A programación do 25-N non deixa de lado a arte. Na exposición “Dende a fenda”, comisariada por Paula Cabaleiro e inaugurada onte na sede da Deputación en Vigo por Carmela Silva, dez creadoras de arte contemporánea galega reflexionan dende onte sobre a fenda de xénero. Abuso sexual ou violencia de xénero, bruxería, identidade ou machismo na sanidade son algúns dos temas que abordan.
Entre as creadoras, atópase Neves Seara que presenta “ Autorretrato para DNI”. Neste cartaz, emprega a fotografía para renovar o DNI que “é a cara de presentación ante o público”, explica para por diante da faciana un texto vermello con frases que leva escoitando anos na procura dun diagnóstico para a súa doenza.
“Tras visitas a urxencias e ingresos hospitalarios nos que non me dicían de onde proviña a hemorraxia interna que tiña”, sinala finalmente recibiu a conclusión: endometriose.
Pero ata chegar a ese diagnóstico, a creadora denuncia que recibiu moitas veces “trato patriarcal. Unha xinecóloga muller chegou a dicirme que era unha histérica e outro xinecólogo espetoume: ‘Si hubieras sido diagnosticada, ahora podrías ser madre’”.
Con esta peza, Seara quere reflexionar sobre que o “feminismo ten que traballar en todos os ámbitos profesionais e que non por ser mulleres estamos exentas de ser machistas”.
Outra obra súa en “Dende a fenda” reflexiona sobre a violencia sexual contra a muller. Faino nunha instalación con cinco camisóns de mulleres de diferentes épocas postos en círculo e que foron recollidos da súa familia ou contorna.
La tiktoker viguesa Irenius X, al frente de la campaña del 25N
“Representan que sufriron abuso, violencia sexual ou impedimento para abortar por parella e familiares. Cada camisón ten unha foto dunha ruína ou ósos.É unha obra intimista que de forma íntima e visceral, case animal, traslada esa sensación das mulleres que sufriron eses abusos”, detalla.
Outra artista que amosa obra na mostra é Rebeca Larque presenta catro pezas. Unha denomínase “El miedo y la resistencia” e a outra “Testigos de confianza” e ambas as dúas teñen que ver coa bruxa e a reintepretación dos actos da fe da Inquisición nos que lles poñían na cabeza uns gorros de tea con debuxos que facían alusión aos seus castigos e supostos pecados.
A outra peza de Lar, un cadro, tamén bota man dos bordados, co texto dun poemario que defende a idea da bruxa como unha figura indepedente e rebelde. “O obxectivo é darlle a volta ao estereotipo da bruxa, asociado a cousas malas da muller,para dicir cousas boas dela e poñer en valor a súa independencia”, resalta a artista.
A Deputación tamén inclúe nesta exposición obra de Xisela Franco, Mar Caldas, Amaya González Reyes, Itziar Ezquieta, Mery Pais, Chelo Matesanz, Mar Ramón e Nuria Ruibal, vencelladas todas á Facultade de Belas Artes de Pontevedra.
Por outra parte, Constance Hurlé protagonizou a performance “Vísceras poéticas” como apertura do acto. Nela, fixo un percorrido “polas vísceras do que para min implica a palabra muller e ser muller”. Como exemplo, traballou xestualmente as posturas e posicións "absurdas" que as mulleres adquiren nas revistas de moda. Tamén incluíu unha acción de body painting pola que pintou o seu corpo de vermello, pintura que quedou plasmada nun plástico que forma parte da mostra e que presenta a frase: “Podo ser libre pola miña propia vontade. En min atópanse as sementes da miña vida futura”.
Por último, a Deputación prosegue hoxe cun nutrido programa de actos polo 25-N. O MARCO acolle esta tarde, ás 18.00 horas, Mulleres en Acción Violencia Zero que inclúe a acción "Canon circular" coas artistas Iria Sobrado, Ana Gesto e Helena Salgueiro.