Un texto sobre a memoria histórica vence no Premio SGAE de Teatro Infantil

Carlos Labraña logra que, por primeira vez, unha obra en galego gañe este certame

REDACCIÓN

Dende a delicadeza, coa emoción, así asegura que escribiu o dramaturgo galego Carlos Labraña a obra “Mambrú volveu da guerra”, que vén de gañar o XXIII Premio SGAE de Teatro Infantil 2022. A SGAE resalta que foi premiado entre 39 orixinais e que se valorou a temática, a memoria histórica, pero tamén o xeito de como se trata, con delicadeza.

“Mambrú volveu da guerra” é o primeiro texto gañador en lingua galega na historia deste certame. Explica a análise do xurado que non son moitas as súas personaxes e, sen embargo, o relato enriquécese con “tódalas voces que o mesmo autor deixa falar dende as profundidades desas cunetas ou muros de cemiterios; esta vez, dun parque infantil”.

“Mambrú volveu da guerra” presenta a historia dunha nena chamada Xana que chega a un parque infantil recén construído nos arredores do pobo.

Nese espazo, atopa un vello soldado de porcelana que alguén olvidou. “A partir desta exposición, Labraña constrúe un relato que reivindica a memoria histórica e nos leva, segundo o xurado do premio, a ‘un belo e inesperado desenlace’”, destacan desde a SGAE.

“Creo que a nosa obriga é loitar contra o esquecemento e gústame que este premio se produza precisamente agora, coincidindo coa entrada en vigor da Lei de Memoria Democrática en España”, di o dramaturgo. “Durante demasiado tempo silenciáronse historias que agora comezan a agromar. Tamén no teatro. E é importante contar estas historias aos nenos e nenas”, resalta o autor.