Entrevista | Juan Tallón Escritor, xornalista

“Vinme obrigado a deixar de escribir en galego porque non atopaba editor”

“Iso pasou e sentinme frustrado porque me doía; pero non se pode vivir con rancor” | O autor, “feliz” porque “Rewind” sae na súa lingua nai e “Obra maestra”, en francés

Juan Tallón, esta semana en Ourense, a súa cidade.

Juan Tallón, esta semana en Ourense, a súa cidade. / INAKI OSORIO

Mar Mato

Mar Mato

Juan Tallón (Vilardevós, Ourense, 1975), un dos escritores galegos máis destacados na actualidade, confesa que ten “o soño de ser poeta” pero que aínda non posúe “as ferramentas. Que máis quixera eu que selo. Oxalá algún día ocurra”. Mentras chega a data, gozamos das súas novelas, en especial de “Rewind”, que vén de ser traducida ao galego por Kalandraka e que narra como familiares e amigos conviven co pesar pola morte de varios estudantes universitarios en Lyon nun atentado terrorista. Ademais, “Obra maestra”, na próxima primavera, poñerá o seu primeiro piolet na montaña nevada do sistema editorial francés. Mentres escala, continuará coa escrita da súa nova novela que se publicará en galego e castelán simultaneamente no 2024 se todo transcorre sen imprevistos.

–Regresa ao galego.

–Si, os meus primeiros catro libros escribinos en galego e despois, por circunstancias, paseime ao castelán e durante unha década publiquei nesta lingua ata que xurdiu da editorial Kalandraka volver á lingua galega. Pensamos na tradución dunha das miñas novelas en castelán. Apostamos por “Rewind”. Cando é a tradución dun texto teu, resulta anodino pero con disciplina nun par de meses a tradución estivo feita.

–Que supón para vostede ver en galego “Rewind” ?

–Algo tan importante como retomar o uso literario da lingua materna despois dunha especie de exilio. Cando deixei de escribir en galego para facelo en castelán non foi por unha decisión propia. Digamos que me vin obrigado porque a novela que acababa de escribir “O váter de Onetti” non atopaba editor aquí en Galicia e decidín traducila. Ver “Rewind” en galego é agradable, é como volver á casa despois de moito tempo fóra.

–Custa entender que non houbera espazo nunha editorial galega para as súas últimas obras... A que se puido deber?

–Non o sei. Se vés de publicar nun selo como Anagrama pode custarche entender agora que non haxa sitio para estas obras nunha editorial do país; pero hai que pensar coa clave de hai dez anos. Tampouco me preocupo demasiado por saber por que naquel momento non conseguín editor en galego e si en castelán. Simplemente pasou e frusteime. Agora hai sitio para min, bueno, está ben. Celébroo.

–A min, doeríame bastante.

–Ah, claro, cando falo de que me sentía frustrado é porque me doía. Pero non se pode vivir con rancor. Só necesito unha editorial interesada en min. Nestes últimos dez anos, houbo editoriais galegas que me preguntaron se tiña algo en galego que podía publicar, pero iso chegaba un pouco tarde. Tiveran ocasión de facelo antes... Agora fágoo con Kalandraka.

– Por outra parte, “Obra maestra” está a piques de saír en francés.

–Sairá en abril. Está moi ben porque é unha lingua moi prescriptora así que oxalá sirva para seguir ampliando a vida do libro noutros idiomas. Dame moita felicidade.

–É un mercado interesante, son lectoras e lectores voraces.

–Sen dúbida a mellor forma de abrirse á tradución dunha novela é vía Francia. Os franceses son persoas con moito interese pola cultura. Son conscientes do que aporta a unha persoa a vida cultural.

–Perdoe que salte e regrese a “Rewind”. Comentaba que traducila fora anodino...

–Despois de tantos anos sen usar na escrita a lingua galega, sentíame atrofiado. Aínda o sinto porque ao pasar moito tempo sen escribir en galego perdes musculatura e vocabulario, fluidez.

–Transcurridos anos, non ten a inquedanza de facer cambios nas novelas en edicións posteriores?

–En realidade, acabou ocurrindo iso con “Rewind”. Quizais para volver menos anodino o proceso de tradución non me limitei a volcar a novela dunha lingua a outra senón que fixen uns pequenos cambios, máis para xogar e entreterme que por outra cousa, pero os cambios non teñen relevancia na trama.

–Ás veces, non pensa en rescatar a vida do rapaz que se salva en “Rewind” ou o carpetazo é definitivo?

–Si, carpetazo é unha palabra que define moi ben o paso dunha novela á seguinte. Cando remato un libro quero esquecelo e facer algo completamente diferente no seguinte, facer algo que me rete, que me poña en serias dificultades. Rescatar un personaxe dunha novela para facer outra posterior, non, non o vexo viable. Escribir unha segunda parte é como un pequeno fracaso ou fraude persoal.

Tallón, en Ourense, días atrás.

Tallón, en Ourense, días atrás. / Iñaki Osorio

–Quen lea esta obra e empatice moito co que acontece nas páxinas pode acabar sufrindo, a vostede pasoulle ao escribila?

–Como autor do libro foi un proceso festivo. A etapa de escritura é marabillosa, de gran disfrute persoal e profesional. Non a imaxino como algo doloroso, entendo pero non comprendo que para algúns escritores escribir sexa unha tortura. Non importa que a historia que desenvolva sexa traumática, na que os seus personaxes afronten situacións moi dolorosas. Entendo que, como lector, nun momento determinado, a novela che poida afectar, que che deixe mal corpo pero iso é extraordinario. Que un texto, que é tinta e papel, consiga conmoverte é extraordinario.

–Como empezou esta novela?

–Non me dixen ao principio que quería unha novela sobre o loito, sobre a fraxilidade ou como cada un se repón á súa maneira. Non empezou así. “Rewind” empezou como unha estrutura. Gústame ler novelas que están narradas desde distintos puntos de vista. Quería unha historia narrada por catro ou cinco personaxes que se pronunciasen en primeira persoa e me amosasen como de diferente pode ser algo visto desde distintos puntos de vista. Desde aí, empecei a buscar o tema e despois os personaxes e espazos. Primeiro foi unha explosión nunha vivenda, despois chegou os efectos e para quen. Seguiulle a cidade e cando se produciu. Así foise armando todo. “Rewind” armouse moi rápido, en 30 e pico días estaba escrito o primeiro borrador inda que logo foi reescrita durante un ano.

–Tamén se fixa na cuestión de xénero.

–Chegou un momento no que quería desenvolver un conflito que socialmente tende á invisibilidade e que é o abuso dentro da unidade familiar. É moi complicado que trascenda o abuso dun familiar sobre un menor. As novelas non só están para pór diante o mundo ficcional. Hai un tipo de lector ao que lle desagrada unha pasaxe da novela onde se dá conta dun abuso. Sabía que ía xerar debate e incomodidade. Non estamos afeitos como sociedade a falar diso e o que non estea cómodo, que se poña.

Suscríbete para seguir leyendo