Galician Army, a promesa da electrónica galega que leva á pista de baile a Iván Ferreiro ou Xoel

No seu primer disco, “Nós”, o dúo de dj atrévese tamén con remesturas de temas de Eladio, Luar na Lubre, Aliboria máis Romero ou Grande Amore | Estarán en O Son do Camiño e Portamérica

Sergio Vallejo e Alberto Prado (1d), Galician Army. |   // NORA GALVÁN

Sergio Vallejo e Alberto Prado (1d), Galician Army. | // NORA GALVÁN / mar mato

mar mato

Alberto Prado e Sergio Vallejo, Galician Army, comezaron a facerse un nome coa versión electrónica que prepararon para o “Terra” das Tanxugueiras. O seguinte chanzo foi o Festival O Son do Camiño o pasado ano, amparados por Esmerarte, onde viviron “a mellor noite” da súa vida e “un punto de inflexión” na súa carreira, defenden. Este mes de maio, demostraron co seu primeiro álbum, “NÓS”, que teñen moito que facernos bailar cun disco de remixes de artistas galegos. O álbum abraia e fai soñar con escoitar (por que non?) algunha sesión en Ibiza con temas en galego.

O seu encontro foi nun concurso de dj no que se decataron de que o repertorio de ambos, que ata ese intre non se coñecían, era practicamente “calcado. Sorprendeunos bastante e xurdiu a idea de facer unha colaboración xuntos. De seguido, se nos ocorreu formar un grupo. Ao pinchar xuntos por primeira vez vimos que había moita sintonía”, explica Sergio Vallejo.

En canto ao nome de grupo, “queriamos levar a idea de Galicia con nós e que se vira que eramos un conxunto”, engade Alberto Prado. No caso de “NÓS” débese a que “a música que facemos fala de nós, das nosas influencias ao longo da nosa vida. É algo moi persoal e ademais fixemos remixes só de artistas galegos”, engade Sergio Vallejo.

Sinalan os expertos na materia que o seu son electrónico devala entre o house e o synthwave. “As etiquetas axudan a clasificar pero a veces son un pouco problemáticas porque te encasillan. Con este álbum, temos influencias das bandas sonoras dos 70 e 80, do postpunk, do house dos 90... Conflúe no noso estilo que é música electrónica de baile pero con esa inspiración”, resume Vallejo.

“Queriamos –prosegue Prado– neste disco facer o que ofrecemos nos directos onde hai distintos moods. Hai unha parte máis bailable, outra máis emotiva... Queriamos que se envolvera nunha aura que son os sons que te trasladan a outras épocas”.

Galician Army.

Galician Army. / Taker Vázquez

En canto ao álbum, que presenta oito temas, atopamos nel unha versión moi bailable do “Antígona” de As fillas de Cassandra. “Pensabamos que tiña moito potencial a canción delas, que é moi minimalista. Permitíanos xogar moitísimo. Mandáronnos as voces e compuxemos sobre elas como un folio en branco. Fixemos tres partes: a primeira, máis mística; a segunda, más bailable; e un final, emotivo, inspirado en Vangelis sobre todo”,detalla Sergio Vallejo.

Respecto ao “Non quero perderte” de Eladio y los Seres Queridos, que sona incrible, para un espazo lounge, Alberto Prado confesa que “foi a canción á que máis voltas lle demos. Démoslle un toque electrónico un pouco maior ca o resto”, inda que no principio “sonan uns acordes de fondo sacados da ‘Marcha fúnebre’ de Chopin”, completa Vallejo.

Outro artista que deu o visto bo para que os Galician Army os versionara foi Xoel no tema “La espina en tu costado” que levaron ao terreo do house e pop cunha intro de inspiración de banda sonora pero bailable.

Porén hai dúas cancións que chaman a atención pola valentía ao refacelas: o “Turnedo” de Iván Ferreiro e “O acougo do colo” de Aliboria e Romero. Escribimos coraxe porque a comparación co tema raíz podía acender aos fans de Iván e aos de Xosé Lois.

Sobre “Turnedo” , explican que querían unha canción radicalmente oposta á orixinal para pechar sesión, gardando a esencia orixinal do tema coa importancia da voz, cun inicio moi épico de BSO.

“Un reto”, recoñecen, foi tamén “O acougo do colo” porque “Baiuca traballa con eles dende hai tempo e queriamos facer algo distinto a el para facelo máis cañeiro, máis de festival, cun arpexo no principio que a xente di que lle lembra a ‘Stranger things’”, apunta Alberto Prado.

Por último fixámonos en “La Playa” de mariagrep, “A vida” de Grande Amore e especialmente no “Tu gitana” de Luar na Lubre. “Unha influencia nosa é Mike Oldfield e Rosa Cedrón colaborou con el no ‘Tubular Bells III’ polo que para nós era necesario colaborar con ela. Emocionámonos bastante no proceso. Foi moi especial”.