Gracián: “A literatura infantil galega nace por unha narración oral que nos alimenta”

“Eu quizais represente á última xeración desas nenas e nenos que creceron escoitando os avós e escoitando falar de lobos”, describiu a autora galega que presentou poemario

Ánxela Gracián foi presentada por Xesús Alonso Montero. |   //PABLO H. GAMARRA

Ánxela Gracián foi presentada por Xesús Alonso Montero. | //PABLO H. GAMARRA / mar mato

Mar Mato

Mar Mato

“A literatura infantil-xuvenil galega, boa parte dela, nace porque aquí había unha literatura oral que nos alimentou. Eu quizais represente á última xeración desas nenas e nenos que creceron escoitando os avós e escoitando falar de lobos”, explicaba onte a escritora e tradutora Ánxela Gracián no Club FARO onde presentou o seu poemario, “Paisaxes de pan” (Edicións Fervenza).

Introducida polo membro da Real Academia Galega (RAG) Xesús Alonso Montero, explicou que o libro naceu anos atrás coa chegada dun profesor e fotógrafo Daniel Díaz Trigo ao colexio de Castroverde (Lugo) quen lle propuxo facer un proxecto conxunto. Ela aportaría os textos e el as imaxes.

Finalmente, por cuestións da vida, Trigo tivo que arredarse da iniciativa ficando só as imaxes da portada de “Paisaxes de Pan” onde se ve un avión de papel saír dunha xanela dun edificio (imaxinamos que é o colexio da zona). Sen embargo, Gracián optou por “seguir tirando do frío” para compoñer poemas que falan da súa infancia, da súa Ítaca.

De feito, Montero desvelou que o seu apelido, Gracián, provén da aldea onde naceu e se criou se ben os seus apelidos reais son outros.

Para facer entrar o público na obra, Ánxela procedeu a recitar o poema “Forxáronme con palabras” onde destaca toda esa tradición inmaterial da literatura oral na que a criaron os avós, especialmente a súa avoa-biblioteca Anuncia, ao contarlle romances de cego, cantigas de berce, contos, lenda e adiviñas, ademais do vocabulario da zona (“vinte nove maneiras /de lle chamar ao diaño”, escribe) e a historia familiar.

Nesta tanto no poema como na conferencia falou de dous irmáns da avoa que foron chamados a unirse forzosamente ás filas dos nacionais na Guerra Civil. Un deles non puido retornar; o outro regresou coas súas historias de contenda.

Nese relato da familia, da infancia e da pertenza, os traballos vencellados ao agro teñen unha función primordial, especialmente a preparación do pan. “A meirande parte das historias nacen ao redor da arte do pan”, sinalou a filóloga e profesora.

Respecto a ese desexo de falar da infancia, que case sempre recordou con imaxes bonitas e amables, indicou que “o lugar de pertenza é o lugar que nos define, o que marca o que somos”.

Non obstante, houbo só un recordo máis escuro. A autora –que nun poema sinala Os carballos son para min/ a máxima imaxe da beleza posible– como crítica ao xeito de ensinar e cualificar dunha profesora no inicio das súas andainas académicas no colexio da aldea.

“Neste libro como dixo Paco Pestana non hai rancor. A infancia é feliz e hai unha homenaxe aos profesores, entre eles a don Xesús (Alonso Montero, que lle impartiu aulas na universidade). Pero tamén hai un axuste de contas cunha profesora” e o momento do “estigma” que lle fixo sufrir á autora.

Gracián tamén tivo tempo para lembrar á poeta Wislawa Szumborska e o poema que comeza “Chamo á porta dunha pedra”. No caso da autora galega parte dese verso da creadora polaca para establecer un diálogo co seu avó xa finado. A través dos versos emotivos foi describindo o lugar onde el se atopa, nunha casa de pedra de onde non pode regresar, nunha declamación que recibiu os aplausos do público.

Ao igual que a poeta Olga Novo destacou o pasado sábado no Festival Kerouac que ela era filla de dous poetas analfabetos que lle ensinaron a literatura tradicional oral e que gozaban coa narración, Ánxela Gracián, tamén sinalou que os seus avós tamén eran poetas.

No caso da súa avoa cubría a falta de erudición (cando rezaba e pronunciaba cousas que non entendía buscáballe un significado inventado alternativo e mesmo máxico) coa imaxinación inventando palabras máxicas.

No caso do seu avó, disfrazándose de home do saco para afrontar as crianzas contra o medo e que o foran perdendo dentro dun espectáculo teatralizado.

Alonso Montero: “Mentres haxa lectores de poesía e literatura o mundo non desaparecerá”

O académico da RAG Xesús Alonso Montero destacou onte na presentación do libro de Ánxela Gracián –“Paisaxes de pan”– que “mentres haxa lectores de poesía e literatura o mundo non desaparecerá”.

Alonso aproveitou para louvar a obra de Gracián e lembrar cando foi alumna súa na universidade. Esa impronta que deixou o mestre fixo que ela nestes tempos o homenaxeara nun poema que onte recitou no Club FARO “Home e medio de sol”, que fai alusión a unha expresión da aldea de Montero que explicaba ao seu alumnado de Filoloxía.

Montero resaltou que Gracián neste libro fala da súa patria, da aldea, da infancia dende os recordos “dunha nena de 54 anos”.

Indicou que “os poemas patrióticos son sempre épicos” e que buscan ver máis ou menos o horizonte; pero que tamén hai que defender o espazo e peso da poesía matriótica “que ten que ver coa mai, que é o agarimo, a dozura, suavidade, non a épica da inmensidade”.

Na súa presentación tamén tivo palabras para Antonio Machado e o seu último poema en vida do que Ánxela Gracián lembra o verso no arranque do primeiro poema do seu libro, “Aqueles días de luz”: Estos días azules y aquel sol de la infancia. Montero disertou que foi o último que escribiu tralo exilio a Francia fuxindo da Guerra e lembrando o azul da Sevilla da súa nenez.