Annie Ernaux, a Premio Nobel de Literatura deste ano, pronto estará traducida ao galego. Rinoceronte Editora confía en sacar do prelo “O acontecemento” para o vindeiro ano, un proxecto que hai un tempo xa anunciara o selo de Moisés Barcia, quen onte confirmou que en principio se van cumprindo os prazos e que verá a luz en xaneiro.

Barcia, que será o tradutor da obra, louvou que Ernaux lograra o Nobel “despois duns anos un pouco erráticos coa estraña concesión a Bob Dylan e un ano que quedara deserto. Había varias mulleres candidatas con méritos suficientes e con total xustiza Ernaux estaba entre elas”.

O editor destacou que Ernaux destaca as súas experiencias vitais para escribir dándolle un verniz literario e que abranguen dende o alzhéimer da súa nai –do que dá boa conta en “Una mujer” (Cabaret Voltaire) onde tamén son protagonistas a culpabilidade, reproches, orgullo e vergoña entre nai e filla– ao aborto, que é precisamente o tema de ”O acontecemento” sobre a experiencia que ela viviu e na que se baseou a película homónima de Audrey Diwan e que gañou o León de Ouro.

Ademais de Barcia, outras persoalidades da cultura galega estaban pendentes onte do fallo da Academia sueca e acabaron celebrando a elección.

No Twitter, a escritora Berta Dávila mesmo propuxo unha porra de varios nomes nos que figuraban Lliudmila Ulitskaya, Joyce Carol Oates e Anne Carson, sendo Ernaux a que gañou ao lograr o 40,2% de votos.

Dávila indicou que “o que me parece fascinante da escrita de Ernaux é a súa agudeza e intelixencia. É unha autora cun punto de vista moi particular. Achégase a determinados temas que teñen que ver coa condición feminina e a intimidade”.

Dende o seu punto de vista, as persoas que queiran iniciar no universo Ernaux poderían comezar por “Memoria de chica”, que trata un tema non canónico da literatura. Esa mesma proposta é que a plantexa Antía Otero (Apiario) quen se amosou leda polo Nobel a Ernaux xa que é unha autora que levan anos fixándose cos seus alumnos dos cursos da editorial. Para Otero, é moi destacable de Ernaux que trata temas que hai anos non estaban tan presentes na literatura como o aborto ou as relacións familiares. “O que máis me conmove é que emprega a linguaxe como instrumento para a busca da liberdade”, concluiu.