Álvarez aposta por traballar a prol da internacionalización da cultura galega

Destaca o proxecto compartido do CCG na súa reelección como presidenta

REDACCIÓN

“Pido a axuda de todos, individual e colectiva, para o cumprimento das altas tarefas que lle foron encomendadas a esta institución gardando o principio de independencia e obxectividade” afirmou onte Rosario Álvarez no seu discurso de toma de posesión como presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG). Nel destacou tamén a necesidade de “reforzar a marca do CCG, que descansa sobre catro piares: identidade, interese, rigor e innovación”. Afirmou que o seu segundo e último mandato será “continuísta con ánimo renovado” e condensou en dez liñas a programación para os vindeiros catro anos. Manterse fiel ao principio da cultura como dereito e contribuír á cohesión do ecosistema cultural galego son alcunhas das liñas de traballo dos vindeiros catro anos. Ademais, insistiu na necesidade de procurar vías e estratexias para chegar a outros públicos, desenvolver unha programación de acción exterior e traballar a prol da internacionalización da cultura galega.

“Fago miñas e deste Goberno as metas de internacionalización, dixitalización e busca de novos públicos e de consolidación do CCG manifestadas pola presidenta neste mandato”, dixo o presidente de honra da institución e presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que presidiu o acto.