixo os lemas “A botella de lentellas”, “De pombas, aguias e señores corvos” e “Frida”.

Os membros do xurado do Premio Merlín de literatura infantil.

Os membros do xurado do Premio Merlín de literatura infantil. / @Xerais

Este ano concorreron aos premios un total de 87 obras e cada un deles está dotado con 10.000 euros. A as obras gañadoras daranse a coñecer o sábado, 17 de xuño, despois da última reunión do xurado, que terá lugar un día antes.

As obras “A culpa”, de María Solar; “Cicuta para dous”, de Rocío Leira; e “Unha nova dimensión”, de Anxo Iglesias, resultaron gañadoras o pasado ano do XXXIX Premio Xerais de Novela, o XIV Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e o XXXVII Premio Merlín de Literatura Infantil, respectivamente.