A sede de Afundación en Vigo acolleu onte a presentación de dous libros de homilías de san Josemaría que se publican por primeira vez en galego. O acto, presentado pola pintora Marieta Quesada, contou coas intervencións da pedagoga e escritora Rosa Montenegro; do editor Jorge C. Alonso; do vicario do Opus Dei na delegación Noroeste de España, don Ignacio Aparisi; e do bispo de Vigo, Luis Quinteiro Fiuza, autor do prólogo de É Cristo que pasa.

A editorial Agoeiro vén de publicar en galego estes dous libros de homilías de san Josemaría Escrivá: É Cristo que pasa e Amigos de Deus. O primeiro volume saíra en 1973, dous anos antes da morte do fundador do Opus Dei; o segundo é póstumo e chegou ás librarías en 1977. Cada un destes libros contén 18 homilías que foron traducidas ao galego por Araceli Filgueira Iglesias, filla do polígrafo Xosé Filgueira Valverde.